Triunfo con espectáculo

O Star Center-Uni Ferrol vence 78-74 a Lacturale Araski cun 55% de acerto para 16 canastras triplas, a tan só un do récord histórico da Liga. As de Lino López son co-líderes tras sumar cinco vitorias en seis xornadas.

Por gcdeportes | Ferrol | 29/10/2017 | Actualizada ás 08:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Star Center-Uni Ferrol 78:
Rachel Vanderwal (15), Jamie Scott (26), Alexis Prince (11), María Araújo (1), Bea Sánchez (15) –cinco inicial- Ani Calvo (8), Patri Cabrera (0) e Marina Delgado (2).
Lacturale Araski 74: Roselis Silva (9), Aldalur (9), Van den Adel (10), Forster (16), Diallo (11) –cinco inicial- Izaskun García (9), Etxarri (8) e Laura Pardo (11).
Parciais: 21-21, 20-17 (41-38), 18-19, 19-17 (78-74).
Árbitros: Juan Alberto Pinela García e Paula Lema Parga. Sen eliminadas.
Incidencias: partido da 6ª xornada da Liga DIA disputado no pavillón de Esteiro.

Espectáculo en Esteiro, cun acerto incríbel das ferrolás dende 6,75, igualdade máxima durante todo o partido e quinta vitoria en seis xornadas para as de Lino López. Malia o 55% de acerto nas triplas do Uni Ferrol (16/29), Araski chegou a poñerse por diante no último cuarto (66-67). Jamie Scott coa súa sexta tripla (acabou cun espectacular 6/6) e Rachel Vanderwall deron a vitoria as ferrolás nos momentos decisivos. Tras seis xornadas, Star Center-Uni Ferrol é co-líder con cinco vitorias. Coas súas 16 triplas, as ferrolás quedáronse a tan só unha do récord histórico da Liga (Ros Casares, 2009-2010).

Bea Sánchez, Vanderwall, tres de Jamie Scott… Case un cuarto enteiro tardou Uni Ferrol (Ani Calvo) en anotar unha canastra de dous. E Araski, anotando con demasiada facilidade, comezou mandando (0-5, 7-11, 14-19). As triplas mantiveron as de Lino López e Scott empatou o choque ao remate do primeiro cuarto: 21-21.

Alexis Prince e Ani Calvo anotaron dende 6,75 e Araski parou o partido (27-21). Bea Sánchez e dúas máis de Prince e máxima diferenza ferrolá: 36-29. Pero Araski acadou un parcial de 0-6 e Lino López tivo que parar o partido (36-35). Outra tripla de Ani Calvo e 41-38 ao descanso, cun espectacular 11/18 nas triplas para Uni Ferrol.

Tralo paso por vestiarios, Diallo e Van den Adel puxeron a Araski por diante (44-47). Bea Sánchez contestou (tripla incluída) e Ferrol sumou un 9-0 de parcial (53-47). Jamie Scott sumou a súa cuarta tripla, pero Araski non cedía e chegou na lea ao último cuarto (59-57).

Alexis Prince anota unha tripla dende o lateral.
Alexis Prince anota unha tripla dende o lateral. | Fonte: @UniFerrol

Ao Star Center costáballe anotar e as vitorianas puxéronse por diante (61-64, 66-67), pero aí estaba Jamie Scott para anotar dúas triplas máis. Vanderwal anotou un 2+1 con 70-69 a dous minutos do final e Scott a canastra decisiva (77-74) a once segundos. Ao final, 78-74, quinta vitoria das ferrolás. O vindeiro sábado, visita a Gernika Bizkaia.

As ferrolás sumaron en Esteiro a quinta vitoria en seis xornadas.
As ferrolás sumaron en Esteiro a quinta vitoria en seis xornadas. | Fonte: @UniFerrol
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta