Máis de 11.000 firmas e 153 denuncias critican os malos tratos aos cabalos en Galicia

A asociación animalista Libera e a fundación Franz Weber denuncian que seguen aparecendo de cabalos "maltratados e abandonados á súa sorte con lazos ou con cepos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2017 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

A asociación animalista Libera e a fundación Franz Weber denunciaron este domingo a exclusión dos équidos do ámbito de protección da nova Lei de Benestar Animal de Galicia, así como os casos que seguen aparecendo de cabalos "maltratados e abandonados á súa sorte con lazos ou con cepos".

Cabalo con tranca en Lugo
Cabalo con tranca en Lugo | Fonte: Policía Autonómica

"En apenas dúas semanas foron máis de 11.000 as persoas que subscribiron unha petición na plataforma Change.org instando á Xunta de Galicia a acabar cos malos tratos que sofren diariamente os cabalos, ben por parte de gandeiros despreocupados ou con poucos escrúpulos, ben pola presenza de dispositivos de caza ilegais nos montes da comunidade", subliñaron ambos os colectivos nun comunicado.

Os animalistas explican que a solución a estes problemas pasa por establecer unha lei ou decreto que "especifique as condicións de benestar e protección básicas para os équidos, sexan considerados gando mostrenco ou empregados en actividades humanas, como terapias ou mesmo carreiras".

En segundo lugar, ambas as organizacións consideran "prioritaria" unha "maior acción" da Xunta sobre o terreo, coordinando a Seprona, Policía Autonómica e Axentes Ambientais para detectar casos de malos tratos.

"O marco normativo de 1993 incluía aos cabalos, pero esta cobertura legal vese superada desde 2015 coa reforma do Código Penal, xa que diferentes fiscais cualificaron a colocación das coñecidas como 'pexas' ou 'trancas' como accións constitutivas dun delito de malos tratos animais, penado con ata un ano de prisión e inhabilitacións especiais por un máximo de 36 meses", narraron ambos os colectivos.

Así as cousas, Libera e FFW esperan contar co apoio dos grupos que conforman a oposición no Parlamento de Galicia e tamén co do Partido Popular, tendo en conta que estas preocupacións sobre os équidos, precisaron ambos os colectivos, foron postas sobre a mesa durante as negociacións do Proxecto de Lei de Benestar Animal, aprobado o pasado 26 de setembro.

Unha norma específica, adaptada ás disposicións estatais e europeas, podería converter a Galicia en "un territorio pioneiro na protección desta especie animal, especialmente afectada por prácticas de malos tratos que non deberían seguir desde hai moitos anos pero que, por culpa da falta de resposta institucional, perpetuáronse".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta