Un ano de prisión para a dona de Manuel Baltar por dous delitos de falsidade documental

O Xulgado do Penal número 1 de Ourense condena a María José Caldelas por dous delitos de falsidade en documento oficial durante a etapa na que estivo á fronte dun pub na ourensá Praza das Mercedes.

Por E.P. | OURENSE | 30/10/2017 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal número 1 de Ourense condenou a María José Caldelas, a muller do presidente da Deputación e do PP ourensán, Manuel Baltar, a un ano de prisión, a unha multa de cinco euros diarios durante doce meses e ao pago das costas procesuais, por dous delitos de falsidade en documento oficial durante a etapa na que estivo á fronte dun pub na ourensá Praza das Mercedes.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP)
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP)

En concreto, o caso refírese ao pub que adquiriu Caldelas na céntrica Praza das Mercedes e que rexentou entre 2008 e 2011. Os antigos propietarios denunciaron que a ex-deputada do PP falsificou as súas firmas para obter licenzas municipais que lle permitirían acometer a reforma das instalacións.

En relación a un documento presentado o 24 de marzo de 2009, a sentenza imponlle seis meses de prisión e outros tantos de multa a razón de cinco euros diarios. No caso de que non satisfaga a multa, quedará suxeita a unha responsabilidade persoal subsidiaria que lle suporía un día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non satisfeitas.

Tamén foi condenada por falsidade en documento oficial en relación a un segundo documento, presentado no rexistro do Concello de Ourense en data de 11 de abril de 2011. A pena é idéntica: seis meses de prisión e outros tantos de multa por importe de cinco euros ao día, máis a responsabilidade civil. A acusada deberá afrontar, así mesmo, o pago das costas procesuais.

A sentenza fíxose pública este luns, 30 de outubro. A acusada poderá interpor un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Ourense no prazo de dez días hábiles.

RECLAMACIÓN DA ACUSACIÓN PARTICULAR

A acusación particular reclamaba un ano e nove meses de prisión e unha multa de nove meses cunha cota de 20 euros diarios por cada un dos dous delitos de falsidade documental dos que a consideraba responsable cando se fixo cargo do pub 'Seven', entre 2008 e 2011.

A muller de Baltar comprou este negocio o 1 de outubro de 2008 aos anteriores propietarios e socios, Eduardo R.F e Carlos P.G. Medio mes máis tarde, presentou no Concello a instancia de apertura e obra no establecemento. Con todo, a inicios de marzo de 2009 denegouse o cambio de titularidade.

O 24 dese mesmo mes rexistrouse no Concello un documento para pedir a instalación de dez veladores na Praza das Mercedes, figurando como solicitante o denunciante Carlos P.G.

O 11 de abril de 2011, o Rexistro do Concello recibiu outro documento, tamén supostamente asinado polo denunciante para pedir unha prórroga e acondicionar o local para cambiar a súa categoría de café bar especial a café bar.

A denuncia produciuse por mor de que Carlos P.G. negou asinar ningún dos dous documentos e asegurou decatarse despois de que se lle embargara pola falta de pagamento dos veladores que solicitara.

A sentenza recoñece a "verosimilitude" da declaración do denunciante, sen que no seu testemuño se aprecien contradicións esenciais nin resentimento ou vinganza contra a acusada.

Ademais, sinala que a firma que aparece no documento datado en marzo "aseméllase, pero non coincide" coa do denunciante, mentres que a firma do documento de 2011 "non garda ningún tipo de semellanza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Buffff

Fóra Deputacións xa! Niño de ladró ns

1 Lois G.

Esta é la Famiglia que goberna Ourense. E Feijóo tamén é responsable por mirar para outro lado.