Os lumes fan reaccionar á sociedade: Bombeiros, brigadistas, axentes forestais e 112, xuntos contra o caos incendiario

Denuncian a falta de coordinación da Xunta e apostan por máis prevención, a profesionalización das emerxencias e a creación dun mando único para evitar un novo domingo negro. Anuncian que crearán un tecido social “paralelo” para organizarse mellor ante situacións de crise semellantes “se as administracións non reaccionan”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/10/2017 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

“É a primeira vez que todos os corpos de emerxencia estamos xuntos para unir as nosas voces e buscar solución ao caos que se viviu en Galicia nos últimos días durante a vaga de lumes. Buscaremos solucións para evitar unha nova situación así, xa que a Xunta non foi quen de facelo”. Miguel Ucles, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia  foi claro e meridiano ao referirse á xuntanza histórica mantida entre bombeiros, brigadistas, axentes forestais e traballadores do 112 para reclamar un cambio profundo na política contraincendios da Xunta de Galicia.

Traballadores do 112, brigadistas de Seaga, bombeiros e axentes forestais xuntos para denunciar o caos da vaga de lumes
Traballadores do 112, brigadistas de Seaga, bombeiros e axentes forestais xuntos para denunciar o caos da vaga de lumes | Fonte: XS

Nunha rolda de prensa conxunta celebrada este venres en Santiago, representantes destes tres colectivos apostaron por unha clara política de prevención, pola profesionalización dos servizos de emerxencias e pola creación dun mando único para evitar o caos vivido este pasado domingo. “O que queremos é un servizo público, profesional e de calidade que non estea en mans de empresas privadas”, indicaba Josafat Puente, do Comité de Empresa de Seaga en Pontevedra.

“Total improvisación”

Así, os integrantes destes servizos, que traballaron extenuantemente o pasado domingo, denuncian unha “total improvisación” por parte da Xunta e unha “completa falta de coordinación”. Así, Rafael Cudeiro, axente forestal, criticou o “ninguneo” por parte das administracións aos profesinais do servizo contraincendios. “Andabamos dun lado a outro pola total descoordinación dos mandos”, indicou.

Pola súa banda, Susana Camba, do 112, dixo que este servizo viuse “totalmente desbordado” ante a magnitude da traxedia. “Só había sete persoas ao principio para antender centos de chamadas”, indicou, “só cando a situación estaba desbordada chamaron a novos compañeiros para botar unha man”. Así, narrou unha situación de “caos total” onde os traballadores “non sabían que pasaba” e había unha falla de coordinación “completa”. “Está claro que esta vaga de lumes sería diferente se se xestionara doutro xeito e cunhas directrices claras e un centro de mando adecuado”, indicou.

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Tamén Josafat Puentes fala de “descoordinación de todos os medios” na loita contra os incendios. “Todos sabiamos que ía ser un día complicado e a Xunta estaba sobreaviso, pero non tomou ningunha medida”, criticou. Así, lembrou que cando aconteceu a traxedia incendiaria en Portugal, o pasado xuño, xa avisaron á Xunta do que podía pasar en Galicia. “Eles contestaron que aquí iso era imposible... E resulta que, finalmente, o tivemos na casa”, salientou. 

Ademais denunciou que se teñan despedido a numerosos efectivos cando non rematara o periodo de seca e perigo e que, logo, os chamaran a correr. “Nin tampouco ten sentido ningún que estean vixilando os montes cando chove, no canto desbrozalos”, queixouse.

“Desidia” das administracións

Pola súa banda, o bombeiro Gustavo Tobío, dixo que a catástrofe tería sido “moito menor” senón houbera a “improvisación que houbo”, por parte das institucións públicas, nomeadamente, a Xunta. A creación da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) está, dixo, “para coordinar” e o que fixo foi “descoordinar”. Ademais, lamentou que desde traxedias como Angrois ou o incendio de Fandicosta non cambiara o seu protocolo de actuación. “Hai unha total desidia e desorganización entre Xunta, concellos e deputacións que logo sofren os cidadáns”, lamentou.

Por iso, todos estes profesionais denuncian a “falla de estrutura e de homoxenización dos servizos públicos” e reclaman a creación dun mando único de coordinación, a profesionalización total dos servizos públicos e políticas de prevención claras e concretas. “Se a Xunta non o fai, pois o tentaremos facer nós”, suliñou Ucles.  De feito, esta xuntanza serviu de toma de contacto entre os distintos corpos de emerxencia e será a primeira de varias para tentar crear un "tecido social paralelo" para organizarse mellor ante situacións semellantes “se as administracións non reaccionan”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 16 comentarios

3 Menudo pelaso

O da dereita da foto... menudo pelaso!! É bombeiro?

2 anonimo

cando falan os profesionais das emerxencias ou dos medios públicos de comuicación de galiza cuestionando a actación das administracións, sempre aparecen os falabarato para criticalos e faltarlles ao respeto; cando o que hai que facer e pedir responsabilidades políticas para toda esta panda de pepeiros incompetentes que viven apesebrados do carto público e a súa recua de aduladores por clientelismo

1 O que hai que ler

Os profesionais? Dirás uns cantos profesionais que curiosamente estaban todos caladiños sabendo como arde o monte en Ourense e Lugo dende hai meses. Curiosamente todos eles simpatizantes dun partido e amparados por un/dous sindicatos. Supoño que se mañá saen outros profesionais dicindo que 9 focos en 20 minutos nun lume é terrorismo e que o operativo colapsou porque alguén premeditadamente fixo o que fixo, tamén respectarás a súa opinión. Ou só respetas a dos que xa tiñan as pancartas preparadas e as camisetas (noviñas a estrenar non doutras convocatorias).

1 Asento de coiro

O Ucles, o Josafat e o Cudeiro..... Mimá.... Dios os da e eles xúntanse..... Vendo a foto está claro que politizar os incendios é o que mellor lle vai a esta calaña. Xa se están preparando por se gañan os seus colocarse más alto do que xa os colocaron.

1 Balbino 68

É evidente que a tí o lume non che entrou pola porta da casa

2 Balbino 68

"Con nós non había mortos. Con estes xa van catro" Feijoo agosto de 2006, vestido con casteláns e xersei de niño pijo, agarrando unha mangueira de xardín cando o lume aínda estaba no seu cumio.

3 Balbino 68

Maldita hemeroteca

4 Fumedecarozo

O monte ardendo dende xuño e saen agora. Retratados.