O PPdeG ve na manifestación contra a política forestal da Xunta unha protesta "nacionalista"

"Son os mesmos que cando aínda estaba activa a vaga de incendios estaban xa imprimindo pancartas, serigrafiando camisetas", declara Tellado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2017 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, definiu como "unha manifestación nacionalista" a marcha celebrada este domingo polas rúas de Santiago contra a política forestal da Xunta tras a vaga de incendios que arrasou Galicia o pasado fin de semana e que se cobrou a vida de catro persoas e calcinou 35.500 hectáreas.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado

"A de hoxe non se trataba dunha manifestación ecoloxista, senón dunha manifestación nacionalista. Vémolo polas bandeiras e polos organizadores. Son os mesmos que cando aínda estaba activa a vaga de incendios estaban xa imprimindo pancartas, serigrafiando camisetas, porque o que pretendían era unha utilización política e partidista do que pasou", declarou este domingo Tellado en Ribeira (A Coruña).

Convocados pola 'Plataforma contra a Lei de Depredación de Galicia', na mañá deste domingo 10.000 persoas marcharon pola capital galega para esixir responsabilidades á Xunta pola súa xestión da vaga de incendios e para reclamar cambios na política forestal.

"É lamentable que os partidos da oposición se vexan metidos nesta estratexia do nacionalismo galego de utilizar os lumes que pasan en Galicia cun carácter partidista e electoralista", indicou o popular en referencia á protesta.

Para Tellado, "mentres a oposición buscaba sacar tallada política" da vaga de incendios "había un goberno que desde o minuto uno estivo alerta, ao pé do canón, atendendo aos veciños e resolvendo unha situación francamente difícil".

Deste xeito, cre que "houbo ocasión de que cada un se retratase" ao longo desta semana, para logo defender que "o goberno estivo onde tiña que estar, co seu presidente á fronte dando contas no Parlamento de Galicia cando aínda estaban activos os incendios". "O que vemos é que hai unha oposición que está disposta a usar absolutamente todo con tal de desgastar ao goberno", apostilou Miguel Tellado.

ENDURECEMENTO DE PENAS PARA INCENDIARIOS

Tras asegurar que o PP traballa desde a Xunta e o seu grupo parlamentario para "que os montes galegos se manteñan nas mellores condicións posibles", o secretario xeral dos populares incidiu na necesidade de endurecer as penas para os incendiarios.

"O primeiro é centrar o foco no causante dos incendios, que é o terrorista incendiario que pretende facer dano, que lle importa moi pouco a vida das persoas", incidiu, para, a continuación, facer un chamamento á cidadanía para que denuncie aos causantes dos lumes. "En moitos pobos todo o mundo sabe quen son", remarcou.

A continuación, aseverou que "cando o monte está ben xestionado hai menos posibilidades de incendios". "O que temos que conseguir desde a lei é ordenar o monte, polo a producir, porque cando é produtivo ten menos posibilidades de ser queimado", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Carlos Feal

Ai,Migueliño, aqueles tempos nos que eras bloqueiro e mira ti a vida como é. Ver para crer...

2 ferrolán do pisco

Razonar ou conversar con este home debe ser imposible ....a xulgar po las parvadas que di . Si os políticos. son reflexo noso....¿Eu serei tan tan parvo..... Filgueira, Filgueira o teu nivel .....ten. a outura de un fièito .

1 Nefelibata

E a isto coma lle chaman? Coma lle chamas ti Leiceaga? E ti Gonzalo Caballero? E que este nacionalismo non o criticades? Irmáns, chegou a hora de chamarlle ás cousas polo seu nome e chegou a hora de falar de certos temas porque xa non podemos calar máis. Cantos distribuídores galegos desta marca terán que sufrir por estas declaracións e outras. E a hora de falar. Agora si. http://www.huffingtonpost.es/2017/1...