Unión Federal Europea

O federalismo é un sistema político no que diversos territorios (estados, länder) se unen para formar unha estrtura política máis ampla, unha Unión Federal, no sistema federalista, os estados que o integran renunciando á sua soberanía manteñen un elevado grao de autonomia.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 17/11/2010

Comparte esta noticia

Dous bos exemplos de federalismo son os Estados Unidos da América e Alemaña. Nos diversos sistemas federais hai distintos repartos de competencias entre o goberno central e os gobernos dos estados federados, competencias que se deben repartir en diversas combinacións máis ou menos centralizadas nun pacto federativo.

A Unión Europea é hoxe unha organización de estados soberanos que ceden pequenas parcelas de soberanía a unha organización centralizada, o poder das autoridades sedeadas en Bruxelas é moi limitado, e na inmensa maioría das cuestións importantes están tuteladas polos estados, especialmente por Alemaña e Franza que son os dous estados soberanos máis fortes e influintes dentro da UE. Estamos cansos de ouvir que a UE é un xigante político e un anano político xa que cada un dos seus integrantes actua por libre.

É coñecido por todos tamén que o epicentro político e económico do mundo se está desprazando, cada vez con máis rapidez do Atlántico ao Pacífico, os Estados Unidos e Europa perdemos peso económico, militar e polo tanto político en beneficio de Asia en xeral e de China en particular, este fenómeno vainos levar en poucos anos, de feito xa está pasando, á irrelevancia cada vez maior, mesmo dos principais estados europeos, mesmo dos máis poderosos como Alemaña, Franza ou o Reino Unido, con economias todos eles, xa neste momento, máis pequenas que a chinesa e nun prazo non moi longo máis pequenas que a india e desde xa hai décadas máis pequenas que a dos EUA e Xapón.

Dentro dese mesmo proceso, España, como potencia intermedia europea que sofre, con carácter estrutural e non simplemente conxuntural, unha decadencia máis acentuada que a media da UE, pasará no prazo dun par de décadas a ser un País con escasísima relevancia no escenario internacional. Tarde ou cedo, o status quo das organizacións internacionais terase que ir adaptando a esa nova realidade, e o G-20, recentemente constituido e que sustitue ao G-8 como grupo multilateral de maior relevancia e no que Zapatero logrou habilmente colar a España, poderá ser un paso intermedio para un G-9 do futuro xa que dubido que nun par de décadas os paises que realmente cortarán o bacallau máis ou menos por este orde; China, EUA, India, Xapón, Alemaña, Brasil, Franza, Reino Unido e Rusia. Queiran compartir o seu clube con outros que xa moi pouquiño pesarán como España ou Arxentina, entre outros.

Nese contexto que nos agarda, e como galegos, podemos ver que a realidade estatal española é limitante por unha dobre vía, en primeiro lugar demasiado grande para coñecer e resolver ou nen sequera interesarse polos nosos problemas e en segundo lugar demasiado pequena para xogar un papel de certa relevancia na defensa dos nosos intereses na escena internacional, isto se o intentase, do que tampouco hai abundancia de exemplos.

Eu proporía a constitución dun conxunto dotado de soberanía que poderíamos batizar como Unión Federal Europea ao que Galicia podería estar directamente federada. As competencias que, na miña opinión, debería ostentar o goberno central europeo serían as daquelas areas areas onde se logra unha clara eficiencia cun goberno centralizado, a economía, xa que con moeda única debe ser única a autoridade económica, como é a dun exército único europeo, un corpo diplomático único europeo coa correspondente area de asuntos exteriores tamén única, a vixilancia aos monopolios e oligopolios através dunha autoridade da competencia, a pesca e o medio ambiente.

Sería un goberno europeo moi reducido, con sete ministerios e con competencias exclusivas nesas areas, o de Asuntos Exteriores, Pesca, Medio Ambiente, o de Defensa, o de Economía e o da Competencia e por suposto un Presidente. Os estados federados, como Galicia, contarían con competencias exclusivas en material fiscal, de interior, educación, industria, agricultura, sanidade, cultura e obras públicas.

Obviamente todo este proceso implicaría a desaparición das deputacións, dos gobernos e parlamentos dos actuais estados soberanos, supondo desta maneira un enorme impulso ao logro da maior eficiencia posible no uso dos recursos públicos. O goberno central estaría financiado desde as facendas dos estados que contarían coa obriga de aportar unha cantidade predeterminada en función da renda e poboación á administración central europea.

Con este esquema contaríamos cunha administración áxil e cercana (a do estado)  para o que é necesario e potente e grande (a central) para o que tamén é necesario.  O grande obstáculo para a realización deste soño europeo é o nacionalismo de estado de entes que se resistirían a ceder a sua soberanía cara arriba e cara abaixo como Franza, España, Alemaña, etc. Pero é moi probable que a historia nos poña durante este século XXI diante dunha situación na que haxa moito que gañar e pouco que perder constituindo unha Unión Federal Europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA