Que responsabilidades ten Beatriz Mato na vaga de lumes?

Medio Ambiente deixou sen executar o 62,8% dos orzamentos deste departamento. A oposición di que isto puido influír nos incendios de outubro e pídelle a posta en marcha inmediata da recuperación dos espazos protexidos queimados este outubro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/10/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio executou, ata o 30 de setembro deste ano, tan só o 37,2 por cento dos investimentos previstos para Medio Ambiente. Quedaban, polo tanto, máis do 62% das partidas sen executar, a maior parte delas, relativas á protección e posta en valor das grandes parques naturais de Galicia.Uns parques,  especialmente os do Courel, Ancares e Baixa Limia- Xurés, que quedaron moi afectados pola intensa vaga de lume deste outubro.  

Alberto Núñez Feijóo e Beatriz Mato
Alberto Núñez Feijóo e Beatriz Mato | Fonte: Xunta

De feito, na comparecencia da titular deste departamento na Cámara este xoves, Beatriz Mato, un dos principais argumentos que utilizaron os grupos da oposición para criticala, foi, precisamente, a falla de investimento nos grandes parques e areás protexidas de Galicia. De telo feito, apuntaron, “a traxedia tería sido menor”.

A responsable socialista, Patricia Vilán, reivindicou unha nova Lei do Patrimonio Natural de Galicia para acadar “unha protección máis eficaz do patrimonio natural e da biodiversidade” e urxiu a comezar “de inmediato” coa restauración das zonas protexidas afectadas polo lume, como foi o caso da Serra do Xurés e os Ancares. Ademais, reclamou un informe do impacto dos lumes sobre estes espazos, así como sobre as especies de flora e fauna ameazadas, as árbores senlleiras e os animais silvestres afectados por uns incendios que calcinaron 35.000 hectáreas, de acordo cos datos oficiais.

Ademais, puxo en dúbida ademais o funcionamento dos dispositivos de alerta polas previsións meteorolóxicas, e advertiu que “esta mesma fin de semana hai risco extremo de incendio”, polo que reclamou a toma de medidas preventivas con relación ás actividades forestais, circulación de vehículos ou actividades que poidan afectar á masa forestal.

En Marea e o BNG tamén criticaron que a vaga de lumes do 15 de outubro “puxo en evidencia a mala planificación” da ordenación do territorio porque arderon moitos montes “sen ningún tipo de planificación” e instaron a Mato a actuar ante a grave traxedia dos espazos naturais.

Obxectivos da Xunta

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, que é candidata á Alcaldía da Coruña, insistíu en que os orzamentos do vindeiro ano fixan como materias prioritarias a conservación do patrimonio natural e a loita e mitigación do cambio climático. Ademais, detallou os principais eixos das contas do seu departamento, entre os que destacou a protección, a conservación e a posta en valor do patrimonio natural e de todos os seus ecosistemas. 

A conselleira Beatriz Mato concluíu que “o patrimonio natural é a mellor carta de presentación que ten Galicia e por iso imos apoiala e protexela, combinando a preservación coa promoción dun turismo de natureza sostible”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 fervelhasberzas

Se o patrimonio natural galego é a mellor carta de presentación que ten Galicia, entom imos de cu.