As denuncias por violencia de xénero aumentan en Galicia un 28%

O país ten unha taxa de vítimas por baixo da media estatal, 11,71 fronte a 17,04.

Por E.P. | A CORUÑA | 23/10/2017 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.780 denuncias por violencia de xénero, un 28,1% máis que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaron 1.389, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a base dos datos estatísticos feitos públicos polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

A gran maioría das denuncias (1.315) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da prexudicada. Aumenta tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.288 entre abril e xuño do ano pasado, ás 1.640 deste ano, o que supón un incremento do 27,3%.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia descenden os casos de vítimas que se acollen a non declarar. Se no segundo trimestre de 2016 optaron por esta opción 92 mulleres, este ano fixérono 85, é dicir, o 5,2% das vítimas.

Por outra banda, Galicia segue tendo unha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) por baixo da media estatal, con 11,71 persoas fronte a 17,04.

Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 477 ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, fronte ás 378 de 2016, o que supón un incremento do 26,2%. Das 477 incoadas adoptáronse 309, o 65%.

AUMENTO EN TODA ESPAÑA

Pola súa banda, os xulgados españois recibiron no segundo trimestre do ano un total de 42.689 denuncias por violencia de xénero, o que supón un incremento interanual do 18%.

No mesmo período de tempo, elevouse tamén en tres puntos a porcentaxe de sentenzas condenatorias a maltratadores, que representaron o 67,2% do total de sentenzas ditadas.

Neste segundo trimestre do ano tamén se produciu un incremento de máis de sete puntos nas solicitudes de ordes de protección e de máis de catro puntos na concesión das mesmas por parte dos órganos xudiciais.

A estatística reflicte, ademais, que un total de 40.366 mulleres figuran como vítimas de violencia de xénero no conxunto das denuncias presentadas no segundo trimestre de 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta