Temas: INCENDIOS LUMES

Un estudo da Guardia Civil cuestiona a eficacia policial contra os incendiarios

A investigación salienta a baixa efectividade nas detencións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado contra os responsables de incendios premeditados. A maioría das persoas arrestadas ou investigadas son autores de imprudencias e non rematan en prisión, onde unha boa parte dos detidos por causar lumes mostra trastornos psicopatolóxicos. Son conclusións dun traballo de expertos da Unidad Técnica de Policía Judicial da Guardia Civil, da Secretaría de Estado de Seguridad e da Universidad Complutense de Madrid.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os incendiarios forestais en prisión son persoas que inician os lumes con maior frecuencia como consecuencia de trastornos psicopatolóxicos, é dicir axustaríanse a unha tipoloxía de incendiario de "condutas anómalas". En cambio, os incendiarios que con maior porcentaxe identifican as Forzas e Corpos de Seguridade son os que cometen os feitos por unha imprudencia (este é o caso do primeiro detido na última vaga de lumes en Galicia); é dicir, a maioría de persoas que son detidas ou investigadas por incendio forestal non terminan en prisión, xa que só un 10% dos incendiarios que se atopan privados de liberdade cometeron os feitos por imprudencia grave.

Lume en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Estes son parte dos resultados dun estudo publicado recentemente por investigadores do Gabinete de Coordinación y Estudios da Secretaría de Estado de Seguridad (Ministerio del Interior), da Sección de Análisis del Comportamiento Delictivo (SACD) na Unidad Técnica de Policía Judicial da Guardia Civil, e da Universidad Complutense de Madrid.

TAXA DE ESCLARECEMENTO BAIXA

A eficacia das accións policiais está máis que cuestionada. Así, por exemplo, no ano 2015 producíronse 11.928 incendios forestais en todo o Estado e, segundo a Fiscalía General del Estado, identificáronse só 429 posibles autores, "sendo a taxa de esclarecemento excesivamente baixa", subliñan os autores do estudo.

En termos absolutos, é menor do 4%, aínda que a cifra aumentaría se se descontasen os producidos por forzas da natureza, as reproducións doutros incendios e aqueles lumes nos que a intencionalidade só se puido supoñer. En calquera caso, proseguen os investigadores, "o incendio forestal é un dos fenómenos delituosos con menor taxa de esclarecemento".

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

PERFIL PSICOPATOLÓXICO

A maioría de incendiarios que son identificados polas Forzas e Corpos de Seguridade están casados, prefiren estar con xente no seu tempo libre, non teñen antecedentes policiais nin estiveron en tratamento psicolóxico. Pero os que pasan por establecementos penais non adoitan vivir en parella no momento dos feitos, a metade prefire estar só no seu tempo libre, teñen antecedentes policiais e a maioría estiveron en tratamento psicolóxico, fundamentalmente por trastornos psicóticos. 

Outra conclusión que extraen os investigadores dos resultados que obtiveron, tras analizar os casos das persoas encarceradas no Estado por delitos relacionados con incendios forestais, é que probablemente as características psicolóxicas das persoas que se atopan en prisión facilitaron a súa identificación policial, ao presentar a maioría un trastorno psicolóxico e/ou un nivel de intelixencia baixo, é dicir carentes de habilidades para evitar con éxito a acción policial.

Os investigadores tamén salientan que os acusados por incendio forestal que levaron a cabo os feitos por vinganza ou por obtención dalgún beneficio son moi escasos. Para coñecer se realmente estas motivacións son infrecuentes ou é que non se identifica aos responsables e, por tanto, non ingresan en prisión, sería necesario analizar os incendios forestais sen esclarecer, pero cuxa motivación se puido supoñer, para observar se estas motivacións aumentan ou non, o que, din os investigadores, será abordado en futuros estudos.

Profundando nos diagnósticos psicopatolóxicos dos incendiarios que se atopan en prisión, os datos confirman que a piromanía é unha condición excepcional e que é máis probable que este tipo de autores teñan outro tipo de patoloxía psicolóxica, a pesar do frecuente nos medios de comunicación de equiparar incendiario a pirómano. Como a maior porcentaxe da mostra deste estudo se axusta á tipoloxía "condutas anómalas", os investigadores agardaban que a maioría de autores de lumes consumisen algún tipo de droga, sendo o alcol a máis predominante. Con todo, aclaran que isto non sería prototípico só dos incendiarios, posto que unha alta porcentaxe de poboación carceraria abusa dalgún tipo de substancia.

Con respecto ás características de personalidade dos incendiarios forestais privados de liberdade en comparación co resto de poboación carceraria, chama a atención dos investigadores que a maioría obtivo puntuacións medias nos trazos de extraversión, neuroticismo e psicoticismo, polo que o incendiario forestal privado de liberdade non contaría con ningún trazo desviado da poboación xeral, nin por exceso nin por defecto.

Os autores do estudo recoñecen que o traballo non está exento de limitacións, especialmente no que ten que ver co tamaño da mostra, xa que aínda que se incluíron todos os incendiarios forestais que se puido constatar que se atopaban en prisión durante os anos 2008-2013, probablemente o número real sexa maior. Ademais foi necesario eliminar a máis do 50% desta mostra para a medida de personalidade, por non cumprimentar o test de maneira correcta ou por risco de falta de sinceridade. Todo isto imposibilitou que os resultados do estudo poidan xeneralizarse. Con todo, salientan que se trata dun traballo pioneiro no Estado ao ofrecer un primeiro achegamento ao perfil de incendiario forestal privado de liberdade, e adiantan que en estudos posteriores comprobarase se se manteñen ou non as tendencias atopadas.

Os resultados do estudo veñen de ser presentados hai un mes na revista científica Behavior & Law Journal nun artigo titulado 'Perfil psicosocial del incendiario forestal español privado de libertad', asinado polo comandante da Guardia Civil José Luis González Álvarez, a criminóloga formada na Complutemse Verónica Muñoz Espinosa, e os capitáns da Guardia Civil Mª Luisa Calcerrada Alcázar e Andrés Sotoca Plaza, todos eles expertos formados en Psicoloxía.

A intención dos investigadores, dado que "a taxa de esclarecemento neste delito é todavía baixa", é tentar axudar a mellorar a investigación policial nestes casos.

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta