Revelan novas claves do cancro de mama nun estudo internacional con participación galega

Os achados publícanse hoxe nas revistas Nature e Nature Genetics e son froito do traballo do Consorcio OncoArray, que involucrou a investigadores de arredor de 300 institucións de todos os continentes, incluído o grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia-Sur. Identificáronse 72 novas variantes xenéticas que contribúen ao risco de desenvolver esta enfermidade

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/10/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Equipos de investigación de todo o mundo, entre eles o grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaban de identificar 72 novas variantes xenéticas que contribúen ao risco de desenvolver cancro de mama. Destas, 65 son variantes comúns que predispoñen á enfermidade en xeral e outras sete especificamente ao cancro de mama receptor de estróxeno negativo, que representa un subconxunto de casos que non responden a terapias hormonais tales como ao medicamento tamoxifeno, informa a universidade galega.

Muller autoexplora as súas mamas.
Muller autoexplora as súas mamas.

O cancro de mama é causado por interaccións complexas entre unha gran cantidade de variantes xenéticas e a nosa contorna. A compoñente hereditaria do risco de cancro de mama débese a unha combinación de variantes raras en xenes como BRCA1 e BRCA2 que confiren un alto risco da enfermidade, e tamén moitas máis comúns que comportan cada unha un pequeno risco. As novas rexións de risco identificadas neste estudo case duplican o número que xa se coñecía, co que o número de variantes comúns asociadas coa enfermidade aproxímase xa a 180.

Os achados, publicados hoxe nas revistas Nature e Nature Genetics, son o resultado do traballo do Consorcio OncoArray, que involucrou a investigadores de arredor de 300 institucións diferentes de todos os continentes. En total, analizaron datos xenéticos de 275.000 mulleres, das cales 146.000 foran diagnosticadas con cancro de mama.

INVESTIGADORES GALEGOS

Os investigadores Manuela Gago, Ana Vega e Ángel Carracedo, do Grupo de Medicina Xenómica da USC e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e Esteban Castelao, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia-Sur (IISGS), participaron como coautores nestas publicacións a través do consorcio BREOGAN e do Estudo de Mulleres Portadoras de Mutacións no xen BRCA1, pertencentes a familias galegas con cancro de mama hereditario.

Coordinado en Galicia por Gago e Castelao, BREOGAN, acrónimo en inglés para o consorcio galego de cancro de mama (BREast Oncology GAlician Network), participa cunha achega de 3.000 pacientes galegas. O Estudo de Mulleres Portadoras de Mutacións no xen BRCA1 está coordinado por Ana Vega.

“Os resultados xerados por OncoArray están axudando á comprensión dos procesos biolóxicos que interveñen na carcinoxénese mamaria, e poderían axudar tamén a desenvolver novas ferramentas terapéuticas e novas probas de predición de risco da enfermidade”, asegura Manuela Gago. En efecto, como apunta Ana Vega, “o nivel de resolución alcanzado permitiu a identificación de novos xenes implicados no desenvolvemento da enfermidade, o que redundará nunha mellora da diagnose, tratamento e prognóstico”.

GALICIA, Á VANGARDA

Para o catedrático Ángel Carracedo, “con este estudo Galicia ponse á vangarda na identificación das variantes xenéticas asociadas co desenvolvemento do cancro de mama”. Castelao engade que “o estudo identificou xenes e mecanismos que non agardabamos que estivesen implicados no desenvolvemento da enfermidade, polo que esta información abrirá novas liñas de investigación, que tamén reverterán nos nosos pacientes”.

Nesa liña pronúnciase o profesor da Universidade de Cambridge Doug Easton, un dos principais investigadores do estudo: "O descuberto aumenta significativamente a nosa comprensión da base herdada deste tipo de cancro, porque ademais de identificar novas variantes xenéticas, confirmamos moitas que sospeitábamos anteriormente”. “Existen algúns patróns claros nas variantes xenéticas que deberían axudarnos a entender por que algunhas mulleres están predispostas á enfermidade e que xenes e mecanismos están involucrados", asegura.

RECEPTORES DE ESTRÓXENO NEGATIVOS

Ao combinar datos epidemiolóxicos con outros do tecido mamario, os investigadores puideron facer predicións plausibles dos xenes diana na gran maioría dos casos. Ademais, mostraron por primeira vez que estes xenes son a miúdo os mesmos que os que están alterados nos tumores de mama (cando se desenvolve un tumor, o ADN dentro das células tumorais muta).

A maioría das variantes atopadas por OncoArray non estaban dentro dos xenes, senón máis ben en rexións do xenoma que regulan a actividade de xenes próximos. Cando observaron o patrón destas rexións xenéticas, descubriron que difería do daquelas rexións involucradas na predisposición a outras enfermidades comúns.

Arredor do 70% de todos os casos de cancro de mama son receptores de estróxeno positivos, o que significa que as células cancerosas teñen unha proteína particular (coñecida como receptor) que responde á hormona sexual feminina estróxeno, o que permite que o tumor creza. Non obstante, non todas as células cancerosas portan este receptor, e coñécense como receptor de estróxeno negativas. O estudo identificou rexións xenéticas especificamente asociadas con receptores de estróxeno positivos ou negativos para o cancro de mama, o que subraia o feito de que estes son cancros bioloxicamente distintos, que se desenvolven de maneira diferente.

VARIANTES DE RISCO

"Os resultados poden dar lugar a unha mellor predición de risco, tanto para a poboación xeral como para os portadores de mutacións en BRCA1", explica Roger Milne, do Cancer Council Victoria de Melbourne, que engade que “unha mellor comprensión da base biolóxica do cancro de mama de receptores de estróxeno negativos pode levar a intervencións preventivas e tratamentos máis efectivos".

As variantes de risco identificadas nos dous estudos son comúns: mentres que algunhas están presentes Nunha de cada cen mulleres, outras están en máis da metade de todas as mulleres. Individualmente, os riscos conferidos por cada variante son modestos; pero debido a que as variantes son comúns e os seus efectos se multiplican xuntos, o efecto combinado é considerable. Os investigadores estimaron, por exemplo, que o un por cento das mulleres teñen un risco de desenvolver cancro de mama que é máis de 3 veces maior que a poboación xeral, ao que se podería engadir máis risco se as variantes xenéticas se combinan con outros factores hormonais e de estilo de vida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta