Debería a ciencia axudarnos a vivir para sempre?

Esta será a pregunta da primeira Regueifa de Ciencia internacional da USC que debate sobre a inmortalidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/10/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Tras o éxito da primeira edición, que reuniu preto de 1.500 persoas nos eventos en vivo, e de mostrar a mesma tendencia nesta edición de 2017, Regueifas de Ciencia afronta a recta final desta tempada cunha nova cita para o próximo martes 7 de novembro. Nesta ocasión o debate, que será retransmitido en streaming, xirará en torno a se a ciencia debería axudarnos a vivir para sempre.

Alegoría sobre a inmortalidade
Alegoría sobre a inmortalidade | Fonte: codigooculto.com

Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e conta con financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), pertencente ao Ministerio de Economía e Competitividade. A do 7 de novembro, ás 20.00 horas na facultade de Ciencias da Comunicación, é a primeira ‘regueifa’ de carácter internacional, de maneira que a xornada se desenvolverá en español e en inglés, con sistema de tradución simultánea a disposición de quen o desexe. Esta sesión está patrocinada por Portomédica.

O tema de debate

Segundo informa a USC, os continuos avances no coñecemento da biomedicina e a tecnoloxía achegan, cada vez máis, a posibilidade de alongar radicalmente a vida humana. Ante isto existen diferentes enfoques e perspectivas. Desde unha corrente que afirma que falta pouco para que vivamos 1.000 anos e que a orixe de todas as enfermidades está no envellecemento, ata científicos que consideran que, como mínimo, é pouco realista afirmar que viviremos tanto ou que alcanzaremos a inmortalidade.

Tamén hai quen opina que se ben é obvio que hai que tratar as enfermidades para mellorar a calidade de vida das persoas e evitar mortes prematuras, non é moralmente aceptable cambiar a nosa natureza tan radicalmente e achegarnos á inmortalidade. Outras voces formulan os retos que suporía o aumento extremo da esperanza de vida nos ámbitos social, demográfico e económico.

Os relatores

O debate será tipo ‘Oxford’, o que implica que participarán dous equipos de dúas persoas, un moderador e tempos pautados para cada intervención (intervencións, réplicas e contrarréplicas). Haberá tamén ao final unha quenda de preguntas para o público.

Defendendo que a ciencia debe axudar a vivir para sempre intervirán o inmunólogo profesor de investigación do CSIC CNB (CSIC_UAM) Carlos Martínez Alonso, e o xerontólogo da Fundación SENS Aubrey de Grey. Enfronte tenán ao profesor de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia Vicente Bellver Capella,  e ao profesor de Bioxerontoloxía da Universidade de Brighton Richard Faragher.

Votación electrónica

Outro dos aspectos innovadores de Regueifas de Ciencia é que o público pode opinar. Antes de comezar co debate, pregúntaselle con cal das dúas posturas está de acordo a través dunha votación electrónica da que non se publica o resultado. Ao remate, o moderador repetirá a pregunta, o público volverá responder e esta vez si se publicarán os resultados, do antes e do despois, para poder comprobar a capacidade de persuasión e argumentación científica dos relatores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta