(AM) Feijóo anuncia que comparecerá polos incendios e o Goberno aprobará este xoves un decreto de axudas

Afirma que se traballa para reducir o impacto que poidan ter os lumes nas rías e o PSdeG preocúpase polo saneamento "sen completar"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2017 | Actualizada ás 16:27 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou a súa intención de comparecer no Parlamento de Galicia para dar explicacións sobre a vaga de incendios que afectou á comunidade, aínda que non concretou cando posto que lle corresponde concretalo á Cámara. Si avanzou que o Goberno, na súa reunión deste xoves, analizará axudas para os afectados polos lumes.

O presidente da Xunta no Parlamento.
O presidente da Xunta no Parlamento. | Fonte: Europa Press

Posteriormente, o Executivo autonómico precisou que o Consello da Xunta aprobará un decreto de axudas para os afectados pola vaga de incendios rexistrada o pasado fin de semana. Núñez Feijóo subliñou que o Executivo autonómico xa traballa "coa primeira prioridade" de ofrecer "todo o apoio que necesiten as persoas que perderon a súa vivenda habitual".

Así, poranse en marcha medidas para prestar asesoramento ás familias para orientalas e acompañalas nos trámites pertinentes e habilitaranse axudas económicas para reconstruír e recuperar as vivendas habituais no menor tempo posible.

A este paquete de axudas para reparar os principais danos patrimoniais ocasionados, iranse sumando outras iniciativas relacionadas, por exemplo, cos danos ambientais.

Nesta liña, unha das accións consistirá -segundo avanzou Feijóo en resposta ao PSdeG-- en minimizar o impacto que poden ter os lumes nas rías, para o que o Executivo galego xa está cartografiando os lugares que presentan maior risco de erosión, así como definindo as técnicas correctoras a aplicar.

PLENO BRONCO

Feijóo anunciou estas medidas nunha sesión de control na que defendeu o dispositivo articulado pola Xunta contra os incendios e reafirmouse en que, "en ningún caso o problema foron os medios" de extinción, fronte a duras críticas cara á súa xestión por parte da portavoz do BNG, Ana Pontón, e do seu homólogo en En Marea, Luís Villares.

Feijóo botoulles en cara que "non condenen o terrorismo incendiario", entre outras cuestións, nunha sesión que arrincou cun minuto de silencio en homenaxe ao catro vítimas mortais ligadas á vaga de lumes e que derivou en rifa.

E é que a decisión do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, de permitir que Pontón centrase a súa intervención nos incendios e non abordase a situación das empresas deslocalizadas, como estaba previsto na súa pregunta, foi interpretada como "unha alteración de facto da orde do día" por parte do socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, quen anunciou unha protesta formal ante a Mesa e pediu que Feijóo compareza nun pleno monográfico de incendios no que todos os grupos poidan "interpelarlle en igualdade de condicións".

Tras Leiceaga e a súa cuestión sobre a contaminación das rías, Villares tentou, do mesmo xeito que Pontón, centrarse nos incendios, e Santalices, quen recoñeceu o seu "erro" na primeira pregunta, interrompeulle reiteradamente para pedirlle que se ciñese á reforma da lei sanitaria.

A resposta posterior de Feijóo --quen protagonizou un duro enfrontamento co líder de En Marea-- relativa aos lumes caldeou o ambiente, con berros e críticas desde as bancadas da oposición. Despois da sesión, en declaracións aos medios, Villares acusou ao PP de pretender "amordazar" a En Marea na Cámara autonómica.

SITUACIÓN DAS RÍAS

Aínda que os incendios foron os protagonistas da sesión de control, Leiceaga denunciou que a Xunta deixará "sen completar" o saneamento e a depuración das rías galegas. "Non se fará nin para esta lexislatura nin para a seguinte", advertiu o socialista, quen alertou dos efectos na produción marisqueira en Galicia.

Non en balde, este explicou que, nunha resposta por escrito aos socialistas, o Goberno sinalou que "no horizonte de 2020" a "planificación" estará "concluída" e "a maior parte das infraestruturas estarán executadas e en servizo".

"Ao falar de horizonte, planificación e maior parte demostran que non estarán nesta lexislatura nin na seguinte", esgrimiu Leiceaga, antes de advertir que o 23 por cento das augas "segue sen depurar" mentres que Augas de Galicia "só executa 4,9 millóns dos 41 orzados o ano pasado".

En fronte, Feijóo replicou que os datos evidencian o incremento das descargas, dos prezos e da facturación do peixe e do marisco. Tamén aludiu á mellora das cotas e, en canto á depuración, defendeu os avances realizados nos últimos anos. Como exemplo, apuntou, por exemplo, ao impulso da depuradora de Vigo.

Tamén se referiu a as medidas adoptadas no Burgo ou na Ría de Pontevedra, entre outras. "No ano 2020 as infraestruturas estarán a funcionar ou en execución; non é un horizonte", garantiu, antes de incidir en que "o que máis lle preocupa" agora son os efectos que os incendios poidan ter nas rías e de sinalar que xa se está actuando para tentar frear o impacto.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta