GC Aberto

Os 155 de Europa

Por Afonso Vázquez-Monxardín

Por ENGALIZA | GC ABERTO | 25/10/2017

Comparte esta noticia

Loxicamente todas as Constitucións europeas teñen os seus artigos 155. Efectivamente, ten razón o Pedro Sánchez cando di que todas as constitucións europeas teñen os seus 155. É lóxico que calquera organización (neste caso política e dun territorio) vele pola súa integridade. Desde unha visión estatista e legalista, que unha comunidade autónoma decida soa a súa desvinculación do resto, é como se unha provincia, digamos Ourense, nunha sobredose de ourensanía, decidise saír de Galicia. Ou un concello, digamos Vigo, constituír unha especie de Mónaco do Atlántico e de rei o novelista (publicou catro novelas) Abel Caballero I.

Xornada de folga xeral en Cataluña tralo referendo de independencia
Xornada de folga xeral en Cataluña tralo referendo de independencia | Fonte: Miguel Núñez.

Por iso, a maioría dos ordenamentos xurídicos estatais, en función das súas historias, teñen leis por se acaso. Velaquí uns exempliños. Os galos comezan declarando no artigo 1 da súa Carta Magna: Francia é unha república indivisible, laica, democrática e social..., e dedícanlle o 16 ao que na nosa é o 155. Di exactamente: Cando as institucións da República, a independencia da Nación, a integridade do seu territorio ou o cumprimento dos seus compromisos internacionais estean ameazados de maneira grave ou inmediata e o funcionamento regular dos poderes públicos constitucionais estea interrompido, o Presidente da República tomará as medidas esixidas por tales circunstancias, previa consulta oficial co Primeiro Ministro, os Presidentes das Cámaras e o Consello Constitucional. Informará diso á Nación por medio dunha mensaxe. Ditas medidas deberán estar inspiradas pola vontade de garantir aos poderes públicos constitucionais, no menor prazo, os medios para cumprir a súa misión. O Consello Constitucional será consultado sobre iso.

Alemaña comeza cunha invocación ao divino: Consciente da súa responsabilidade ante Deus e ante os homes, animado da vontade de servir á paz do mundo, como membro con igualdade de dereitos dunha Europa unida, o pobo alemán, en virtude da súa poder constituínte, outorgouse a presente Lei Fundamental, e dedícalle os artigos 80 e seguintes ao tema. Así, no artigo 84, punto 3 dise: O Goberno Federal controla que os Länder executen as leis federais conforme ao dereito vixente. Con este fin, o Goberno Federal poderá enviar comisionados ante as autoridades supremas dos Länder co consentimento das mesmas e, en caso de negativa, coa aprobación do Bundesrat, tamén ás autoridades inferiores. E no 85 , punto 4, sinala: O control federal esténdese tanto á legalidade como á oportunidade da execución. Para ese efecto, o Goberno Federal poderá esixir informes e a presentación de expedientes e enviar comisionados a todas as autoridades.

A constitución de Italia, no seu artigo 5 comeza dicindo: A República, unha e indivisible, recoñece e promoverá as autonomías locais, efectuará nos servizos que dependan do Estado a máis ampla descentralización administrativa e adoptará os principios e métodos da súa lexislación ás esixencias da autonomía e da descentralización. E garda o 126 para o control superior: Acordaranse por decreto razoado do Presidente da República a disolución do Consello Rexional e a remoción do Presidente da Xunta que realizasen actos contrarios á Constitución ou incorrido en violacións graves da lei. Poderán así mesmo a disolución e a remoción ser acordadas por razóns de seguridade nacional. E todas así. Ou sexa e dito con prudencia, a xurisprudencia comparada parece clara. A ver se se arranxan as cousas polas boas, aínda traza non leva. Un carro de sorte, ben grande, cómpre. Ou dous.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta