Membros do GES do Val Miñor evitaron unha traxedia... Que ardese unha pirotecnia

Un dos maiores incendios do pasado domingo 15 de outubro, que levou a vida de dúas mulleres na parroquia de Chandebrito en Nigrán e alcanzou o concello de Vigo, puido ter consecuencias aínda maiores se non fora pola intervención do GES do Val Miñor. O lume quedou a 30 metros dunha pirotecnia no barrio do Castelo. E todo o fixeron sós, cun camión, coa axuda dos veciños, da Policía Local, Garda Civil e "sen coordinación, nin mando ningún".

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 26/10/2017 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O que aconteceu o pasado 15 de outubro en Nigrán segue sendo unha incógnita sen resolver oficialmente, dado que non existe un parte oficial que conte o acontecido no concello pontevedrés. Galicia Confidencial deu conta nunha entrevista a Vítor Manuel Vidal,presidente da AVV O Castro de Chandebrito, dos feitos que aconteceron na parroquia que quedou cercada polo lume, pero ata hoxe non transcendera o acontecido ó outro lado das lapas. 

O lume quedou a 30 metros da pirotécnia de Nigrán durante a vaga de lumes de outubro de 2017
O lume quedou a 30 metros da pirotécnia de Nigrán durante a vaga de lumes de outubro de 2017 | Fonte: PT

O Val Miñor xa ardía dende primeira hora da mañá en Gondomar e Baiona, e os mesmos bombeiros do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) que pagaban o lume en Baiona viñan de axudar noutro lume no concello de Oia de madrugada.

Os dous únicos traballadores de garda do GES no Val Miñor ese día estaban facendo fronte ao lume, conxuntamente con veciños, policía local e garda civil, a un incendio de nivel 2 en Baiona cun só camión. Esta falta de persoal provocou a incomprensible situación de que o outro camión de bombeiros e a furgoneta coa que conta o GES, quedasen gardadas na base porque non había persoal para poder utilizalas. 

Segundo sinalan ás 17:30 h apareceu un foco de lume nos lindes entre as parroquias de Parada e Camos (Nigrán) e non hai persoal dispoñible. Sen mando operativo e sen coordinación por parte do distrito, deciden organizarse e eles mesmos convocan ós 8 compañeiros de descanso GES para que se incorporen ao traballo de extinción. "Non había ningún coordinador ao mando, e non podiamos comunicarnos coas centrais do 112 e do 085 porque estaban colapsadas. Non sabiamos de que medios dispoñiamos, nin cantos foran mobilizados; estabamos totalmente a cegas. O noso distrito de zona, que é quen nos debería coordinar, díxonos que “fixésemos o que puidésemos”.

Os primeiros en chegar a Camos foron estes dous membros dos GES e o concelleiro de seguridade, que chegan á cabeza do lume en Parada e alí tentan facerlle fronte, pero xa era incontrolable.  "Non dispoñiamos de medios nin persoal para poder controlalo, só tiñamos 1 camión forestal.  Polo que acudimos a axudar ás casas que tiñan as lapa máis preto. E é cando constatamos que realmente estamos sós para facer fronte a un incendio forestal de nivel 2, exceptuando a axuda dos veciños e da policía local de Nigrán que si se preocupou por manter contacto connosco e ata de poñer á nosa disposición varios axentes para axudar nos labores de extinción."

Pirotécnia en Nigrán. O lume da vaga de incendios de outubro de 2017 quedou a 30 metros
Pirotécnia en Nigrán. O lume da vaga de incendios de outubro de 2017 quedou a 30 metros | Fonte: PT

Imposible chegar a Chandebrito

A acción do vento coa cola do furacán Ophelia, e a seca pronunciada que padece Galicia fixo o resto. O lume estendeuse en menos dunha hora queimando todo o frontal de monte da parroquia de Camos -2 quilómetros- e as lapas xa estaban case chegando ós primeiros barrios de Chandebrito -As Rozadas e Pracíns-. Ante a situación, os integrantes do GES tentan subir a Chandebrito co único camión que dispuñan pero no tempo que tardan en recoller as mangueiras despregadas, o camiño queda totalmente cercado polo lume. Tentan rodear o monte pola parroquia de Priegue a 9 Km do lume, pero desisten polo mesmo motivo.

A pirotecnia en Camos

Veciños e membros do GES coinciden en sinalar que puido ser unha traxedia moito maior, dada a proximidade do lume a unha pirotecnia local.

O lume prendera a 200 metros de distancia dunha industria pirotécnica situada no mesmo barrio do Castelo, en Camos. O dirección do vento neste caso axudou a que o lume correse de cola e a contra vento cara á pirotecnia. E nese punto foi onde o GES,  Policía Local de Nigrán e traballadores da pirotecnia centraron a súa actuación durante o resto da tarde ata as 6 da madrugada do día seguinte. Conseguiron frear o lume na tomada do Fonteirón, a 30 metros dos muros da pirotecnia. 

A tensión foi máxima non só polo lume, se non pola calor e os baixos índices de humidade pola acción dos restos do furacán. 

Durante toda a tarde, varios avións do Ministerio de Medio ambiente sobrevoaban a zona do foco inicial dende primeiras horas da tarde. "Pedimos en varias ocasións descargas dos hidroavións que estaban sobrevoando a zona toda a tarde, pero ditas peticións non foron atendidas pese á gravidade do incendio... Non contamos con ningún tipo de axuda externa salvo os escasos medios propios e a axuda de veciños e policía local " 

As protestas dos traballadores do GES do Val Miñor 

Este grupo de bombeiros supramunicipal do Val Miñor levan anos reclamando a firma dun convenio e denunciando as condicións precarias coas que afrontan o servizo de emerxencias. Con quendas de 1 só bombeiro para unha poboación de 44.000 habitantes que vese duplicada no verán.  E con material de seguridade obsoleto, roto ou caducado nos mellores dos casos. 

"Levamos 2 anos reclamando ante a Mancomunidad de Concellos  do Val Miñor, avisando da nosa situación e das carencias en materia de seguridade do servizo. Fai dous meses ata entregamos un informe moi completo a todos os grupos políticos dos concellos e mantivemos 3 reunións con representantes da mancomunidade, pero foron infrutuosas, só conseguiuse unha partida escasa para renovar parte da roupa." 

Este xoves concentraronse en Nigrán ás 19.30h antes do pleno ordinario de Nigrán, que tratou a situación do servizo de emerxencias.  Piden aos veciños do Val Miñor "que nos apoien e intercedan para que os nosos representantes municipais tomen con seriedade debida éste asunto, atendan e cubran as necesidades dun servizo que como se viu pode marcar a diferenza entre chegar e non chegar."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta