Outra constitución

Unha vía galega ante a crise política catalana.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 20/10/2017

Comparte esta noticia
Malia que a neboa do combate na rúa, nos platós, tribunas e tribunais ainda non se esvaeu en Catalunya semella predicible que a crise actual resultará nun impasse, ou, peor aínda, nunha regresión autonómica ou de dereitos lingüísticos moito máis alá das terras catalanas. Non é a primeira vez que os galegos acabamos sendo os que sofren as repercusións das crises catalanas, simplemente porque a relación de forzas aquí é a inversa. Non hai que buscar moito para atopar os vínculos persoais entre os que en Catalunya loitaron contra o Estatut e os supostos bilingües que foron peóns útiles de Feijoo para acadar a súa primeira maioría.
 
A presente crise, xerada pola incapacidade de goberno central e independentistas, nationalistas cataláns e nacionalistas españois, patriotas constitucionais e demais de establecer un marco xenuino de diálogo non digamos negociación tivo en Galicia a predicible reacción provinciana na que cada un escolleu o bando culé ou merengue, cada un a corear como palmeiros as consignas irradiadas desde o Manzanares ou o Llobregat.  Nula consideración á importancia de manter unha mínima apariencia de cohesión social nesta nosa sociedade que se non está rachada pola bipolaridade identitaria é simplemente porque está atomizada na resignación.  Tampouco cero interese en buscar cal sería o interese colectivo, que como galegos gañamos ou perdemos nesta crise que outros nos botaron enriba.
 
 Emporiso, en vez de continuar coa absolución da nosa propia responsabilidade na busca do beneficio para Galicia, cómpre pensarmos en que situación nos gustaría estar á saída desta crise.
 
Primeira constatación: ninguén en Galicia está a propor seriamente que sigamos a vía catalana. O da independencia queda para as manifas e a evocación da Alba de Groria. Sabia decisión dado que o contrario non sería outra cousa que soliviantar o número cada vez máis crecente de galegos que están prácticamente asimilados ó estándar español medio e que defenden con auténtico furor do converso a súa escolla de identidade, fidelidade nacional e lingua.
 
O que nos leva á reforma constitucional. A proposta Rajoy-Sánchez ten máis ca un regusto ao “the Wow” que se sacou Gordon Brown da manga para que os escoceses non votasen a independencia a cambio de que os Tories lle deran máis autonomía a Escocia. Xa estamos a ver que a cousa non foi xusto así. Pero como din voces tan diversas coma Donald Tusk, o Economist ou Consello de Europa a solución desta crise ten que pasar por unha reforma constitucional. As leis están para servir á xente, non ao revés. A Lei non é outra cousa cá fosilización das relacións de poder existentes nun momento concreto do pasado.
 
Desnacionalicen, por favor. Así falaba hai pouco o vasco Madina, argumentando que el non vía ese país no que a outra metade dos seus concidadáns cren vivir. Coma aqueles que, entre nós, no medio dos días de choiva soñan con ser andaluces cando non de Galifornia.  O certo é que nesta comunidade política de 46 millóns hai 10 deles que non falan o teórico idioma común e catro millóns que co seu voto expresan regularmente o seu rexeitamento á identidade nacional española. A titulite: nación, nacionalidade, “pueblo”,de primeira, de segunda, de arriba, de abaixo é algo que sí une a uns e outros. No seu lugar, todos usan cadansúas expresións totalizadoras “España”, “Catalunya”, “Galicia” coma se non houbese auténtico conflicto civil multinivel en todos estes supostas entidades uniformes.
 
A alternativa. A Constitución española foi sen lugar a dúbida unha carta magna técnicamente moi avanzada para o seu tempo. Malia o ruído de sables da época, dálle, por exemplo, nada menos que a competencia lexislativa as autonomías (malia o que se di non é tanto a constitución federal xermana senón o Estato Regionale italiano a inspiración do modelo español) e , dexeito implítico, outorga a cooficialidade a Catalán, Galego e Vasco. Non é por tanto unha mala constitución, simplemente que a chamado “bloque de constitucionalidade” mantén os regustos aggiornados do nacionalcatolicismo xacobino. Pódese escoitar o eco da ampulosidade verbal de Fraga cada vez que un le as pasaxes da “indisoluble unidade”.  Mellor sería eliminar todo ese articulado nacionalista e simplemente falar de cidadáns, dereitos e deberes compartidos, que é para o que vale unha constitución.
 
Emporiso, en vez de disputas bizantinas e adhesións inquebrantables sobre o significado desas proclamas resulta máis útil centrarse ao que disque se quería conseguir con ese texto: buscar a unidade na diversidade.  E para iso cómpre eliminar a máis que implícita distinción entre cidadáns de primeira e de segunda. Entre os españois fetén e “o resto”. Para iso é imprescindiblle suprimir a obrigatoriedade de coñecer o idioma castelán. Ou os catro son obrigatorios para todos ou non o é ningún. Dereitos civís en vez de nacionalismo. As institucións do estado deben ser xenuinamente plurilingües coma en Suíza, Bélxica ou Canadá. Xa nos interesará ós galegos aprender o español sen estar obrigados por lei a ser funcionalmente castelánfalantes. Do mesmo xeito, non ten porque ser unha inevitabilidade que onde haxa un número suficiente de galegofalantes fóra de Galicia, os seus fillos teñan que asimilarse ó idioma local, sexa ese o castelán, catalán ou euskera. Dito doutro xeito, os galegos temos dereito a colexios en galego tanto en Madrid como en Galicia. Obviamente esixe unha contarpartida. Ante as proclamas do nacionalismo ou do galego obrigatorio tempos que aceptar que hai xente que despreza  o noso idioma (e, é de temer, aos propios falantes) e nunca aceptaría a inmersión lingüística á catalana. Pois moi ben, que haxa en Galicia colexios só en español, inglés ou chinés (sempre que se garanta unha competencia media alta en galego ó final da educación obrigatoria) a cambio de que haxa educación e servizos monolingües en galego do berce ó cadaleito.
 
España, capital Calatayud. O libro profético de Germá Bel falaba de “España, Capital París”  e que dez anos despois describe en “Anatomía dun desencontro” a inevitabilidade, según el, do choque de trens dada a voracidade centralizadora do establishment madrileño, desde Avogados do Estado a cúpulas de partido e xefes de empresa. Que son a miúdo a mesma cousa, que llo pregunden senón ó que ía substituír a Cebrián á fronte de PRISA. Madrid xa é, por primeira vez, o principal centro económico da península, é tamén o centro da vertical do poder. O sistema territorial español é disfuncional porque non hai un reparto claro de competencias. Isto permite ao centro ter a última voz co obxectivo de asegurar a “igualdade” (ententida como uniformidade) e exime de responabilidade aos territorios ó poderen botarlle a culpa a “Madrid”. O mellor xeito de evitar o concubinato das élites é repartilas polo territorio. Aparte de ser máis barato.É o que están a facer en Inglaterra (a BBC está agora en Manchester e a facenda en Gales). En Alemaña os ministerios que estaban en Berlín foron para Bonn cando mudou a capitalidade. Ós cataláns sector Prat de la Riba encantaríalles que o Senado e a Axencia Tributaria estiveran en Barcelona. E deixar a dobre moral sobre a “reforma do Senado”. O xeito de dar estabilidade ó sistema é facer as partes copartícipe das decisións tomadas no centro. Isto precisa non só da creación dun Bundesrat senón tamén acabar co centralismo personalista dos partidos políticos. Senón, non hai reforma constitución que valla. Hoxendía son organizacións privadas pero que teñen recoñecemento constitucional. No seu lugar hai que facer os partidos políticos, como calquera outra institución do estado,  suxeita ós mesmos requerimentos e controis de transparencia, eficacia e sobre todo democracia interna.
 
Destinación final, a concordia. O único xeito de evitar volver ó ciclo vicioso de conflitos civís dos últimos dous séculos é buscar unha solución partindo da base que todos podemos estar, alomenos en parte, errados. A paz social e o consenso, así como a democracia non sobrevive só por proclamalas senón coa súa práctica diaria.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA