Breogán asalta Melilla

O Cafés Candelas lucense vence 79-83 en Melilla e segue invicto con cinco triunfos en cinco partidos. Os lucenses sufriron para pechar a vitoria logo de encaixar un parcial de 10-0 no último cuarto. Matt Stainbrook, con 20 puntos, e Salva Arco, con 18, os mellores no Breo.

Por gcdeportes | Lugo | 27/10/2017 | Actualizada ás 23:39

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Melilla 79:
Dani Rodríguez (8), Kapelan (12), Pablo Almazán (10), Mamadou Samb (9), Fran Guerra (12) –cinco inicial- Miki Servera (1), Filip Djuran (3), Javi Lucas (8), Edu Durán (8), Fall (4) e Juan Rubio (4).
CB Breogán 83: Cristian Díaz (7), Salva Arco (18), Löfberg (5), Demetrio (6), Matt Stainbrook (20) –cinco inicial- Ricardo Uriz (16), Sergi Quintela (2), Guille Rubio (7), Sulejmanovic (2), Cigoja (0).
Parciais: 14-18, 18-24 (32-42), 19-18, 28-23 (79-83).  
Árbitros: Ángel de Lucas e Jaime Gómez Luque. Eliminaron por cinco faltas persoais a Johan Löfberg.
Incidencias: partido da 6ª xornada da LEB Ouro no pavillón Javier Imbroda de Melilla.

Salva Arco, 18 puntos e 24 de valoración en Melilla.
Salva Arco, 18 puntos e 24 de valoración en Melilla. | Fonte: @CBBreogan

Que sufrimento innecesario. Tras 35 minutos espectaculares, sobre todo en defensa, Breogán gañaba de 16 no último cuarto (57-73) e pensou que xa estaba feito. Melilla acadou un parcial de 21-5 para empatar o partido 78-78 tras unha tripla de Kapelan. Menos mal que estaba Matt Stainbrook, que reboteou en ataque e anotou o 78-80. Kapelan errou un tiro libre e Ricardo Úriz sentenciou dende o 4,60. Quinta vitoria en cinco partidos. O Cafés Candelas Breogán é líder invicto da LEB Ouro.

E iso que ao Breo non lle entraba nada no arrinque. E Melilla foise ata o 11-2 tras unha tripla de Pablo Almazán. Natxo Lezcano tivo que parar o partido e os lucenses reaccionaron tras unha tripla de Cristian Díaz cun parcial de 0-9 para empatar o choque. Outra tripla de Úriz, outro parcial de 0-7 e o Breo gañaba 14-18 tras dez minutos.

Filip Djuran anotou unha tripla, pero respostaron Ricardo Úriz, con outras dúas triplas, e Salva Arco con sete puntos consecutivos. Melilla parou o partido con 22-33 a 4:56 do descanso, pero Arco anotou outra tripla e Breogán acadou a máxima diferenza: 24-36. Reaccionaron os locais con triplas de Kapelan e Javi Lucas, e Lezcano pediu tempo morto con 32-36. Tripla de Díaz e parcial de 0-6 para irse a vestiarios con 32-42, con 7/13 en triplas para os lucenses nos dous primeiros cuartos.

Guille Rubio anotou unha tripla e Matt Stainbrook fixo medrar a vantaxe ata os 15 puntos (38-53). Melilla parou o partido e probou coa defensa en zona, pero Löfberg de tres e Sulejmanovic con dous tiros libres (45-60) mantiñan o Breo sen apuros. Os locais achegáronse cun parcial de 6-0 para entrar 51-60 no último cuarto.

Matt Stainbrook e Salva Arco, os mellores do Breo en Melilla.
Matt Stainbrook e Salva Arco, os mellores do Breo en Melilla. | Fonte: @CBBreogan

Os puntos de Salva Arco e Stainbrook puxeron a máxima diferenza do partido (55-71, 57-73). Unha nova vitoria estaba no peto, pero os lucenses relaxáronse e permitiron que o rival volvese entrar no partido. Tras unha técnica ao técnico local, 68-78, pero con Samb, cos tiros libres e unha antideportiva a Löfberg, Melilla acadou un parcial de 10-0 e empatou o partido. Un rebote con canastra de Stainbrook foi decisivo, e os tiros libres de Úriz fixeron xustiza para Breogán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta