“O pequeno comercio ten que ver Internet como un grande aliado e non como o grande inimigo”

No Centro Comercial Urbano de Monforte apostan pola forza da unión entre comerciantes, pola boa xestión dos recursos, polo potencial da Ribeira Sacra como xeodestino e polo aproveitamento de internet e as redes sociais para acadar un comercio de proximidade competitivo.

Por X.M. Fernández | Monforte | 26/10/2017 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

Falamos con Ángel Folgueira, xerente e xestor de redes sociais da asociación de comerciantes de Monforte de Lemos. Entre outras cousas cóntanos a súa experiencia, de que vai a simpática campaña #EuSintoLemosía e dos retos do comercio local.

Ángel Folgueira, xerente CCU Monforte. Fonte: CCU
Ángel Folgueira, xerente CCU Monforte. Fonte: CCU

Que servizos ofrece o CCU de Monforte aos seus soci@s?

O Centro Comercial Urbano de Monforte ten como obxectivos principais a defensa dos intereses dos asociados e a dinamización e promoción da oferta comercial, turística e de lecer de Monforte, vinculada sempre á calidade e bo servizo dos nosos establecementos.Para acadar estes obxectivos ofrecemos unha ampla gama de servizos aos nosos asociados: participación gratuíta en campañas de animación e promoción comercial, información periódica de interese (subvencións, liñas de finanzamento, normativa, novidades en lexislación, calendario laboral, etc.), asesoramento, interlocución e xestións ante a Administración, promoción de produtos/servizos a través das nosas redes sociais, na nova Web na que estamos traballando e moi pronto tamén a través dun novo catálogo online, posibilidade de acollerse a convenios asinados polo CCU (con entidades bancarias, medios de comunicación, transporte, etc.), formación específica e xornadas informativas, presentación de empresas (os asociados poden ofrecer os seus servizos ao resto do colectivo e presentar ofertas ou descontos), promoción gratuíta na prensa local con anuncios conxuntos, subministración periódica de material promocional ou a integración como asociado na Federación Galega de Comercio son algúns deles.

Canto tempo levas como xerente?

Pois levo pouco máis de dous anos. Teño que recoñecer que cando xurdiu a oportunidade de vir a Monforte estaba a vivir unha situación persoal delicada e custoume un pouco aceptar a oferta pero foi coñecer ao excepcional grupo humano que estaba detrás da asociación e desaparecer todas as dúbidas. Tamén me gustaría destacar a boa acollida da xente de Monforte, a integración foi moi doada e desde o principio fixéronme sentir como un veciño máis. Hoxe xa sinto lemosía como o que máis e son un namorado da Ribeira Sacra.

Accións do CCU Monforte. Fonte: CCU  Accións do CCU Monforte. Fonte: CCU
Accións do CCU Monforte. Fonte: CCU Accións do CCU Monforte. Fonte: CCU

Cando te incorporaches, que cousas atopaches que funcionaban e cales non tanto?

Destacaría unha vez máis o grupo humano que me atopei, sorprendeume a súa dedicación á asociación. Cada vez é máis difícil atopar xente que destine parte do tempo que podería estar a dedicar ao seu propio negocio a traballar polos demais, por un ben común e de forma desinteresada facendo un labor que non sempre é recoñecido na súa xusta medida. Cando cheguei á asociación había unha base sólida para seguir crecendo, notábase o gran traballo que había detrás. Outra cousa que detectei rápido, aínda que creo que algúns aínda non son de todo conscientes, é o enorme potencial do comercio de Monforte. Moitos dos nosos negocios non teñen nada que envexar aos das grandes cidades, temos bos locais, bo produto, bos servizos... e ademais estamos situados na capital da Ribeira Sacra un dos xeodestinos turísticos con máis futuro de España. Pero como todo, sempre é susceptible de mellora e niso estamos. Lograr unha maior cohesión, aumentar a sensación de orgullo por pertencer á asociación, seguir sumando novos asociados malia superar amplamente xa os 150 despois dun espectacular incremento do 15% durante estes dous últimos anos, seguir mellorando as canles de comunicación cos nosos asociados e clientes, fomentar a especialización, innovar nas nosas campañas de dinamización, mellorar a formación, ligar o comercio ao turismo e dixitalizar o comercio incidindo na adopción das novas tecnoloxías deberían ser os alicerces do traballo desta asociación nos próximos anos.

Complexa situación a do comercio local para competir coa venda on-line, non? Prexudica tanto como pode parecer?

É certo que o comercio local teno difícil para competir en loxística ou prezo con xigantes da venda 'online' como Amazon ou Alibaba pero iso non debe confundirnos. Dende hai tempo defendo que o pequeno comercio ten que ver a Internet como un grande aliado e non como o grande inimigo. Polo meu vínculo coas redes sociais levo xa dez anos ligado ao mundo da comunicación na Rede. Ao longo destes anos puiden colaborar con pequenas empresas na xestión da súa presenza 'online' e podo confirmar que un traballo constante e eficaz neste medio sempre ten a súa recompensa. Hai que saber transformarse aproveitando as novas tecnoloxías e atopar o noso oco.                                                            

Mirando en positivo, ideas e estratexias para sobrevivir ao comercio virtual?

Claramente temos que achegar valor máis aló do prezo, hai conseguir que os nosos clientes compren os nosos produtos ou contraten os nosos servizos, e mira o que digo, incluso sendo máis caros que os da competencia, que unha vez comprado o noso produto ou gozado o noso servizo o cliente non teña a sensación de que é caro precisamente por ese valor engadido que lle ofrecemos. Sitios onde nos poñan unha tapa de tortilla coa caña hai moitos, pero todos temos ese local favorito no que non nos importa pagar un pouco máis por esa mesma caña polo rica que está a súa tortilla, pola súa presentación, polo trato que nos dan ou polo moito que nos gusta o ambiente do local. Insisto, hai que achegar valor diferencial aos nosos clientes máis aló do prezo

Actualmente estades cunha simpática campaña, cóntanos.

Pois si, #EuSintoLemosía é unha campaña que está a conectar moi ben coa xente, como ben dis é unha campaña que esperta simpatía.

Vivimos unha etapa complicada para o comercio local e neste contexto unha das nosas grandes bazas é contar coa complicidade dos nosos veciños e clientes pero para iso é necesario conciencialos da importancia real que o comercio de proximidade ten para a súa cidade e para o seu propio benestar. Aínda que os beneficios de comprar no comercio de Monforte parecen obvios, xéranse postos de traballo aquí, invístese na nosa cidade, multiplícanse as actividades de lecer, etc. de cando en vez é necesario lembrarllo, especialmente aos máis novos. Así xurdiu esta campaña que deseñamos en colaboración coa axencia monfortina Amanita Studio.

Unha campaña que, dunha forma divertida e alegre, pretende poñer en valor todo o noso, a nosa historia, cultura, monumentos, a espectacular Ribeira Sacra, o noso carácter, etc. e entre todo o noso tamén está o comercio local. O termo lemosía, que xorde de xogar co Lemos do nome de Monforte, definímola como a "sensación de éxtase que todo monfortino experimenta ao  rodearse dos seus por un tempo determinado", sensación que nos gustaría que todo o mundo puidese experimentar de primeira man e por iso convidámosvos a que pasedes por Monforte e... sintades a lemosía!  Iniciouse coa intención de xerar curiosidade na xente, que se preguntasen que era iso da lemosía antes de explicalo. Contou con accións específicas para chegar a todos os públicos combinando ao longo de varias semanas acciones de márketing na rúa con accións nas redes sociais e nos medios de comunicación tradicionais. Utilizouse 'merchandising' específico e desenvolveuse unha campaña gráfica e audiovisual á que convidamos a que se sumasen todos os nosos veciños e turistas.

E xa pensando na campaña de Nadal, tedes xa accións concretadas?

En breve iniciamos unha campaña na que un dos nosos clientes poderá gañar por só facer unha compra nalgún dos establecementos asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte, de forma directa e sen sorteos, o novo iPhone X ou, se prefire un Android, o novo Galaxy Note 8. Ademais sortearemos entre o resto de participantes unha espectacular viaxe para dúas persoas. Moi pronto contaremos todos os detalles nas nosas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Anabel Asto

Ahora en este mundo virtual es necesario tener el internet como un aliado, tal como mencionas en tu texto. Es por ello que necesitamos estar conectados desde cualquier dispositivo para sacar el máximo provecho a las diferentes cosas de la actualidad. Ahora más que nada muchas opciones tenemos para tener internet gratis en celulares, esto gracias a la competencia que hay entre compañías telefónicas. Buen post, gracias por publicarlo.

2 CCU de Monforte

Moitas grazas por dar cabida á nosa asociación no seu dixital. Un saúdo desde Monforte, capital da Ribeira Sacra! ;)

1 Ramón Gallego

Disculpad por no escribir el comentario en Gallego, pero ahora mismo estoy un poco oxidado con este lenguaje y prefiero hacerlo en Español para que se entienda bien. A día de hoy como bien se dice... "Si no apareces en Internet, no existes". Es verdad que empresas como Amazon o Alixpress están haciendo un poco de daño a estos comercios, pero Internet es un mundo muy amplio y la verdad que el día de mañana todo el mundo tendrá que tener Internet gratis en el móvil porque es esencial a día de hoy y ya casi todo el mundo compra por Internet. Un cordial saludo :)