Elba Fernández presenta o seu primeiro disco na Coruña tras a etapa de Jane Joyd

É o novo proxecto artístico da cantautora que acaba de publicar o seu traballo ”Fragments to Dominate the Silence”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/10/2017 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Mordem, a nova proposta artística da cantautora coruñesa Elba Fernández que inicia tras a súa etapa anterior como Jane Joyd, presentará o seu primeiro disco cun concerto no marco do proxecto Acreativa de Afundación. Esta iniciativa, que nace como un novo programa da entidade galega, ten como obxectivo presentar as novas tendencias e vangardas culturais. Acreativa inclúe actividades dos máis diversos ámbitos: arte, música, deseño, sector audiovisual, gastronomía ou divulgación, e dará un especial protagonismo aos novos creadores, fomentando a conexión e interacción entre distintas disciplinas.

Elba Fernández
Elba Fernández | Fonte: Youtube

Elba Fernández presentará a súa nova etapa artística baixo a denominación de Mordem, nome que se extrae dun poema de Rosalía de Castro, e o primeiro disco deste novo proxecto musical, «Fragments to Dominate the Silence». Neste traballo, publicado o pasado 29 de setembro, a cantante coruñesa achégase a novos sons próximos ao trip hop, ao novo R&B, o ambient, o pop ou o dream pop, camiñando cara a un estilo máis nórdico e menos americano. A temática transversal aos dez temas que compoñen o álbum, con letras escritas pola propia Elba, é todo aquilo que calamos e que en consecuencia conduce á soidade, ao individualismo e á destrución. Así, as letras abordan temas tabús como a morte, a tolemia e a perda, ou problemas universais como a identidade ou a contaminación co obxectivo de enfrontar o ser humano coa súa propia fraxilidade. 

«Fragments to Dominate the Silence» foi gravado con músicos como Xavi Font ao piano, David Unison na produción e a batería e Manuel Cabezalí á guitarra. A banda en directo está formada por Elba Fernández na guitarra e como voz, David Unison á batería e Adrián Solla nos teclados.  O concerto será o vindeiro 4 de novembro na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8) a partir das 21.00 horas. As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com.

Outras citas

A seguinte cita dentro do proxecto Acreativa será o vindeiro 16 de novembro cun concerto a cargo de Joana Serrat presentando o seu novo disco «Dripping Springs» xunto á madrileña MOW. Continuará o 23 de novembro coa actuación de María Arnal i Marcel Bagés e finalizará a programación de concertos María Rodés xunto á coruñesa Carmen Picado.

Ademais, o 24 e 25 de novembro programouse un microfestival dedicado á creación gráfica nas súas distintas vertentes, «Magosto gráfico», promovido polos colectivos Miñoco, Ánimas Anónimas, AGPI e Autobán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta