Os estudantes volveron este martes ao campus de Vigo tras estar rodeado polo lume

O xerente Manuel Fernández Jáuregui aposta por “abrir un período de reflexión “para evitar que estas situacións volvan a repetirse” e pide que as administracións “tomen nota”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/10/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os estudantes poderan volver á Universidade de Vigo despois de que recupera hoxe a normalidade, despois de que as lapas, que nas últimas horas ameazaron o campus, se achegasen a tan só 400 metros dos terreos sobre os que se asenta a institución académica.

Universidade de Vigo
Universidade de Vigo

A proximidade dos incendios que na tarde de onte afectaron ao Galiñeiro, Zamáns e á avenida Clara Campoamor sumada á incerteza da súa evolución por mor do vento, levaron ao equipo de Goberno, dirixido por Salustiano Mato, que estes días se atopa en Cabo Verde, desde onde seguiu en todo momento a evolución dos acontecementos, a acordar a evacuación do campus de Vigo e moi especialmente á da residencia de estudantes, ocupada nese intre por uns 65 alumnas e alumnos, que foron trasladados nun autobús municipal a un hotel do centro de Vigo. 

“O campus de Vigo, dentro da desgracia que nos rodeou, tivo sorte de non verse afectado. É certo que as infraestruturas estiveron en risco nalgún intre porque as lapas se achegaron preto, pero a realidade é que o campus librou bastante ben. Aquí a situación non foi tan dramática se se compara co que estaba a pasar noutros sitios”, explica o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, que confirma a volta á normalidade no campus vigués desde primeira hora desta mañá, coa apertura de todos os centros nos horarios habituais para que “quen quixese desempeñar a súa función puidese facelo. Somos un servizo público e a nosa obriga é manter as portas abertas”, sinala no Duvi.

A presenza da chuvia e da néboa e a baixada das temperaturas experimentada o luns, contribuíu de xeito decisivo á volta a normalidade no campus vigués. Fernández Jáuregui aposta por “abrir un período de reflexión “para evitar que estas situacións volvan a repetirse. “A Universidade non pode alonxarse da realidade que a rodea e as administración deben tomar medidas para que isto non se reproduza. Ten que ser unha lección e non se pode volver repetir nunha zona tan poboada, tan industrializada, porque se pon en risco a vida humana”, explica.

O alumnado desaloxado da residencia xa está de volta

Tamén os 65 estudantes que o domingo foron desaloxados da residencia do campus regresaban este luns nun autobús que os recolleu ás portas do hotel no que pasaron a noite no centro de Vigo. “Foi unha tarde complicada porque pouco a pouco foise enchendo todo de fume, facía moita calor e caían algunhas faiscas, polo que desde mediodía pechamos as ventás. Víanse as chamas no Galiñeiro e impresionaba bastante, pero afortunadamente o lume non chegou ao campus”. 

Así explica o coruñés Darío Pérez, estudante de Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais, como viviu a tarde de onte na residencia do campus. “A iso das seis avisáronnos por megafonía que ían desaloxar a residencia por motivos de seguridade e o certo é que foi todo moi rápido e organizado”, continúa explicando, ao que engade que “a policía chegou axiña e xa todos estabamos preparados cunha pequena bolsa de equipaxe e un autobús agardándonos na porta”, engadiu. Ao seu carón, xa de volta nas instalacións da residencia, Kharan-Kumar, alumno tamén da EE Industrial, viviu eses instantes desde a estación do tren no centro da cidade procedente de Vilagarcía e xa non chegou a subir ao campus. “Moitos estabamos regresando e xa non chegamos a subir, pois temos un grupo de whatsapp da residencia e estivemos coordinados en todo momento”, recalca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta