O ascenso infindo de María Araújo

A pivote viguesa do Uni Ferrol debutará, con tan só 20 anos, como internacional absoluta con España na fase de clasificación para o Eurobasket’2019. O equipo de Lino López, por primeira vez na súa historia, aporta dúas xogadoras á selección: María Araújo e Bea Sánchez.

Por gcdeportes | Ferrol | 27/10/2017 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

Con tan só 20 anos, selección absoluta. Recoñecemento para a pivote viguesa do Star Center-Uni Ferrol, María Araújo, que o vindeiro mes debutará con España como internacional absoluta na fase de clasificación para o Eurobasket’2019. E recoñecemento tamén para o equipo de Lino López, co-líder da Liga DIA con catro vitorias, que contará por primera vez na súa curta historia con dúas xogadoras na selección absoluta, xa que a gaditana Bea Sánchez repite convocatoria para os partidos dos días 11 e 15 de novembro contra Bulgaria e Holanda.

No caso de Bea Sánchez, de 27 anos, repite convocatoria tras gañar o pasado verán o Eurobasket na República Checa, mentres que María Araújo será a primeira vez que acude coa selección absoluta, despois do éxito acadado coa selección U20, coa que gañou o Europeo en Portugal e onde foi elexida MVP do torneo.
.
O bo arrinque de temporada da xogadora do Uni Ferrol levou o seleccionador Lucas Mondelo a contar coa viguesa para as dúas vindeiras citas. A convocatoria absoluta chega despois dunha exitosa traxectoria nas seleccións de formación, coas que acadou tres medallas: prata no Mundial U17 de 2014, ouro no Europeo U18 de 2015 e ouro no Europeo U20 deste verán. E chega despois dun espectacular comezo de Liga, no que María Araújo suma co equipo ferrolán 12,8 puntos, 10,4 rebotes e 4,8 asistencias en 34 minutos en pista por partido.

A selección concentrarase o día 7 en Madrid e, posteriormente viaxarán a Bulgaria para xogar o día 11 contra o equipo búlgaro. Logo regresarán a España e o mércores 15 xogarán en Valladolid fronte a Holanda.

“No me la esperaba. Sabía que estaba en la preselección de 24, pero el hecho de que se contaba con las 12 que ganaron el Eurobasket, tenía pocas esperanzas. Al tener la baja de Laura Gil, me dan esta oportunidad, que es algo muy importante para mi. No contaba ir tan pronto a la selección absoluta”, comenta María Pérez Araújo sobre a súa estrea no pre-Europeo. “Estoy muy contenta de poder seguir en la selección. Esto viene a indicar que en el club se están haciendo bien las cosas y con los resultados, llegan estas convocatorias”, apunta a veterana Bea Sánchez.

Non serán as únicas internacionais do Star Center-Uni Ferrol, xa que Rachael Vanderwal está convocada con Gran Bretaña. As tres internacionais marcharán coas súas seleccións despois do partido do día 4 en Gernika e regresarán o xoves 16 de novembro, polo que terán poucos días para preparar o partido que o equipo ferrolán xogará en Esteiro contra IDK Guipuzkoa o domingo 19 de novembro.

María Araújo recibe o trofeo de MVP do Europeo U20.
María Araújo recibe o trofeo de MVP do Europeo U20. | Fonte: @baloncestoFEB

María Araújo e Bea Sánchez, as internacionais do Uni Ferrol con España.
María Araújo e Bea Sánchez, as internacionais do Uni Ferrol con España. | Fonte: @UniFerrol
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta