Feijóo enfróntase cos líderes de En Marea e BNG por mor dos incendios nunha sesión que acaba en liorta

"Nunca direi que un partido está detrás", proclama o presidente, entre críticas da oposición pola xestión da Xunta e alusións á vaga de lumes de 2006

| 18/10/2017 | Actualizada ás 15:06 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, arrincou este mércores cun minuto de silencio protagonizado polos deputados e todos os que se atopaban no hemiciclo galego en homenaxe ás vítimas mortais dos incendios e acabou nunha liorta que enfrontou ao xefe do Executivo cos líderes de En Marea e BNG a conta dos lumes.

Protagonistas foron tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen denunciou a "alteración de facto" da orde do día do pleno, tras permitir o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que a nacionalista Ana Pontón centrase a súa pregunta nos incendios --Feijóo replicou sobre o mesmo asunto-- e non na deslocalización empresarial.

Tras a protesta de Leiceaga, Santalices tentou evitar que Luís Villares (En Marea) seguise os pasos da nacionalista, con quen admitiu cometer "un erro", e tras subliñar que Feijóo xa anunciara a súa intención de comparecer na Cámara para dar explicacións sobre o ocorrido, instoulle reiteradamente a centrarse na reforma sanitaria. Villares acusou despois ao PP de pretender "amordazar" ao seu grupo.

Pero, aínda que a treboada política aumentou coas queixas pola xestión do pleno do xefe do Lexislativo, o ton bronco da sesión fíxose sentir no hemiciclo desde a primeira pregunta ao presidente, cando Pontón reprobou a xestión da Xunta ante unha situación "de emerxencia anunciada". Censurou a "manipulación informativa" e o "despedimento de case 1.000 traballadores dos servizos de extinción".

"NUNCA DIREI QUE UN PARTIDO ESTÁ DETRÁS"

Se Pontón botou en cara a Feijóo a súa xestión, este replicou con dureza afeándolle que na súa intervención non condenase "o terrorismo incendiario", aludiu ás condicións meteorolóxicas "extremas" e defendeu que "en ningún caso o problema foron os medios" porque "nunca nun mes de outubro houbo tantos". "Eu dixen que nos podía pasar o de Portugal, pero estaba convencido de que o impediría o servizo de extinción", rememorou, antes de censurar os bulos sobre os lumes.

Mencionou "o suposto desaloxo dun hospital en Vigo, que había lume no túnel da Cañiza ou que explotaba unha gasolineira en Baiona". "Alá cada un coa súa conciencia, pero pídolle que non se apunte a ese todo, sexa un pouco seria e non frivolice coa dor dos galegos", instou Feijóo, quen, entre berros de "ano 2006!" da oposición pola súa actitude cando gobernaba o bipartito, proclamou que "nunca" diría que un partido "está detrás" dos lumes.

Feijóo, quen advertiu que non permitirá que "ninguén desuna ao pobo galego", aludiu ás concentracións de "nunca máis, lume", antes de sinalar que "non é moi razoable usar á xente para facer manifestacións políticas", ademais de sinalar que hai casos de persoas que acudiron e que se marcharon tras ver o carácter unhas protestas "con bandeiras de partidos políticos".

UN CUSTO MAIOR E BRIGADAS FINANCIADAS

"Tamén saberá os concellos do BNG que non quixeron pactar as brigadas financiadas pola Xunta", sentenciou Feijóo, quen posteriormente mencionou de forma expresa aos municipios de Nigrán e Baiona, que gobernan PSOE e PP, respectivamente, antes de lamentar, sen dar máis nomes, que haxa alcaldes que rexeitasen estas brigadas e despois quéixense de falta de medios.

"Se quere falar en serio adiante, pero non aceptamos leccións súas", engadiu o presidente, a quen Pontón lembrou que lle pediu unha reunión despois da gran vaga de lumes de Portugal para "sentar a falar" e ver "medidas de prevención" en Galicia ou como cambiar "un modelo forestal ao servizo de Ence".

Pontón lamentou que Feijóo nin sequera "respondese" a esta "oferta de diálogo sincera" e garantiulle que o BNG "nunca" utilizará ás vítimas dos incendios para "facer campaña". Con todo, insistiu en censurar a súa xestión e na cuestión dos medios, moi crítica en que "por un pouco de diñeiro" permitiuse chegar a unha situación que acabará tendo un custo "de miles de millóns" con danos económicos e humanos "desoladores".

Pontón tamén quixo ler un documento tras finalizar Feijóo ao que se opuxo o presidente da Cámara. A súa insistencia valeulle ser chamada á orde dúas veces por Santalices, con aviso de que unha terceira amoestación suporía a súa expulsión. Ao minuto seguinte, era Leiceaga o que pedía a palabra por unha cuestión de orde e avanzaba unha protesta formal ante a Mesa do Parlamento pola xestión do pleno.

E é que Leiceaga, quen si centrou a súa pregunta na contaminación das rías, viu "unha alteración da orde do día de facto" na permisividade de Santalices con Pontón e, aínda que comparte co resto da oposición que "os incendios forestais son testemuña do fracaso da política da Xunta de ordenación e conservación dos montes", advertiu da necesidade dun pleno extraordinario monográfico sobre incendios.

Feijóo respondeulle eloxiando a súa actitude e anunciando que comparecerá para dar explicacións no pleno que determine o Parlamento.

"PABLO IGLESIAS TEN MÁIS PRINCIPIOS QUE VOSTEDE"

Pero se a confrontación con Pontón fora tensa, o momento máis bronco do pleno chegou cando Luís Villares tentou tamén preguntar a Feijóo sobre incendios e Santalices tentou evitalo interrompéndolle reiteradamente, mentres o portavoz de En Marea aseguraba que tras a argumentación da súa pregunta, na que denunciou a "incapacidade" da Xunta e preguntouse que pasaría de non empezar a chover, acabaría preguntando por sanidade.

Santalices recoñeceu cometer "un erro" con Pontón e para evitar que este fose "continuado" pediulle reconducir a súa pregunta, aínda que Feijóo despois respondeu igualmente sobre incendios, o que aumentou as críticas desde as bancadas da oposición. O presidente, quen criticou que Villares "pregunte onde estivo o domingo, desvelou que chamou por teléfono aos líderes da oposición e que puido "localizar" ao líder de En Marea "á unha da mañá".

Feijóo, mentres advertía que non vai permitir que se "desuna" á poboación galega, sinalou que tamén se puxo en contacto con Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos). "Que ten máis principios que vostede", espetoulle ao líder de En Marea, quen considerou "miserable" usar esa conversación privada "coma se fose algo prexudicial" e asegurou que lle ofreceu todos os medios dos concellos gobernados polas mareas.

Tras a sesión, Villares denunciou a "mordaza" do PP ao seu grupo e explicou que el pretendía esixir intensificar os servizos sanitarios dispoñibles, un programa especial de axudas, un plan de choque ambiental, o cambio do modelo forestal, a activación inmediata do "mando único de emerxencias" e que "restaure a dignidade dos servizos públicos de información". E é que el, remarcou, non ten "a culpa" de que Feijóo "perdese o control durante 12 horas".

Tamén avanzou unha protesta formal pola xestión do pleno. "Cremos que debe reunirse a Comisión do Estatuto do Deputado porque entendemos que houbo un trato discriminatorio entre os portavoces. En Marea foi amordazada e cremos que isto non é casual e responde a un intento deliberado por parte do PP de que os que somos verdadeira alternativa podamos expresar a nosa posición política", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta