O paro en Galicia acada cifras de hai oito anos, pero segue aumentando a temporalidade

Cae en 19.800 persoas (-10%) o terceiro trimestre, ata 181.700 desempregados. A ocupación aumenta en 23.600 persoas, que crece en todos os sectores menos na construción, pero os contratos temporais seguen crecendo máis que os indefinidos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2017 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O paro baixou en Galicia en 19.800 persoas no terceiro trimestre do ano fronte ao tres meses anteriores, un 9,8% menos, máis que o descenso do 4,7% estatal. Así, o total de desempregados baixa dos 200.000 e sitúase en 181.700, cunha taxa de paro do 14,5%, segundo os datos da enquisa de poboación activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Paro
Paro | Fonte: Europa Press

A cifra de 181.700 desempregados é a menor en Galicia en oito anos, pois desde o cuarto trimestre de 2009 sempre se superou esa cantidade (entón eran 167.600 parados).

A actual taxa de paro do 14,5% (que baixa máis de punto e medio desde o 16,1% do segundo trimestre de 2017) tamén é a menor desde o cuarto timestre de 2009 (entón estaba no 12,8%).

A baixada intertrimestral do paro en Galicia é a quinta maior entre comunidades, só superada por Castela-A Mancha (-17,5%), Baleares (-17%), Castela e León (-10,3%) e Canarias (-10%).

En taxa interanual, o número de parados en Galicia diminúe en 25.000, un 12,1% menos, o que está por baixo do recorte do 13,63% en España.

En España, o paro baixou en 182.600 persoas no terceiro trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 4,66% menos, o que situou o número total de desempregados en 3.731.700 persoas, a súa cifra máis baixa desde o cuarto trimestre de 2008.

MAIOR BAIXADA ENTRE HOMES QUE ENTRE MULLERES

O desemprego descende en ambos os sexos en Galicia, aínda que de forma máis acusada entre os homes. Hai 13.400 homes desempregados menos que hai tres meses e quedan 86.200, mentres que o descenso entre mulleres é de 6.300 ata un total de 95.600 desempregadas.

A taxa de paro decrece en 2,1 puntos nos homes ata o 13,2%, mentres que se rebaixa en 1,2 puntos ata o 15,8% nas mulleres fronte ao tres meses anteriores.

No tocante á variación interanual, o número de parados homes cae en 18.100 (-17,4%) e o volume de paradas en 6.900 (-6,7%).

AUMENTO DA OCUPACIÓN

Pola súa banda, o número de ocupados en Galicia aumenta en 23.600 (+2,25%) de forma intertrimestral ata 1.072.500. A taxa de ocupación crece un 1,1% ata o 45,8%

Nos últimos 12 meses o número de ocupados aumentou en 14.600 persoas o que supón un incremento do 1,4% en termos relativos.

Por sexos, o número de ocupados homes crece en 14.400 persoas fronte ao segundo trimestre (+1,4%), mentres que a ocupación das mulleres crece en 9.200 persoas (+0,8%).

Respecto ao terceiro trimestre de 2016, o número de homes ocupados ten unha alza de 4.600 persoas (un 0,8%) e o de mulleres faino nun 2%.

CAÍDA NA CONSTRUCIÓN

O número de ocupados crece en todos os sectores en Galicia no terceiro trimestre menos na construción. A maior suba ten lugar nos servizos, cunha alza de 15.300 persoas fronte ao trimestre anterior ata 752.200 persoas.

En agricultura e pesca elévase en 5.300 persoas, mentres na industria en 4.400. En contraposición, hai unha diminución de 1.400 persoas na construción.

En comparativa co terceiro trimestre de 2016, a ocupación aumenta na agricultura e a pesca un 6,5% (o sector que rexistra maior subida interanual nas cifras de ocupación). Na industria avanza un 5,6% e en servizos un 0,8%. En cambio, na construción retrocede nun 7,5%.

AUMENTO DE ACTIVOS

No terceiro trimestre había 1.254.200 persoas activas nunha poboación galega 16 ou máis anos de 2.339.900 persoas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,6% (+0,3%). Hai 3.900 activos máis que o trimestre anterior.

Na comparativa co terceiro trimestre de 2016, o número de activos decrece en 10.400 persoas e a taxa de actividade diminúe en dúas décimas.

MAIOR AVANCE DE TEMPORAIS QUE INDEFINIDOS

En Galicia, os contratos indefinidos increméntanse en 11.400 o terceiro trimestre ata 609.400 (+1,9%), mentres que os temporais elévanse en 15.200 ata 238.500 (+6,8%).

En variación interanual, os indefinidos increméntanse nun 0,2% e os temporais avanzan nun 3,9%. A taxa de temporalidade, calculada como porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados, aumenta nove décimas neste trimestre haste situarse no 28,1%.

DESCENSO DO PARO XUVENIL

No paro xuvenil hai un descenso ata o 25% neste trimestre, 1,3 puntos menos fronte ao trimestre anterior. En comparación co terceiro trimestre de 2016 diminúe 2,9 puntos.

Entre os 321.100 mozos galegos de entre 16 e 29 anos hai 42.900 parados, 128.700 están ocupados e os 149.600 restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 40,1% no terceiro trimestre de 2017. Respecto ao trimestre anterior aumenta 2,1 puntos, e fronte ao trimestre do ano 2016 elévase 1,4 puntos.

O 75,4% dos ocupados entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. En comparación co segundo trimestre increméntase o número de mozos ocupados a xornada completa (un 10,1%), mentres que os mozos ocupados a xornada parcial descende en 2.900 persoas.

En taxa interanual hai un avance do 12% a xornada parcial e unha diminución de mozas ocupadas a xornada completa do 1,2%.

SETE CIDADES

Entre as sete cidades, Santiago e Lugo son as que presentan maiores taxas de ocupación (55,3% e 54,3%, respectivamente). A menor taxa de paro está en Lugo (10,9%).

Ferrol é o municipio con menor taxa de ocupación (34,6%) e con maior taxa de paro (19,7%).

Tags: #emprego #Paro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta