O goberno vigués acusa ao PP de “difundir bulos” durante os lumes e estudará “as implicacións legais”

A oposición critica que non se activase o plan municipal de emerxencias. O PP tamén politiza os lumes e critica a Abel Caballero por non saber xestionar a crise.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/10/2017 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

A xestión dos incendios ocorridos en Vigo o pasado 15 de outubro enfrontou aos grupos municipais no debate de varias mocións nun pleno ordinario celebrado este mércores, e no que o goberno local socialista acusou ao PP de "difundir bulos" nesa noite con intención de "crear alarma".

Cadea de voluntarios en Vigo para extinguir os lumes na Avenida de Europa que leva a Samil, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Cadea de voluntarios en Vigo para extinguir os lumes na Avenida de Europa que leva a Samil, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O grupo popular presentou unha moción (que non tivo votos suficientes para ser aprobada) para reclamar liñas de axudas para os afectados polo lume desde "todas as administracións", incluídas a municipal e a provincial. A portavoz do PP, Elena Muñoz, pediu a implicación de todas as institucións e preguntou insistentemente ao goberno de Caballero se se activou ou non esa noite o plan municipal de emerxencias.

"Evidentemente non o activaron", concluíu, e advertiu de que, mentres o alcalde saía en televisión dicindo que os lumes estaban controlados, os veciños seguían loitando contra as lapas e, nalgúns puntos da cidade, "coa auga cortada".

As críticas do PP tiveron unha dura réplica do portavoz do goberno local, Carlos López Font, quen non só proclamou que a crise incendiaria "resolveuse en 16 horas" grazas á dirección e xestión do alcalde Abel Caballero, senón que acusou ao PP de "difundir bulos" para "crear alarma".

“Bulos”

Así, o edil socialista reproduciu no pleno un arquivo de audio no que se escoita ao concelleiro 'popular' Diego Gago intervindo en directo nun programa de radio. Gago sinalaba que a cidade ardía "polos cuatro costados" nun "ataque deliberado", e que había "cortes de luz", e que a auga non era potable por estar "contaminada". López Font concluíu que o concelleiro do PP "dedicábase a difundir bulos, mentres o goberno municipal traballaba". "Isto é grave, e estudaremos as súas implicacións legais", advertiu.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O propio Gago explicou posteriormente que, na súa intervención nese programa de radio, limitouse a trasladar "o que se estaban dicindo os veciños" e que esa noite, en compañía dos seus compañeiros do grupo municipal, dedicouse a visitar as diferentes zonas afectadas polo lume en Vigo.

Pacto de Estado

Por outra banda, si se aprobou unha moción do PSOE instando á creación dunha mesa de traballo para traballar nun "pacto de Estado" en materia de política forestal e prevención de incendios. "Houbo fallos clamorosos na prevención, a limpeza dos montes non era a correcta, non hai unha política de persoal de extinción adecuada", sinalou López Font.

Mentres, o grupo municipal Marea de Vigo, que criticou as "escusas" da Xunta sobre presuntas "tramas" incendiarias, logrou que o PSOE aceptase unha emenda para incluír nesa mesa de traballo aos sindicatos e ás organizacións ecoloxistas máis representativas.

Xosé Lois Jácome tamén se referiu a as axudas aos afectados polos incendios, e preguntou "de que serven as axudas se a Xunta incumpre sistematicamente o seu propio plan forestal". Así mesmo, tamén denunciou que "non se activou o plan municipal de emerxencias" de Vigo na noite do 15 de outubro.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Inframundo platónico

Lembramos o que se escribe por aí: http://www.sermosgaliza.gal/articul... E aquí segue a non dimitir ninguén... E os partidos de esquerda que facedes? Pedistes explicacións por isto??????

1 luis ferrolan do pisco

Os partidos de esquerda, non existen na Galiza , tampouco de direitas , si por direitas entendemos crear unha sociedade , un estado industrializado , tecnificado capaz de competir economicamente con outros estados , as dereitas españolas son caciques e , practican o feudalismo económico . son apátridas . E na Galica as esquerdas son indoentes . Vemos supostos líderes de "esquerdas " que so se fan notar nas elecións . Debe ser un mao da terra .....a indoencia....xa vimos.¡ apagar o lume con baldes !