Ángeles Vázquez non dimite porque os lumes é un problema "dos incendiarios"

Insiste en que o detido de Os Blancos por asar uns chourizos "sabía exactamente o que estaba a facer" e evita falar da muller detida en Mos á que tamén lle fuxiu un lume.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2017 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, volveu a incidir en que os incendios forestais "non son un problema político" senón "un problema de incendiarios", á vez que negou que vaia a presentar a súa dimisión como demandan certos partidos da oposición e colectivos sociais.

Angeles Vázquez
Angeles Vázquez | Fonte: Europa Press

"Se coa miña dimisión se acabaran os incendios, crerme que non tería nin cinco minutos para dicir 'aquí estou'. Pero supoño que isto vai máis aló, senón trataríase dun problema político e entendo que os incendios non son un problema político; son un problema de incendiarios", indicou este domingo nunha entrevista na Cadea Ser.

Así, remarcou que a vaga de incendios deste mes de outubro "non foi froito da casualidade" para, a continuación, negar que a fin de semana do 13 ao 15 existise "improvisación" para atallar os lumes. Polo momento, dúas persoas foron detidas --unha delas permanece en prisión-- como presuntos autores de dous incendios forestais que queimaron unha e dúas hectáreas, respectivamente. Cuestionada sobre se estas dúas persoas merecen o cualificativo de "terroristas", Vázquez respondeu que non o sabe.

"Eu non se se se lle pode aplicar o termo terrorista ou non; o único que sei é que a vaga de incendios desa fin de semana non foi froito da casualidade", expresou a titular de Medio Rural, que incidiu en que o detido polo lume dos Blancos (Ourense) "sabía exactamente" o que estaba a facer. "Creo que é demasiado simple dicir que había unha persoa que estaba a asar uns chourizos. A ver, esta persoa sabía exactamente o que estaba a realizar, supoño; e se non era así pois terá os informes pertinentes", engadiu en referencia ao detido dos Blancos.

APELA Á "RESPONSABILIDADE"

A continuación, Ángeles Vázquez instou a que "todos" cumpran coa lei, desde "o propietario a nivel privado" aos concellos, deputacións e os Gobernos galego e central.

"Dicir que aquí non hai responsables non ten sentido", expresou a conselleira, quen sostén que a problemática dos incendios "é unha responsabilidade compartida", polo que apelou a que "cada un pense se está a facer o que ten que facer" para evitar os lumes nos montes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Selleira

E o paro será un problema dos parados, non si?

2 Tomás Couto

Entón despedir a plantilla en plena seca, eso non é responsabilidade política? Reducir as distancias de 50 m a 30 m nas faixas de seguridade, non é responsabilidade política? Eliminar os equipos de investigación de incendios forestais, non é responsabilidade política? Non facer cumplir a lei en materia forestal e prevención de incendios, non é responsabilidade política? Derogar unha figura de xestión compartida da propiedade como eran UXFOR, non é responsabilidade política? Mentir na superficie queimada, non é responsabilidade política? Feijóo no 2006 deixóunos ben claro o que faría él, pois un pouco de coherencia.

1 SIGUE ARDENDO