GC Aberto
Temas: MACHISMO

Unha das tantas casas do machismo

Sara Curto Domeneque (Vigo, 1991) é estudante de psicoloxía e activista social nos eidos do feminismo e da ecoloxía. Fai parte do círculo de Feminismos de Podemos Galicia. No artigo, reflexiona sobre o costume social de empregar ás mulleres como reclamo no ocio nocturno.

Por Soeresopinion | GC ABERTO | 30/10/2017

Comparte esta noticia

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

Indignante e inadmisible son as palabras que me veñen á mente cando leo ou escoito que outra vez se usaron mulleres como reclamo nas discotecas. Este feito, que xa nos parece común, ten graves consecuencias para a sociedade, a cousificación da muller e con iso a consolidación do patriarcado.

Un hábitat natural do machismo, onde se sente moi acollido pola sociedade, son algunhas discotecas. Como mulleres xa non só debemos soportar as mensaxes machistas encubertas nas cancións, senón que cando se nos di que gozamos de copas ou entrada gratis polo mero feito de ser muller, estásenos a tratar como mercadoría. Ademais seguramente, como mulleres, todas tivemos algunha vez o sentimento de que as discotecas non son lugares cómodos ou seguros onde poder gozar dunha noite de festa coas amigas. Estes lugares de socialización proporcionan a escusa perfecta para que os homes se sintan lexitimados a molestar xerando situacións incómodas, incluso chegando a ser algunhas veces perigosas. Non temos porque toleralo máis.

Respecto das empregadas dunha discoteca, moitas veces son tratadas como reclamo sexual, para o goce en todo momento do home. A venda do seu corpo obrigándoas a levar unha vestimenta que deixe pouco lugar para a imaxinación e acorde ao canon de beleza social, é un feito común e non a excepción. Esta barreira moral, que é cruzada numerosas veces, aínda pode empeorar cando se lle pide ás empregadas que soporten actos aínda máis denigrantes como o que publicou a Voz de Galicia, «O sorteo “dunha subida cunha moza” nun club indigna ao Concello de Vimianzo». Con todo, esta noticia ten unha dobre lectura, por unha banda reflicte no seu máximo esplendor a sociedade machista española en pleno S.XXI, pero doutra banda reflicte a mobilización cidadá cada vez máis forte e cun limiar de tolerancia menor a estes actos que nos denigran e humillan como mulleres.

Temos que concienciarnos de que cando imos a unha discoteca gratis é porque nós somos o produto, de que cando se usan como reclamo as empregadas dun local como mostra o titular de UH noticias: «Denuncian o anuncio dun bar de Cuenca por ofrecer como reclamo bicos de mulleres aos seus clientes», estanse a cousificar ás mulleres; e de que cando normalizamos estes feitos, somos cómplices de que o patriarcado se consolide e siga impregnando a nosa sociedade. As mulleres representamos a metade da poboación mundial, e temos o poder para feminizar estes lugares e loitar polo que o patriarcado nos roubou: a igualdade ante a vida.


Na igualdade vainos a vida!

Temas: MACHISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta