Temas: INCENDIOS LUMES

Reaccións ante os lumes: Eliminación do eucalipto, responsabilidades á Xunta e solidariedade con vítimas

Sindicatos como a CUT, a CIG, o CSIC ou STEG emitiron este luns comunicados sobre a vaga de lumes que padece Galicia. Tamén entidades ecoloxistas como Adega e mesmo empresariais, como a Cámara de Comercio de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Desde a CUT sinalan que "non é a primeira vez que se denuncia a falta de vontade política para solucionar o que é unha emerxencia de primeiro nivel". "Nin existen medios para a prevención de incendios nin tampouco para sofocalos, como pon de manifesto de fai apenas uns días, aínda estando en condicións de alto risco incendiario, se lles rematou o contrato a centos de traballadoras/es do SEAGA para volver a recontratalas/os 48 horas máis tarde", engade.

Lapas en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lapas en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Por iso, suliña que "a falta de planificación e a irresponsable política forestal e de extinción de incendios" leva á perda do patrimonio medioambental galego. "A maior riqueza da Galiza está en mans de persoas ineptas que ano tras ano tropezan na mesma pedra e que nin aprenden nin queren aprender", engade.

CIG

Pola súa banda, a CIG lamenta profundamente a morte das persoas que se viron atrapadas polos lumes descontrolados. Unha situación catastrófica da que a central sindical responsabiliza á “política forestal pirófita do Partido Popular”, pola que exixe a dimisión do presidente da Xunta. Chama ademais ás concentracións convocadas de urxencia por toda a xeografía galega.

Pola súa banda, CIG-Autonómica critica que os responsables políticos tenten "eludir as súas responsabilidade". "Se se aposta por intereses madereiros bastardos, pola venta de madeira a Celulosas, por non fixar poboación no rural, pola eucaliptización, e se lle suma isto as condicións ambientais adversas, o resultado é o esperado", sinala. Por iso, di que achacar isto a unha banda terrorista, "como dixo Feijóo", a un complot "é como a teoría dos chemtrails".

Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

CSIF

Desde a Central Sindical Independente e de Funcionarios, CSIF Galicia, manifestaron todo o seu apoio e solidariedade aos compañeiros dos servizos de extinción de incendios, para as familias e amigos das persoas falecidas e para todas aquelas vítimas que perderon os seus bens "e viviron, e aínda viven, escenas de medo, tensión e dor".

Neste sentido, lembran á Xunta de Galicia a necesidade de repensar as políticas de incendios tanto nas súas vertentes de prevención como de extinción, "medidas que son necesarias e non excluíntes do traballo de investigación e detención dos delincuentes que prenderon o lume".

STEG

Pola súa banda, desde o STEG din que é "indignante a inacción da Consellería de Educación". "É especialmente preocupante neste contexto que, a tal momento, non se suspendese a actividade escolar en zonas de tránsito habitual do profesorado e das liñas de transporte escolar", indica nun comunicado.

Por iso, convida a toda a comunidade educativa a que denuncie calquera tipo de incidencia ao respecto, "no camiño de poder contribuír a minimizar unha traxedia de consecuencias gravísimas para o noso país". Igualmente, o STEG trasladou o seu máis sentido pésame ás familias das vítimas mortais dos incendios e a toda aquela xente que, dun ou doutro xeito, se viu afectada polos mesmos.

ADEGA

Para ADEGA as causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. "A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario (Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Plano Forestal, Lei de Depredación, Decreto do Eucalipto, Biomasa e cultivos enerxéticos...) para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, a eucaliptización e o lume", sinala.

Así, lembra que o modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas "é un importante factor estrutural directamente relacionado coa problemática dos incendios forestais". "Sobre este modelo si de pode actuar: non facelo, a sabendas das consecuencias que pode ter para a nosa natureza e mesmo para a vida das persoas seguir planificando a favor do eucalipto, fainos cómplices dos resultados", engade.

Cámara de Comercio de Santiago

Pola súa banda, a Cámara de Comercio de Santiago manifestou publicamente a súa solidariedade coas víctimas, familiares e seres queridos como consecuencia da vaga de incendios que sufriu Galicia nas últimas horas. "Nos sumamos aos tres días de loito que acaba de decretar o Goberno galego", indicou nun comunicado.

Imaxe desoladora de veciños combatendo o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Imaxe desoladora de veciños combatendo o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Lugo

Están plantando eucaliptos en terras altas de Fonsagrada e o Courel, en reservas da biofestfera coa aanuencia da Xunta e o aplauso das papeleiras. Unha vergoña

1 Undopobo

A práctica totalidade do monte da nosa terra está en mans privadas, o que é o mesmo en mans dos paisanos. Estes prantan pino i eucalipto por ser os mais rendibles a curto prazo. Atrévome a dicir que custaría miles de millóns facer que para eses paisamos fosen rendibles as plantacións de frondosas que tardan moitísimos mais anos en poderen ser explotadas sin que nese tempo poidesen disfrutar de beneficio algún ¿De donde sacamos eses cartos?