Temas: LUMES INCENDIOS UE

A UE destina os 50.000 euros do Premio Princesa de Asturias ás vítimas dos incendios

Insiste na necesidade urxente de crear un Corpo de Protección Civil Europeo. O Parlamento Europeo garda un minuto de silencio.

Por E.P. | ESTRASBURGO | 23/10/2017 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O pleno da Eurocámara gardou un minuto de silencio ao comezo da súa sesión en Estrasburgo este luns para lembrar ás vítimas dos incendios forestais que arrasaron recentemente Portugal, Galicia e Asturias, ás que a Unión Europea destinará a dotación de 50.000 euros do Premio Princesa de Asturias que recibiu o pasado venres en Oviedo.

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Máis de 40 persoas morreron nos incendios en Portugal nas últimas semanas, mentres que catro persoas finaron na vaga de incendios que afectou a Galicia.

O presidente da Eurocámara, Antonio Tajani, pediu "un minuto de silencio" para "lembrar" as vítimas dos incendios forestais en España e en Portugal, un fenómeno "preocupante" e que "merece toda a nosa atención". "Este ano en Europa queimáronse máis de 750.000 hectáreas dos nosos bosques e máis de 100 persoas perderon a vida en Portugal" nos últimos incendios e os da pasada vaga, lembrou.

Tamén informou da decisión da UE de destinar a "contía do premio Princesa de Asturias á Concordia" para "as poboacións afectadas" dos incendios co obxectivo de "mostrar a nosa proximidade" con "numerosas vítimas en España e Portugal".

Tajani reiterou a necesidade urxente de "crear un Corpo de Protección Civil Europeo e de simplificar o contexto normativo" para garantir "axuda inmediata" en caso de "necesidade" para apoiar a países afectados por este tipo de crise.

España e Portugal acordaron "traballar conxuntamente para mobilizar" o Fondo de Solidariedade da UE para obter axudas comunitarias para paliar os "enormes danos" provocados polos incendios, segundo anunciou o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy.

O propio presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, informou este xoves de que ofreceu a España e a Portugal o desembolso de fondos de solidariedade comunitarios para facer fronte aos danos provocados polos incendios forestais no seu territorio.

Para pór en marcha este instrumento, que cobre parte do gasto público dedicado a operacións de emerxencia como restablecer o funcionamento de infraestruturas básicas, é necesario que primeiro o solicite formalmente a Bruxelas o Estado membro afectado.

E logo hai "unha fase de avaliación e logo unha proposta" de axuda da Comisión Europea, que logo está sometida a "unha aprobación" polos Gobernos europeos e a Eurocámara, corresponsables do orzamento europeo, explicou en rolda de prensa o portavoz xefe comunitario, Margaritis Schinas.

Juncker reclamou a semana pasada ao comisario de Axuda Humanitaria e Xestión de Crise, Christos Stylianides, que presente unha proposta no prazo dun mes para revisar o Mecanismo Europeo de Protección Civil. "Temos visto que non somos suficientemente activos" para intervir rapidamente en axuda dun país, admitiu o luxemburgués.

Temas: LUMES INCENDIOS UE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Tristeza

Excelente nova. Oxalá puidesemos un día construír a Europa dos pobos! Mágoa que teñamos que ler outras coma esta: http://www.eldiario.es/rastreador/R...

1 Fada helvética

Así nos ve esta xente e non haberá nin unha petición de desculpas aínda que teñamos sufrido nós ou os nosos familiares o fume. Credes que esta é unha forma apropiada de aludir a tantos galegos. A onde nos leva esta xente? E que non saben usar argumentos (ou non os teñen) e por iso recorren a descualificacións. Que tristeza! E aquí nunca dimite ninguén. Nunca se piden nin sequera desculpas. Eu non son carroña nin xentuza. Eu só son unha persoa desesperada polo inferno de chamas que vivimos que pide responsabilidades e explicacións aos políticos. Creo que aínda teño o dereito a dicilo e a non ser insultada deste xeito. Que opinas Nostrus? En fin, o seu odio aumenta o noso amor, porque nós non podemos alimentar o rancor... Temos moito traballo para facer, moito diálogo para fomentar e sobre todo buscamos a paz e o respecto.