(AMP) A conselleira asegura que todos os lumes foron intencionados e que ardeu máis superficie que todo o ano

En Marea, PSdeG e BNG cargan contra o "simplismo" do "terrorismo" e o PP acúsalles de "preparar" as marchas

Santiago de Compostela | 17/10/2017 | Actualizada ás 19:32 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou que "o 100% dos incendios" forestais rexistrados durante o pasado fin de semana (do venres 13 ao luns 16) foron "intencionados" e tamén afirmou que a superficie queimada polos 273 lumes desta onda "vai ser superior a toda a ardida durante o ano".

Así o avanzou durante unha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento de Galicia, na que, como en anteriores ocasións, non cifrou o número de hectáreas calcinadas nin no que vai de ano nin nos últimos días.

Iso si, lembrou que a tempada de verán acabou o 30 de setembro cun terreo queimado un 44% inferior ao que ardeu en 2016 ata esa data, e contabilizou esta diferenza en 9.000 hectáreas menos.

O balance do verán (de 1 xullo a 30 setembro), segundo engadiu, deixou un número de incendios un 20% inferior ao do mesmo período de 2016, e cun 70% menos de superficie queimada, isto é, 6.000 hectáreas menos.

En 2016, de acordo cos datos que analizou o Consello da Xunta, a comunidade superou as 20.000 hectáreas queimadas (20.347), máis de 9.000 de monte arboledo, ata comezos de novembro.

CASE 300 LUMES EN CATRO DÍAS

A distribución dos case 300 lumes declarados en Galicia durante o últimos catro días é a seguinte, segundo as cifras que achegou Ángeles Vázquez na Cámara: 29 o venres 13, 56 o sábado 14, 134 o domingo 15 e 54 o luns 16.

Ademais, de todos eles, 105 correspondéronse coa provincia de Ourense, 80 coa de Lugo, 52 coa de Pontevedra e 36 coa da Coruña.

E un total de 96 iniciáronse entre as 20,00 e as 23,59 horas, segundo a información que trasladou a titular de Medio Rural, para facer fincapé na idea de que a comunidade viviu un período de "actividade incendiaria homicida".

ARDERON MÁIS DE 20 CASAS

Tras comezar a súa intervención cun recordo ao catro falecidos nesta vaga de incendios, aos que, dixo, "Galicia xamais vai esquecer", Vázquez fixo balance de danos.

Esta onda saldouse coa "afección" nunha vivenda habitada na provincia de Lugo, dúas deshabitadas e outras tres baleiras ou deshabitadas en Ourense e 20 en Pontevedra, 16 delas habitadas e catro deshabitadas.

Así mesmo, houbo danos en tres instalacións de Lugo (dous alpendres e unha palleira en ruínas), un galpón en Ourense e outros 10 en Pontevedra, así como sete naves nesta última provincia (dúas de madeira, unha de distribución de bebidas, unha de almacenamento de material de construción e tres de gando).

Por último, Medio Rural ten constancia de dous vehículos calcinados en Lugo, outros dous en Ourense e seis en Pontevedra.

AXUDAS

"Agora toca pór encima da mesa todas as medidas posibles para facer que esa dor sexa un pouco máis leve", destacou a responsable do departamento.

Neste sentido, a conselleira avanzou "medidas para paliar os danos", que priorizarán aos donos de vivendas habitadas, para "en segundo lugar" axudar aos propietarios de naves e granxas.

De maneira paralela, indicou que se valoran as afeccións forestais para emprender as "distintas restauracións", tendo "en conta" os parques afectados.

QUEDAN 55 INCENDIOS, 17 ACTIVOS

A maiores, deu a coñecer o último parte do estado da situación, con 55 incendios: 17 activos, oito estabilizados e 30 controlados.

Na provincia de Lugo situábanse dous lumes activos en Cervantes, outros dous estabilizados e cinco controlados. En Ourense eran 27 incendios: 11 activos, tres estabilizados e 13 controlados, mentres que en Pontevedra, con 19 lumes, catro estaban activos, tres estabilizados e 12 controlados.

"NON HOUBO RECORTES"

Ángeles Vázquez negou diminución do dispositivo contra incendios e reivindicou que houbo "en total" 5.600 efectivos, tras a reincorporación primeiro do persoal fixo descontinuo da Xunta (436 profesionais) e despois das 125 brigadas de Seaga, que, segundo subliñou en varias ocasións, supoñen o 8% do operativo.

Igualmente, insistiu no discurso da Xunta das últimas horas, ao incidir en que as circunstancias meteorolóxicas foron "extremas", en que viñeron "frontes (de lume) quilométricos desde Portugal" e en que o Goberno galego está "preparado para apagar" os lumes, "pero non para cortar as mans de persoas" que o prenden.

Chamou a atención sobre que, nesta ocasión, os incendios non se deron unicamente en montes do rural, senón tamén en "periurbanos" e directamente no centro de cidades. Por iso, fixo un chamamento a facer unha "fronte común" contra os "homicidas" que "queiman Galicia".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de "esconderse detrás" da existencia dunha suposta "trama" criminal, e tamén tras "a fronteira portuguesa".

Ao seu xuízo, "faltaron medios e sobrou incompetencia", nun momento en que a "cidadanía valente" volveu saír á rúa e "non se merece a un presidente covarde".

Estas críticas foron esgrimidas tamén polo socialista José Antonio Quiroga, que tachou o argumento do "terrorismo ambiental" de "simplista", e lamentou que fosen rescindidos os contratos dos fixos descontinuos e os dos brigadistas de Seaga para logo volver ser contratados.

En opinión deste deputado do PSdeG, o Executivo autonómico, "na súa cegueira", non quixo "ver" as advertencias sobre as condicións meteorolóxicas nin o cambio climático. Neste contexto, reclamou unha revisión do plan forestal e máis investimento para prevención, en lugar de dedicar tantos recursos á extinción.

A nacionalista Ana Pontón, como Villares, censurou a programación da radio e televisión públicas de Galicia, e esixiu modificacións do dispositivo ante o cambio climático.

Tamén lamentou Pontón as "portas xiratorias" de Ence e dixo que o feito de que os seus directivos "diten a política forestal" de Galicia "tamén é terrorismo incendiario", así como o "abandono programado do rural".

Todos os portavoces da oposición lembraron que hai "hemeroteca" e que en 2006 destacados dirixentes populares participaron nunha manifestación esixindo dimisións polos incendios forestais.

Na súa quenda, o parlamentario do PPdeG José Balseiros trouxo a colación declaracións de representantes do bipartito naqueles días sobre a dificultade de facer fronte a unha vaga de lume.

E, a continuación, reprochou á oposición non acudir aos lugares que sufriron os incendios estes días ("quizais estiveron, pero non coincidimos", ironizou) para acabar aseverando que "o que estaban era preparando as manifestacións" que tiveron lugar este luns en distintas localidades galegas, baixo a lema 'nunca máis'.

RÉPLICA E PECHE

Na réplica, a conselleira avogou por "non ir contra os medios de comunicación" e tamén cualificou de "demagoxia" falar da industria papeleira, porque "os incendiarios non entenderon de eucaliptais".

Xa no peche, a conselleira informou de que agora mesmo se están "perimetrando" os lumes e "refrescando as zonas", posto que, "aínda que non hai lapas, hai incendios en activo debido á seca e que se poden reproducir".

Pola súa banda, o persoal da Consellería do Mar está "a ver se pode haber posibilidades" de que as choivas arrastren as cinzas ás rías, coa intención de evitar consecuencias sobre a actividade marisqueira e pesqueira.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta