Temas: LEBORO

A primeira do COB

Rio Ourense Termal vence de xeito contundente 98-75 a Araberri e suma o primeiro triunfo na Liga tras catro derrotas. Cinco xogadores ourensáns, por riba dos dez puntos. O mércores, o derbi aprazado con Leyma Coruña.

Por gcdeportes | Ourense | 28/10/2017 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Rio Ourense Termal 98:
Reggie Johnson (12), Ahonen (17), Maura (13), Manzano (8),
Orlov (8) –cinco inicial- Verners Kohs (7), Dan Trist (17), Abdoulaye Ndoye (14), Martín Rodríguez (0), Moreno (2) e Stefanuto (0).
Araberri 75: Wintering (9), John Dee (6), Mitrovic (8), Fede Uclés (9), Adam Pechacek (12) –cinco inicial- Edwards (20), Cizmic (2), Martín Buesa (4), Mitola (3), Lorenzo (0) e Araújo (2).
Parciais: 29-20, 27-14 (56-34), 21-19, 21-22 (98-75).
Árbitros: Juan G. Carpallo Miguélez e Alberto García Parejo. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 6ª xornada da LEB Ouro disputado no Pazo Paco Paz de Ourense ante arredor de 1.500 espectadores.

Despois de catro derrotas, por fin a primeira e necesaria vitoria ourensá. Rio Ourense Termal non deu opcións a Araberri (chegaba xa con tres vitorias) e sumou unha contundente vitoria por 98-75 cun acerto espectacular: 27/41 en T2 (66%) e 12/25 en triplas (48%). Ao descanso, COB xa gañaba por máis de vinte (56-34). Ata cinco xogadores cobistas estiveron por riba dos dez puntos: Roope Ahonen (17), Dan Trist (17), Ndoye (14), Alberto Maura (13) e Reggie Johnson (12). Por primeira vez nesta campaña, Gonzalo García deu dous días de descanso aos seus. O mércores, de novo no Paco Paz, o derbi aprazado co Leyma Coruña.

Coa sorpresa de Alberto Maura no cinco inicial pola baixa de Rokas Uzas, non tardou Ourense, moi centrado e cheo de acerto, en acadar as primeiras vantaxes. Un 2+1 de Ahonen e unha tripla de Maura e COB gañaba 8-4. Araberri aguantou ata o 12-10, pero dúas triplas de Ahonen e Manzano abriron fenda no marcador (22-13). Araberri parou o partido, pero os locais (29 puntos en dez minutos) mantiveron a vantaxe: 29-20. Xa no segundo cuarto, oito puntos case consecutivos de Ndoye e unha tripla de Reggie Johnson aumentaron a diferenza por riba dos dez puntos e racharon o partido. Cun parcial de 9-0, o COB púxose 46-28. E Alberto Maura anotou dúas triplas consecutivas. No tempo de lecer, 56-34.

Tralo descanso, Araberri tentou achegarse un chisco cos puntos de Pechacek e, sobre todo, Kedar Edwards, pero con Reggie Johnson e as triples de Ahonen, Rio Ourense Termal abriu aínda máis oco no marcador ata un contundente 75-48. Ao final do terceiro acto, 77-53. No arrinque do último, dúas triplas de Verners Kohs deron o COB a máxima vantaxe do partido (83-55). Con dúas triplas de Johnny Dee e dúas canastras de Edwards, Araberri púxose a vinte (85-65). Gonzalo García parou o partido para evitar sustos e Rio Ourense Termal, liderado por Dan Trist (9 puntos consecutivos), certificou a vitoria. Na recta final, minutos para Dani Stefanuto. O mércores, de novo no Pazo, derbi con Leyma.

Volodymyr Orlov machaca a canastra fronte a Araberri.
Volodymyr Orlov machaca a canastra fronte a Araberri. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

A ledicia do COB ante a primeira vitoria na Liga.
A ledicia do COB ante a primeira vitoria na Liga. | Fonte: Carlos Domarco (COB)
Temas: LEBORO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta