Cosmopaletismo

Cosmopaletismo é un termo que creo que define moi ben a certos representantes públicos.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 04/11/2010

Comparte esta noticia

 Eu non son o inventor deste xenial concepto e aproveito para parabenizar ao creador deste termo que ainda non aparece nos dicionarios e que eu definiría como a característica propia do que quere parecer máis sofisticado e moderno renegando da sua cultura e querendo parecer cosmopolita sen logralo e, en moitas ocasións, facendo o máis bochornoso dos ridículos no intento.

 
Ser cosmopolita é moi distinto a ser cosmopaleto, o cosmopolita despreza as fronteiras xeográficas impostas pola sociedade considerando que a humanidade debe seguir as leis do Universo (cosmos) — isto é, considera os homes como formadores dunha única nación, non vendo diferenzas entre as mesmas, avaliando o mundo como unha patria. O cosmopaleto, pola contra, cre que hai nacións e culturas de primeira e de segunda categoría e homes tamén clasificados por distintas categorías, o cosmopolita abraza todas as culturas e a toda a humanidade independentemente da sua raza ou relixión, o cosmopaleto abraza todo aquilo que cre que lle fai gañar estatus social e renega de todo aquilo que cre que llo fai perder. O galego cosmopolita sabe  falar galego e castelán e ademais é consciente da necesidade de saber inglés para relacionarse no mundo do século XXI, o galego cosmopaleto cre que co castelán podería facer negocios en Frankfurt ou Nova Iorke.
 
Os cadros do PP e do PSOE en Galicia son un magnífico reflexo disto, é cosmopaletismo cando José Blanco chega a Palas de Rei onde sempre falou galego e quere demostrar o seu progreso social e o seu superior nivel aos cidadáns da vila que o veu nacer dando o mitin en castelán, Francisco Vázquez, exalcalde socialista da Coruña cria que gañaba status cos seus desprezos á nosa língua, é cosmopaletismo darlle a benvida a Bieito XVI cun cartaz en galego pero nome do papa en castelán (Benedicto), un gran representante do cosmopaletismo é o Conselleiro de Cultura que cre que a cultura galega, a mesma que lle pagamos os contribuintes para defender, “limita” como se a nosa cultura fose excluinte das demais e él a coñecese para poder opinar.
 
O cosmopaleto soe ser unha persoa acomplexada e sen personalidade que non ten moita fe en si mesmo e por iso sente a necesidade de arrimarse ao que máis quenta, buscar un referente alleo que cubra as suas carencias de personalidade e a sua falta de autoestima, o cosmopaleto tampouco aprecia moito aos seus antergos posto que non dubida en renegar do que eles representan, como por exemplo unha orixe aldeá, que en Galicia case todos compartimos, pero da que non todos presumimos.
 
O noso presidente, Núñez Feijóo é un bo exemplo de cosmopaletismo, só un cosmopaleto encargaría a defensa e promoción da nosa cultura a alguén que non cre nela como Roberto Varela, nas entrevistas que lle fan fora de Galicia evita falar de Galicia se non é para facer gala das suas políticas de limitación da língua galega, pasa máis tempo en Madrid que en Galicia para promocionar a sua carreira política persoal a costa do soldo que lle pagamos os contribuintes galegos para que nos goberne e como confesou hai pouco nunha entrevista radiofónica no ano e medio que leva na Xunta tivo tempo para facer “pouco”, a sua estratexia está clara, deixar que a crise desgaste aos seus adversarios e esperar ás próximas xerais para lograr un choio en Madrid (porque en Madrid xa está sempre sen ter o emprego ali), se Rajoy perde, postularse como sucesor e se gaña ir de ministro, por certo, nen Rajoy nen Feijóo saben inglés nen se coñeza que teñan pensado estudialo para o mellor desempeño das suas funcións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA