Un Prado galego

Unha recente visita ao Museo do Prado en Madrid foi o equivalente a unha breve estancia no Paraíso. Por motivos inesperados, limitouse a unha hora o proceso de entrar nun síndrome de Stendhal diante de tanta verdade e beleza.

Por Ramón Torrado | Noia | 31/10/2017

Comparte esta noticia
Todo empezou cun anticipo en forma dunha portentosa visión que durou uns segundos. Pasando en coche xa case á noitiña xunto á praia urbana de Muros, unha moza paseaba un can en compañía dos seus pais. O seu vaporoso vestido verde pálido era tan fermoso que producía a sensación de estar vendo unha película ou un cadro vivinte na realidade. Uns días despois, en Madrid,  aparecía diante dos ollos antes de chegar ao Prado o edificio chamado Torre de Colón que ten no teito un curioso adorno dunha tonalidade semellante á do belo vestido.
 
Xa dentro, a fantasmal presencia do elegante escritor vigués Teodosio Vesteiro Torres - que escolleu quitarse a vida dentro desta pinacoteca – era unha misteriosa compañía. Aparecían enfrontados aos grandes lenzos e esculturas amantes das Artes, posuidores como Vesteiro dunha innata distinción. Había homes que semellaban ser irmáns de Ernest Hemingway, misteriosas damas do norte de Europa, ninfas italianas de pícara e alegre mirada e numerosos descendentes das culturas milenarias de Oriente. Creábase por intres unha sorte de familia virtual de descoñecidos.
 
Nesta ocasión, aparte dos grandes colosos que figuran nas antoloxías – como o Goya dos fusilamentos que inevitablemente trae convulsión e lágrimas – dúas pinturas humildes chamaron a atención. Unha é “A Sagrada Familia”, un retrato da Virxe co neno Xesús realizado polo pintor de Bruselas chamado Bernard van Orley en 1522, con detalles cromáticos de marabilloso esplendor. A outra revelación é unha obra empezada por Mariano Fortuny e completada por Raimundo de Madrazo titulada “Xardín da casa de Fortuny” que constitúe un excelso estudo dos xogos da luz.
 
Non houbo tempo para máis. Non obstante, si quedou na conciencia o impulso de imaxinar un museo que siga os pasos do Prado ou do Louvre en Galicia. Noutra escala, dende a humildade e a dignidade, sería posible?
 
Resulta delicioso ter que pedir unha chave para abrir unha vella capela, entrar con emoción e ver que alí vive entre as sombras case todo o ano unha preciosa figura con séculos de antigüidade. Emporiso, nun museo este tipo de tesouros ocultos estaría mellor preservado, e podería ser admirado por todos, empezando polos nenos e os maiores de Galicia.
 
Para non crear rivalidade entre cidades, o museo podería localizarse nun punto central do mapa galego, tendo en conta as estradas e as vías de ferrocarril. Posiblemente na zona de Monforte de Lemos sería un bo emprazamento, sempre a menos de tres horas de calquera punto da nosa xeografía. Tamén se podería buscar unha proximidade co río Miño, creando un belido paseo fluvial para quen quixera proporcionar sosego aos seus sentidos. Habería que escoller un lugar plano e tranquilo, sen contaminación e co máximo coidado ecolóxico, dispoñendo aínda que implique un paradoxo de espazos para aparcar de máxima amplitude para atraer aos atribulados automobilistas. Non debería ter un bosque demasiado próximo, porque sabemos que hai desalmados que o poderían facer arder.
 
Así como o Prado conta con Goya e con Velázquez -  entre outros moitos xenios - como pilares fundamentais, este novo corazón das Artes podería fortalecerse co maior número posible de obras de quen é para algúns o máximo escultor español de tódolos tempos: o galego de Sarria Gregorio Fernández. Desta maneira, o lugués pasaría a adquirir o prestixio internacional que lle corresponde. O museo, que podería ter no deseño unha amalgama moderna no interior e clásica no exterior, con sólidas columnas na fachada, empregaría a máis moderna tecnoloxía e vendería libros, catálogos e libretas de papel de pedra. No seu fondo, tería que ir medrando con obras mestras cumpridoras de dúas garantías: o criterio dos expertos e a escolma que exerce o paso do tempo.
 
Esta iniciativa requiriría a magnanimidade do tecido museístico e das cidades, vilas e concellos de toda Galicia. Podería financiarse con detalles como o mecenado de empresas e particulares ou co beneficio de reducir o número desproporcionado de días festivos no verán nas grandes capitais. Faríase un investimento no acervo dos grandes artistas que outorgan lexítimo orgullo a unha terra, e atraeríase – sen ningún ánimo clasista – ao chamado “turismo de calidade”. Crearíanse postos de traballo e medraría o número de visitantes e o intercambio cultural con este recuncho de Europa e do mundo que ten moito que compartir. Así mesmo, artistas galegos como Castelao, Ovidio Murguía, Xulia Minguillón, Maruja Mallo, Urbano Lugrís e Roberto González Fernández entre moitos posibles exemplos verían renacido o valor do seu legado.
 
Para finalizar, queda por dicir que sería educativo e inspirador, e glorioso en suma, que este templo das artes soñado entrase no circuíto das exposicións temporais. Ademais das exhibicións permanentes, un bo comisariado faría que se puideran contemplar en Galicia obras mestras de impagable interese. Poderíamos emular á actualidade do outono de 2017 no cal en París no Gran Palais expoñen 230 obras de Gauguin traídas do Art Institute de Chicago, e en Viena hai obras de Rubens emprestadas polo Hermitage de San Petersburgo, que tamén cede a Amsterdam 63 traballos de mestres holandeses. Poderíanse ver aquí algunhas das sorprendentes creacións de Cai Guo-Qiang que se exhiben en Madrid. Se hai sorte, poderíase encontrar entre os visitantes a algunha deusa flotando en verde pálido na romántica luz previa ó solpor.
 
Para Xema Zeltia Varela Rodríguez
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.