O domingo ardeu Pontevedra, agora son Lugo e Ourense

Brigadistas das provincias do interior acumulan xornadas de 15 horas en Ourense e Lugo, onde non choveu "nin pinga" e o fume oculta o ceo. Nestas provincias queimáronse espazos de alto valor ecolóxico como Os Ancares, Ou Courel, a Ribeira Sacra e o Xurés, entre outros.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 16/10/2017 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

A chuvia deu unha tregua, pero só na zona atlántica e, especialmente, na provincia de Pontevedra, a máis castigada polas lapas durante a fin de semana. Con todo, a vaga de lume continúa na Galicia do interior. Brigadistas acumulan xornadas de máis de 15 horas tratando de controlar as lapas de numerosos incendios forestais declarados nas provincias de Ourense e Lugo, onde, a diferenza do que ocorre na fachada atlántica, aínda non choveu "nin pinga" e o fume oculta o ceo.

Brigadistas loitan contra os lumes da fin de semana en plena vaga de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Brigadistas loitan contra os lumes da fin de semana en plena vaga de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Segundo informaron a Europa Press membros do servizo de extinción da Xunta e da empresa pública Seaga, a situación segue sendo "dura" e "moi grave" en ambas as provincias, onde arderon espazos de alto valor ecolóxico como Os Ancares, O Courel, a Ribeira Sacra e o Xurés, entre outros.

Novos focos

Manuel López, delegado de Seaga na provincia luguesa, explicou que "cada pouco" a súa cuadrilla ten coñecemento de novos focos. Comezou a xornada ás 7 da mañá dando a substitución a unha brigada que "ela soa" estaba a loitar contra o lume en Cervantes.

Despois de traballar nun incendio que calcinou 72 hectáreas --segundo os seus números-- nas Nogais, tivo que desprazarse xunto aos seus outros dous compañeiros para colaborar na extinción doutro decretado en Sarria.

Xente “exhausta”

Na provincia ourensá, Óscar Rodríguez, do servizo público de defensa contra incendios da Xunta, comenta que "a xente está exhausta", pero ofreceuse "voluntariamente" tendo en conta que existen tantos focos e perigan casas e a vida das persoas. Como "mínimo", de acordo coas súas informacións, as brigadas están a realizar entre 12 e 14 horas continuas, o que se suma a un ano no que "non houbo precampaña nin campaña": "En Ourense leva ardendo desde decembro do ano pasado", asevera.

Pola súa banda, Héctor López, presidente do comité de empresa de Lugo, sinala que na zona de Monforte "é practicamente de noite" e "hai moi poucas brigadas", polo que algúns xefes de brigada están a ter que actuar como director de extinción, tarefa que habitualmente recae sobre os axentes ambientais.

Con todo, López precisa que esta é unha circunstancia que contempla o Pladiga (plan de defensa contra incendios deseñado pola Xunta) para situacións con falta de axentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta