Baixa un 20% a mortalidade por cancro de mama en galegas que participaron nos cribados

No primeiro semestre de 2017 a taxa de participación no programa de detección precoz en Galicia superou o 80,6%

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2017 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A mortalidade por cancro de mama en mulleres galegas que participaron nos cribados do programa de detección precoz en Galicia descendeu nos últimos anos en máis dun 20 por cento respecto dos previsto sen cribado. Así o sinala a Consellería de Sanidade con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama en referencia a un estudo realizado con datos desta enfermidade entre os anos 1980 e 2012. Ademais, destaca que no primeiro semestre de 2017, a taxa de participación no mesmo superou o 80,6 por cento.

Unha muller realizando unha mamografía.
Unha muller realizando unha mamografía. | Fonte: Europa Press

Segundo os datos de Sanidade, as mulleres participantes presentaron mellor supervivencia relativa que as do mesmo grupo de idade diagnosticadas á marxe do programa (96,6% fronte ao 83,1% ao cinco anos de seguimento).

Nesta primeira metade do ano, o número de mulleres residentes en Galicia de 50 a 69 anos convidadas a participar no programa foi de 102.427 e as exploradas nese mesmo período foi 82.576.

A taxa media de participación no programa galego de detección precoz do cancro de mama desde a súa implantación en 1992 é dun 78,6%, "amplamente superior aos estándares europeos de calidade", destaca Sanidade, tanto no valor aceptable (70%) como no desexable (75%).

Sanidade indica que en 2016 esta taxa de participación alcanzou o 83,1 por cento, o valor "máis alto" desde a súa instauración. "Este aumento asóciase á divulgación e promoción do programa e á adherencia das mulleres ao mesmo", abundou.

Segundo os datos facilitados por Sanidade, na gran maioría das exploracións o resultado da mamografía foi a ausencia de lesións sospeitosas e tan só a un 2,53% das mulleres exploradas no primeiro semestre recomendóuselles unha valoración clínica adicional.

MAMOGRAFÍAS REALIZADAS

Entre 1992 e 2016 realizáronse no marco do programa galego de detección precoz 2.240.624 mamografías, das que 528.321 corresponden a exploracións feitas a mulleres que acudían ao programa por primeira vez e 1.712.301 a mulleres que participaran nos cribados con anterioridade.

Ao longo do ano pasado fixéronse no marco desta iniciativa, destaca Sanidade, 153.806 exploracións. Por provincias, na Coruña a taxa de participación foi do 83,56%; en Lugo, do 82,25%; en Ourense, do 82,13%; e en Pontevedra, do 82,4%.

A Consellería de Sanidade destaca que nas catro provincias galegas "se acadaron os obxectivos de participación no programa". Ademais, concreta que na maioría das exploracións realizadas ao longo do pasado ano o resultado foi a ausencia de lesións sospeitosos, e "tan só un 2,41% das mulleres exploradas foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas e obter un diagnóstico definitivo".

No período que vai de 1992 a 2015, a taxa de detección de cancro foi do 3,6% por cada mil mulleres exploradas. Así, detectáronse 7.440 casos de cancro en fase presintomática. O 92,2% destes tumores, matiza Sanidade, tiñan un estadio tumoral baixo e un 62,4% non tiña afectación ganglionar no momento do seu diagnóstico.

"ESFORZO CONSTANTE"

A Consellería de Sanidade incidiu en que desde a implantación do programa de detección precoz do cancro de mama en 1992, fai "un esforzo constante" para aumentar a actividade do mesmo e explorar cada ano "a un número maior de mulleres, aumentando a participación sen incrementar os custos do programa e incrementando o seu rendemento" co "obxectivo fundamental de diminuír a mortalidade provocada polo cancro de mama".

Deste xeito, lembra que ás mulleres obxectivo deste programa se lles envía información sobre este por carta, antes da citación persoal para a realización da proba mamográfica.

E concreta Sanidade que no caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional para chega a un diagnóstico, infórmase á interesada por carta certificada e con xustificación de recepción. Na mesma facilítaselle unha cita para ser atendida nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta