Adega esixe a declaración de zona catastrófica nos lugares afectados polos incendios

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza pide medidas urxentes de restauración ou a suspensión temporal da caza, entre outras medidas, e advirte da perda de solo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/10/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, urxe a declarar zona catástrófica os lugares afectados pola vaga de incendios polos "graves danos sociais e ambientais" causados. Deste xeito din, "poderanse dispoñer medidas e axudas para compensar rápidamente as perdas e recuperar o pulso social e económico após os terríbeis incendios que queimaron ducias de vivendas, milleiros de hectáreas de cultivos, pastos, instalacións agrícolas, gando, etc".

Bosque arrasado polo lume, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Bosque arrasado polo lume, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Para os ecoloxistas non menos importante é dar tamén unha "oportunidade á fauna salvaxe", polo que pediron suspender temporalmente a caza non só nas zonas queimadas senón tamén no seu perímetro, xa que esta "tende a refuxiarse nestas áreas", e solicita tamén dispoñer alimento de urxencia para o gando.

Tamén consideran que é necesario prestar unha "especial atención" aos espazos protexidos afectados polo lume, nos que "son urxentes medidas proactivas para recuperar a nosa biodiversidade máis sensíbel e ameazada e impedir, por exemplo, a perda de hábitats e a colonización con especies invasoras e oportunistas".

Adega lembra que os impactos dos incendios non rematan ao apagarse os lumes, xa que as zonas queimadas corren o risco de perderen por completo a súa fertilidade debido á erosión do substrato e aos arrastres pluviais, particularmente nas áreas en pendente. Así, "os danos poden trasladarse tamén a outras zonas na periferia das áreas queimadas como ríos, rías e costas, ás que chegarán as cinsas e sedimentos mobilizados dende os montes".

"Envelenamento das augas e traidas, morte dos bancos marisqueiros, enchentas e asolagamentos poden ser e serán outra consecuencia do lume, especialmente se non se actúa a tempo", prosegue a organización.

Veciños colaboran na extinción dos lumes en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños colaboran na extinción dos lumes en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

PERDA DO SOLO

"A perda do solo é quizáis o impacto ecolóxico máis grave do lume polo seu carácter prácticamente irreversíbel e a súa influenza noutros compoñentes do ecosistema", argúe Adega, que estima que estas perdas teñen lugar basicamente no primeiro ano tras o incendio e particularmente entre o 70-80% nos meses de outono e inverno. Polo tanto, din baseándose en estudos científicos, "as medidas de corrección da erosión deben acometerse nos primeros días tras o lume se se quere que sexan efectivas". 

Traballos científicos xa demostraron que onde se produciron incendios en áreas forestais observáronse perdas de solo de entre 15 e 170 t/ha no primeiro ano tras o lume. Nas áreas de mato as perdas son algo menores, dunhas 13 t/ha. Tendo isto en conta e supoñendo unha superficie de solo vexetado dun 70% (30% arbóreo e 40%) mato) para as zonas queimadas só na provincia de Pontevedra en 6 días de lumes (10 ao 16 de outubro) nos que arderon 4.775 hectáreas (datos do EFFIS), os arrastres pluviais e a erosión poderían mobilizar un mínimo de 64.000 toneladas de sedimento cara as zonas baixas, ríos e rías, calculan en Adega.

"Por iso é importante actuar de contado para conter as consecuencias da erosión e os arrastres de materiais dende os terreos queimados. A construción de barreiras e faixas anti-escorrentía e outras medidas para a fixación do chan, como a sementeira de herbáceas de crecemento rápido, urxen denantes de que as primeiras choivas causen unha nova catástrofe polas avenidas, contaminen as augas ou mesmo causen mortalidade nos bancos marisqueiros", advirten os ecoloxistas.

Para Adega, estes labores deberían ser competencia das brigadas forestais cos protocolos axeitados e baixo a supervisión de persoal técnico e membros da comunidade universitaria. "Sería un bo xeito de desestacionalizar a loita contra o lume e comezar cos labores de prevención, neste caso de restauración e loita contra a erosión", din.

Neste senso, explican que "o Voluntariado en Defensa do Monte Galego criado en 2006 e desmontado por Feijóo, desenvolveu con éxito labores de contención da erosión e estabilización das zonas queimadas".

"Os colectivos que participamos na coordenación do Voluntariado en Defensa do Monte, cuxo traballo tanto molestaba ao PP, temos ampla experiencia nestes labores. Esiximos da Xunta que cando menos, se non sabe ou non quere poñer en marcha estas medidas, dote dos medios á cidadanía e ás organizacións sociais para facelo nós. As organizacións sociais comprometémonos a facelo, porque sabemos e porque llo debemos ao ambiente e ao país", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 o toxal de queimadelos

O XURÉS 5.000 HECTÁREAS CALCINADAS. 50.000.000 millóns de metros cadrados. 3.800 do xurés e 1.100 da Serra de Santa Eufemia. Estes son os datos oficiais que hai que compartir. Tomados polos nosos axentes que traballan cada día no parque. E non os datos da desinfornmación que nos chega dende San Caetano ou dende San Marcos.