Iván Raña, 11º en Hawai

O triatleta galego, cun tempo de 8h:24:53, quedou a un chanzo do top-ten no Campionato Mundial Ironman malia remontar catorce postos no maratón final. Venceu o alemán Patrick Lange, cun novo récord da proba (8h:01:40).

Por gcdeportes | Compostela | 15/10/2017 | Actualizada ás 04:38

Comparte esta noticia

A un chanzo do top-ten. O galego Iván Raña rematou 11º o Campionato do Mundo Ironman celebrado en Kailua-Kona (Hawai), tras remontar ata 14 postos nos 42 quilómetros finais do maratón. O triatleta ordense, de 38 anos, entrou en meta cun tempo de 8h:24:53, a 23 minutos e 13 segundos do vencedor, o alemán Patrick Lange (8h:01:40).

Iván Raña, 11º na súa quinta participación en Hawai.
Iván Raña, 11º na súa quinta participación en Hawai. | Fonte: @ivanranafuentes

Coma sempre, o sector da bicicleta penalizou en exceso a Raña. Despois dos 3,8 quilómetros de natación, o galego saiu da auga en sexta posición (50:30), perdendo pouco máis dun minuto coa cabeza da proba. Nos primeiros quilómetros de ciclismo, Raña mantívose nos postos dianteiros, pero foi a partir da metade da carreira cando comezou a perder minutos. Tralos 180 quilómetros de bici, o ordense era 25º a 20:41 da cabeza, tras perder 25 minutos cos mellores sobre as dúas rodas.

No maratón, a remontada. Ao paso polo quilómetro 19, Iván Raña xa era 15º. Seguiu remontando, pero entrou en meta 11º a dous minutos e  medio do top-ten. Por diante, o alemán Patrick Lange recuperou dez minutos perdido no maratón e venceu cun tempo de 8h:01:40, récord absoluto no Campionato do Mundo Ironman de Kona.

Este é o terceiro mellor resultado de Iván Raña nas súas cinco participacións en Hawai. No 2013, ano do seu debut, foi 6º; no 2014, 17º; no 2015, 12º; e o ano pasado, noveno.

A dureza extrema da proba quedou de manifesto con Jan Frodeno, principal favorito tras vencer en 2015 e 2016, que apenas se tiña en pé ao comezo do maratón, pero aínda así loitou por rematar a proba, entrando en meta 35º cun tempo de 9h:15:44.

Clasificación final:

1 Patrick Lange 8h:01:40
2 Lionel Sanders 8h:04:07 (a 2:27)
3 David McNamee 8h:07:11 (a 5:31)
4 Sebastian Kienle 8h:09:59 (a 8:19)
5 James Cunnama 8h:11:24 ( a 9:44)
6 Terenzo Bozzone 8h:13:06 (a 11,27)
7 Andy Potts 8h:14:43 (a 13:04)
8 Patrik Nilsson 8h:18:21 (a 16:42)
9 Ben Hoffman 8h:19:26 (a 17:46)
10 Boris Stein 8h:22.24 (a 20:44)
11 Iván Raña 8h:24:53 (a 23:13)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta