Amargo debut de Cristóbal

O Dépor, que xogou con dez dende o minuto 25 pola expulsión de Juanfran, perde 1-4 con As Palmas na estrea de Cristóbal Parralo no banco coruñés e di adeus á Copa no partido de ida. O vindeiro luns, co mesmo rival na Liga.

Por gcdeportes | A Coruña | 26/10/2017 | Actualizada ás 23:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Deportivo 1:
Tyton; Juanfran, Schär, Sidnei, Fernando Navarro; Guilherme (Pedro Mosquera, min.71), Edu Expósito, Fede Valverde, Bakkali, Bruno Gama (Gerard Valentín, 56’) e Lucas Pérez (Florin Andone, 71’).
As Palmas 4: Raúl Lizoain; David Simón, Lemos, Bigas, Dani Castellano; Vicente Gómez (Hernán Santana, 82’), Javi Castellano (Samper, 71’), Momo, Vitolo; Jonathan Viera e Tana (Calleri, 75’).
Goles: 0-1: Momo (minuto 8). 0-2: Momo (16’). 1-2: Lucas Pérez (59’). 1-3: Calleri (81’). 1-4: Calleri (90’).
Árbitro: Mateu Lahoz (valenciano). Expulsou a Juanfran no minuto 25 por dobre tarxeta, a segunda por protestar. Amarelas a Edu Expósito (9’) e Guilherme (38’) no Dépor e a Jonathan Viera (6’), Tana (34’) e David Simón (49’) nas Palmas.
Incidencias: partido de ida dos 1/16 de final da Copa do Rei disputado no estadio Abanca-Riazor ante 12.105 espectadores.

Demasiados contratempos para unha estrea feliz de Cristóbal Parralo. A endémica fraxilidade defensiva, a expulsión de Juanfran xa no minuto 25, o erro de Fede Valverde ante o porteiro que puido ser o 2-2… Ao descanso, 0-2 con dous goles de Momo nos primeiros 15 minutos; reacción local e Lucas Pérez que achega os coruñeses co 1-2 e media hora por diante; Fede Valverde tivo dúas ocasións claras para empatar; pero ao final, 1-4 tras dous goles de Calleri nos últimos dez minutos e a eliminatoria sentenciada. Cristóbal Parralo ten traballo por diante para devolver a solidez defensiva ao Dépor. O luns, visita a Canarias para enfrontarse de novo As Palmas.

Lucas Pérez deu esperanzas o Dépor co 1-2.
Lucas Pérez deu esperanzas o Dépor co 1-2. | Fonte: @RCDeportivo

Tyton na portaría, teóricos titulares como Juanfran, Schär, Sidnei, Guilherme, Fede Valverde e Lucas Pérez e algunha rotación con oportunidade para Edu Expósito foi o primeiro once de Cristóbal. Schär estivo a piques de marcar no primeiro minuto cun forte disparo ao pau e o arrinque do Dépor prometía. Pero na primeira chegada canaria, Vitolo foise de toda a defensa, rematou ao traveseiro e Momo aproveitou o rexeite para marcar, por debaixo do corpo de Tyton, o 0-1. O Dépor quedou groggy e As Palmas, tras unha perda de Sidnei, aproveitou para facer o 0-2, de novo obra de Momo. E aínda foi peor, xa que Juanfran recibiu dúas tarxetas amarelas, por derrubar a Jonathan Viera e por protestar a decisión de Mateu Lahoz, e deixou o Dépor con dez. Os canarios perdoaron o terceiro antes do descanso e a afección despediu os seus con asubíos.

Os deportivistas saíron con máis decisión tralo paso por vestiarios. Lucas Pérez, que recibiu algún asubío dende a bancada, tentou sen éxito acurtar diferenzas de xeito individual. Marcou o 1-2 no minuto 59, cun remate coa testa a centro de Bakkali, o mellor dos locais xunto con Fede Valverde, que cumpliu no lateral dereito trala expulsión de Juanfran.

Chegaron os mellores minutos do Dépor, que estivo a piques de acadar o empate. Primeiro cun disparo de falta de Bakkali que despexou Raúl Lizoain e despois, xa con Florin Andone no canto de Lucas Pérez, con dúas ocasións moi claras de Fede Valverde: a primeira disparou contra o meta rival na súa estirada e a segunda, non atinou co remate diante da portaría.

Non marcou o equipo coruñés e Calleri, con cinco minutos sobre o céspede, fixo o 1-3. O Dépor, xa sen folgos, quedou tocado e de novo Calleri sentenciou a eliminatoria co 1-4 sobre a bucina.
“Temos que ser máis intensos e máis agresivos sen balón. Non podemos dar tantas facilidades ao rival”, laiouse Cristóbal Parralo trala derrota.

O Dépor perdeu 1-4 na Copa no debut de Cristóbal Parralo. @RCDeportivo
O Dépor perdeu 1-4 na Copa no debut de Cristóbal Parralo. @RCDeportivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta