Temas: INCENDIOS LUMES

“#ArdeGalicia ou #QueimanGalicia?”

PPdeG, En Marea, BNG, Esquerda Unida, PSdeG, Compromiso por Galicia, Causa Galiza, Podemos, Cerna… Pulsamos as primeiras reaccións políticas á crise dos incendios.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Dende o primeiro partido da oposición, En Marea non están de acordo coa versión da Xunta. Na súa opinión, o sucedido non é produto da acción só de incendiarios, do descontrol de lumes en Portugal e da combinación de condicións meteorolóxicas. A confluencia cre que o desastre tamén se explica pola pasividade do Executivo.

Voluntarios en Vigo, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

“Unha vez máis Galicia quedou desamparada polo seu goberno e unha vez máis saíu a cidadanía a denfender o que é seu, desapareceu o goberno e apareceu a nación”, dixo hoxe en rolda de prensa Luís Villares. O voceiro da confluencia anima a participar as manifestacións e “tamén chama á unidade popular para articular unha resposta á situación actual”. Aplausos para a cidadanía e  para “todos os que colaboraron na extinción de incendios, as brigadistas, voluntarios, á cidadanía que acudiu co que puido. Sodes un orgullo para un país”.

A deputada no Congreso Yolanda Díaz (En Marea) apunta á mercantilización do monte porque “economía do lume en Galicia é un auténtico negocio, cómpre cambiar as normas e prohibir os eucaliptos". O líder da súa formación a nivel estatal, Alberto Garzón, de Izquierda Unida, nega a versión de Feijóo - “non é Portugal nin o vento”, di- e denuncia a “falta de medios para previr e combater” as lapas.

Nas filas socialistas, o novo líder do PSdeG esquiva polo de agora as críticas directas á Xunta. Gonzalo Caballero limítase a facer un chamamento á unidade e a dar apoio ás familias afectadas e aos brigadistas. Un mensaxe similar, ausente de ataques ao PP, é o que está a difundir o líder estatal Pedro Sánchez.

Moito máis dura é a ex-presidenta da Xestora. Pilar Cancela pergúntase se “A culpa é de Portugal? De verdade? Pódese ser máis irresponsable? Indignación e rabia…”. A deputada denuncia a falta de política, recursos e información ante a crise. 

Dende o Bloque, din que o primeiro agora é apagar os incendios, que aínda arden. Con todo, os nacionalistas cargan contra a Xunta por múltiples motivos. Entre outros, “a escasa e contraditoria información” e  unha política forestal que “está ao servizo de ENCE” . 

Son palabras da voceira nacional. Ana Pontón deu unha rolda de prensa na que puxo énfase na “descoordinación” e nunha suposta manipulación informativa. Así, a líder do BNG tamén pide a dimisión do director da CRTVG. As emisoras públicas non lanzaron programacións especiais no serán do domingo, algo que si fixeron mesmo emisoras estatais. “Indigno que os medios que pagamos galegos non informen ante  emerxencia tan grave e estean o servizo de Feijóo” critica a dirixente.

Podemos Galicia lamenta, ante a confirmación dunha cuarta vítima mortal, que “ninguén asuma responsabilidades”. Os morados, ao igual que o resto de forzas de esquerda, acudirán as manifestacións convocadas para este serán.

O alcalde de Lalín tira de retranca para cuestionar a explotación política que están a facer algúns dirixentes do PP español. “Xa sabía eu que algo de culpa tiñan en Cataluña” ironiza Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia) tras chíar Esteban González Pons, voceiro do PP en Bruxelas,  que“Puigdemont, ¿has visto lo que pasa en Galicia? ¿Te duele? Hoy no tengo cuerpo para tus delirios. Entiende, España también somos los demás”.

Dende as filas conservadoras segue a pórse o énfase nos incendiarios que cualifican de “actos terroristas”. Así, nas redes sociais popularizouse en seguida a etiqueta “#ArdeGalicia” pero as contas do PPdeG promoveron rapidamente a alternativa “ #QueimanGalicia”. “Os que #QueimanGalicia teñen enfronte a un pobo galego solidario, unido e que nos momentos difíciles da o mellor de si mesmo” afirman por exemplo dende o PP de Pontevedra.

Ademais da súa declaración como presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo usou as redes sociais para seguir poñendo o foco nos incendiarios e non na evidencia de que non houbo medios para deter a vaga de lumes.

“A indignación que sentimos cos que prenden lume a Galicia é xusta. Estes actos terroristas non dividen os lazos que nos unen, fortalécenos”, escribiu esta mañá. Ante as críticas recibidas, o mandatario afirma que “nunca antes houbo en Galicia tantos medios contra incendios nun mes de outubro”-

Por último, os independentistas de Causa Galiza animan a “tomar nota” ante os exemplos de veciños que, ante a ausencia de medios oficiais, organizáronse en improvisadas brigadas para loitar contra as lapas, mesmo só armados con caldeiros e tinas. Dende Cerna, integrada en En Marea, piden a dmisión dun Feijóo "irresponsable" e "sen conciencia".

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 maldita hemeroteca

A xente lembra a foto do Feijoo coa mangueira. Lembra a frase "con nosotros no moría gente en los incendios" palabras que xa tivo que arrepentirse de dicir fai anos. Pero convén non esquecer o máis importante. A CIRCULAR DO PPDG CON CARTAS ÓS ALCALDES PARA FACER UN BOICOT Ó SERVIZO DE EXTINCIÓN DO 2006. Lembrémonos das brigadas limpando praias ou no bar co monte ardendo, dos depósitos baleiros no monte, das motobombas "averiadas" que non o estaban, dos alcaldes coas chaves da motobomba no bolsillo de vacacións, das brigadas non constituidas por falla de tempo....No 2006 o máis doloroso foi a actitude mafiosa e miserable do PPdG. Non esquezamos nunca a esta xente ruin e cativeira. Eles si que merecen ir ó inferno que provocan.