Temas: INCENDIOS LUMES

Denuncian que había máis apoio á investigación dos lumes co bipartito que coa Xunta de Feijóo

Axentes forestais din que as investigacións en Galicia "están baixo mínimos". Apuntan que as neglixencias e as causas accidentais dos incendios son habituais, entre elas, queimas agrícolas, as queimas para rexenerar pastos e os traballos forestais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/10/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os axentes forestais, aos que a lei de enxuizamento criminal atribúe o papel de policía xudicial, tamén indagan sobre as motivacións dos incendios, pero lamentan a falta de apoio da Administración autonómica actual de Feijóo, a diferenza do que ocorría "hai dez anos", co Goberno bipartito.

Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Nese período, aseguran, a colaboración coas forzas e corpos de seguridade (Garda Civil e Policía Autonómica, tamén con competencias neste ámbito) logrou "aclarar moitas dúbidas", pero "agora mesmo a investigación en Galicia está baixo mínimos" a pesar da relevancia para poder evitar que volvan producirse vagas de incendios como a vivida hai 15 días, segundo destaca Rafael Cudeiro, e tamén Aurelio Mosteiro, que traballa no distrito de Caldas-O Salnés (Pontevedra) e forman parte da asociación (Aprafoga).

Tanto os axentes ambientais e forestais como o Seprona (o servizo de protección da natureza da Garda Civil) desenvolven sobre o terreo unha metodoloxía similar, consistente na reconstrución do lume con base nas evidencias físicas, e mediante a utilización de cadros de indicadores de actividade, sobre as particularidades de cada zona.

Investigacións

Rafael Cudeiro, que leva tempo estudando as causas dos lumes, rexeita o argumento da trama incendiaria. Nunha recente rolda de prensa indicaba que leva anos investigando os lumes e que pode asegurar que o 98% deles foron provocados por gandeiros, cazadores e “descerebrados”. “Moitos deles foron  provocados por veciños queimando pastos”, indicou.  Outros axentes forestais critican que a Xunta, curiosamente, retirou os fondos que existían para investigar os lumes.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

No que a eles respecta, os axentes forestais reivindican o seu coñecemento de como se comportan o lume (son directores de incendio nas brigadas de extinción) e a vexetación. A súa participación na indagación das causas se incardina a través das BIIF (brigadas de investigación de incendios forestais).

En canto a material e metodoloxía, o ministerio achega un formulario para catalogar os lumes segundo a súa causa, no que diferencia os tipos xa mencionados: raios, neglixencias e causas accidentais, intencionados e causa descoñecida.

Cales son as principais neglixencias

Dentro das neglixencias e as causas accidentais figuran subtipos como as queimas agrícolas, as queimas para rexenerar pastos e os traballos forestais. De feito, os dous detidos pola vaga de lumes deste outubro foron por queimas neglixentes. Tamén se atopan baixo este encabezamento as fogueiras, os fumadores, a queima de lixos e os escapes de vertedoiro (na metodoloxía do ministerio) e outras como o ferrocarril, as liñas eléctricas, motores e máquinas e manobras militares (no informe feito por encargo da Fiscalía de Galicia após os incendios de 2006).

En Galicia teñen un especial protagonismo os incendios derivados das mencionadas prácticas "tradicionais", nas que é clave o lume para o manexo da vexetación. No entanto, estas queimas agrícolas, para rexenerar pastos e traballos forestais poden acabar recaendo no apartado de lume intencionado.

E é que  o certo é que en numerosas ocasións o incendio foi provocado por unha queima (para limpar restrollos ou masas arbóreas de maior magnitude) sen autorización, o que justificaría esa intencionalidade. Isto explica tamén que informes como o elaborado polo Seprona en 2007 (por mor das dilixencias da Fiscalía galega) fale dun 60% de lumes intencionados e inclúa dentro destes as prácticas tradicionais "inadecuadas", nun 27% dos supostos.

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Filgueira delaSilvera

Todo irá ben co tripartito e ata este problema se solucionará: PP, PSOE e Ciudadanos. Será un marabilloso mundo coma en Camelot. https://www.youtube.com/watch?v=woA... Verdade que si, Nostrus?

3 Haiqueroelo

O BNG e Anova teñen razón: o modelo a seguir é o do goberno de esquedar portugués.

2 En fin

En cada noticia do lumes que fala de "axentes" ou "lumes" sempre opina o Cudeiro.... Home, para ser obxectivos non viría mal que as opinións fosen o máis plurais posibles e non sempre dunha parte que xa sabemos que con ela o bipartito sempre será "el más mejor del universo" e máis o BNG. Será por axentes....

1 Un do BNG

Xa faltabas para rosmar. Seguro que estás coa bilis na gorxa.

2 En fin

Un do BNG. Coa bilis na gorxa non, simplemente digo algo que é evidente, a falta de pluradidade que existe nos medios nacionalistas... mentres que nos que tanto criticades vós podedes, como é normal, expresar a vosa opinión. Eu non estaba coa bilis na gorxa pero vós si estabades coa camiseta e a pancarta na man o mesmo día dos incendios....por que sería?

3 Xenebra en Reborainasworld

Medalla Castelao para Beiras e Pablo Iglesias xa. Unídevos á miña voz para que sexamos máis. E por favor, non interrumpades aos que vivimos na maxia de Camelot

4 un do BNG

Eu estaba apagando lume por Coruxo. Non coma ti, que estarías tocándote os collóns diante do PC.

1 un do BNG

Algúns convulsionando en 3,2,1...