O Lugo dorme líder

O equipo lucense vence 1-0 o Nástic cun gol de Campillo e acada por primeira vez o liderado provisional en solitario de Segunda División. Os de Francisco suman catro xornadas sen perder e 10 dos últimos 12 puntos. O vindeiro domingo, visita a Oviedo.

Por gcdeportes | Lugo | 28/10/2017 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 1:
Juan Carlos; Serge Leuko, Bernardo Cruz, Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Fernando Seoane, Ramón Azeez; Fede Vico (Carlos Pita, 86’), Campillo, Polaco Fydriszewsky (Nico Albarracín, 64’) e Cristian Herrera (Mario Barco, 82’).
Nástic Tarragona 0:  Dimitrievski; Kakabadza, Xavi Molina, Bruno Perone, Javi Jiménez; Gaztañaga (Juan Muñiz, 68’), Mikel Mesa (Brugui, 83’), Zahibo, Morente (Jean Luc Assoubre, 58’); Juan Delgado e Manu Barreiro.
Gol: 1-0: Campillo (minuto 26).
Árbitro: Valdés Aller (castelán). Amarelas a Ignasi Miquel (42’), Cristian Herrera (57’) e Bernardo Cruz (90’) nos locais e a Gaztañaga (16’) e Jean Luc Assoubre (78’) nos visitantes.
Incidencias: partido da 12ª xornada de Segunda División disputado no estadio Anxo Carro ante 3.450 espectadores.

Vitoria pola mínima, con incerteza, pero o CD Lugo durmirá por primeira vez na súa historia líder en solitario da Segunda División tras gañar ao Nástic no Anxo Carro. Bastou cun gol de Campillo no minuto 26 e a solidez defensiva dos lucenses, que mantiveron de novo a portaría a cero: seis veces en doce xornadas. O Lugo suma xa 23 puntos, e 10 dos últimos 12 tras xuntar catro xornadas sen perder.

Os xogadores lucenses celebran o gol de Campillo.
Os xogadores lucenses celebran o gol de Campillo. | Fonte: lfp.es

Coa novidade de Serge Leuko no lateral dereito, o Lugo saiu decidido a por unha vitoria que sabía lle daba o liderado provisional, e firmou unha destacada primeira media hora, decisiva para acadar os tres puntos. En dez minutos, o Polaco Fydriszewski tivo dúas boas ocasións: perdonou a primeira tras centro de Leuko e rematou forzado coa testa unha falta lanzada por Fede Vico. Tras varios minutos de dominio sen chegadas claras, no minuto 26, gol de Campillo, na terceira tentativa lucense na mesma xogada tras remates frustrados de Azeez e Cristian Herrera. Co 1-0, contra todo prognóstico, o Lugo perdeu o control do choque, e acabou pedindo o descanso tras un par de chegadas visitantes.

Xa no segundo tempo, Ignasi Miquel evitou o remate de Juan Delgado a pase do compostelán Manu Barreiro. O Lugo recuperou o control do partido e apenas volveu pasar apuros, agás un disparo do chileno Juan Delgado dende o bordo da área que se foi por pouco. Carlos Pita tivo os primeiros minutos do curso trala súa lesión e Fede Vico puido sentenciar o encontro, pero os lucenses tiveron que agardar ao remate do partido para respirar cos tres puntos que lle dan o liderado provisional. Será en solitario alomenos ata que remate o Tenerife-Osasuna. O vindeiro domingo ás 12.00 horas, cita en Oviedo.

Os lucenses celebran en vestiarios o liderado provisional.
Os lucenses celebran en vestiarios o liderado provisional. | Fonte: @CDeportivoLugo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta