Gonzalo Caballero non fará "unha oposición destrutiva", pero advirte "incompetencia" da Xunta fronte ao lume

O novo líder do PSdeG reclama un "cambio" nas políticas forestais e de prevención tras estes "tráxicos" episodios

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2017 | Actualizada ás 19:35 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A vaga de incendios que arrasa Galicia motivou a primeira comparecencia de Gonzalo Caballero como secretario xeral electo tras as primarias do PSdeG, unha rolda de prensa que aproveitou para avanzar que non porá en marcha "unha oposición destrutiva" pero na que denunciou a "incompetencia" da Xunta.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Ante os xornalistas, tras unha reunión con diversos cargos do seu partido nas catro provincias, o vigués tivo palabras de "apoio" para os afectados polos lumes, con especial atención ás familias dos catro falecidos; sen esquecerse do persoal do servizo contraincendios e das persoas que protagonizaron a "ardua" tarefa de loitar contra as lapas cos seus propios medios.

Pero, tras pór en valor a súa actuación, puxo o foco en que a súa "solidariedade" deixa en evidencia o "fracaso" das políticas públicas. "Mostra que teñen que cambiar", salientou, convencido do "fracaso" das medidas de prevención de incendios do Executivo autonómico e do errado da súa política forestal.

"A imaxe de improvisación é unha urxencia que temos que corrixir", proseguiu o novo líder do PSdeG, quen, no entanto, xulgou que agora "o prioritario" é sufocar os incendios e despois tocará analizar en detalle as causas do ocorrido esta fin de semana. "Xa falaremos das responsabilidades", resolveu, crítico con que a Xunta non deu "o nivel de competencia esixible".

COMPARECENCIAS

Neste escenario, o recentemente elixido xefe de filas do PSdeG pediu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que compareza en sede parlamentaria para dar conta da situación.

Así mesmo, informou de que os deputados socialistas no Congreso reclamarán que dea ese mesmo paso á ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina.

Xustificou estes movementos na gravidade da situación, con catro falecidos, "ducias" de focos sen apagar e lume mesmo en núcleos urbanos.

"PÁXINA NEGRA NA HISTORIA"

"É unha páxina negra na historia deste país", remachou o dirixente socialista, quen lamentou que os galegos teñan que estar "a mirar para o ceo" para ver se a choiva "soluciona" o que "non logrou" a administración.

Así pois, mostrouse partidario de extraer "leccións" para que "non volva ocorrer" un episodio destas características, tan "tráxico". "A política de prevención é unha urxencia e unha necesidade en clave de país", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta