Temas: CELTA

Decepción ante o pechacancelas

O Celta, que regalou o primeiro tempo, cae 2-1 co Málaga malia á reacción tralo descando coa que chegou a igualar o encontro. Encaixou o 2-1 de penalti a dez minutos do final. Quinta derrota dos de Juan Carlos Unzué en dez xornadas.

Por gcdeportes | Vigo | 29/10/2017 | Actualizada ás 23:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Málaga 2:
Roberto; Rosales, Luis Hernández, Baysse, Juan Carlos; Keko (Ontiveros, 79’), Recio, Adrián González, Chory Castro (Rolón, 90’); Juanpi (En-Nesyri, 74’) e Peñaranda.
RC Celta 1: Rubén Blanco; Hugo Mallo (Guidetti, 83’), Sergi Gómez, Cabral, Jonny; Lobotka (Jozabed, 79’), Daniel Wass, Tucu Hernández; Pione Sisto, Iago Aspas e Maxi Gómez.
Goles: 1-0: Adrián González (45+). 1-1: Iago Aspas (75’). 2-1: Recio, de penalti (82’).
Árbitro: Jaime Latre (aragónes). Amarelas a Luis Hernández (33’) e Chory Castro (56’) nos locais e a Hugo Mallo (14’), Cabral (82’) e Iago Aspas (90’) nos celestes.
Incidencias: partido da 10ª xornada de Primeira División diputado no estadio da Rosaleda ante 25.000 espectadores.

Jonny loita por un balón na Rosaleda.
Jonny loita por un balón na Rosaleda. | Fonte: lfp.es

Un Celta decepcionante regalou 45 minutos, espertou tralo descanso e conseguiu empatar o choque, pero cando mellor estaba, encaixou un gol de penalti por man de Cabral. 2-1 e quinta derrota ante o que era pechacancelas da Liga, o Málaga, que acadou ante os celestes a súa primeira vitoria en Liga. Trala disputa de dez xornadas, o equipo que dirixe Juan Carlos Unzué queda 13º con tan só 11 puntos.

O primeiro remate do Celta tardou 35 minutos en producirse. O Málaga, máis intenso pola súa necesidade de puntos, gozou das primeiras ocasións, grazas ao empuxe de xogadores como Chory Castro ou Peñaranda. Un lanzamento de Keko dende 25 metros obrigou a Rubén Blanco, de novo titular, a intervir e outro do venezolano Rosales foise fóra por pouco. O conxunto vigués tocaba no centro do campo pero sen moita intención, e Peñaranda tivo outra boa ocasión para os locais. No minuto 36, primeiro remate celeste, Iago Aspas coa testa, que se foi alto. Na última xogada antes do descanso, Adrián González aproveitou un rexeite tras disparo de Peñaranda para facer o 1-0 coa testa.

O Celta reaccionou tralo descanso e pasou a dominar o encontro, aínda que tardou en chegar con perigo á meta rival. Hugo Mallo e Maxi Gómez tiveron senllos remates que saíron desviados, e Lobotka tentouno dende lonxe. Iago Aspas chegou a marcar un gol que non foi válido por fóra de xogo, pero no minuto 75, o de Moaña marcou cun remate coa testa tras un centro dende a esquerda de Pione Sisto.

Tralo 1-1, o Celta tiña todo de cara para vencer aproveitándose das urxencias locais. Jozabed entrou por Lobotka, e no Málaga, turno para o marroquí En-Nesyri e Ontiveros. Pero a dez minutos do final, un disparo de En-Nesyri petou na man de Cabral, e Recio transformou o penalti no 2-1 definitivo. Unzué deu entrada a Guidetti por Hugo Mallo e o Celta buscou o empate, pero o meta rival evitou co pé o gol tras un disparo de Maxi Gómez dentro da área pequena. En dez xornadas, o Celta suma tan só 11 puntos, e o vindeiro domingo recibe o Athletic en Balaídos.

O equipo de Juan Carlos Unzué sumou ante o Málaga a quinta derrota en dez xornadas.
O equipo de Juan Carlos Unzué sumou ante o Málaga a quinta derrota en dez xornadas. | Fonte: lfp.es

Temas: CELTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta