Rexorde o Dépor

O equipo deportivista gaña 1-3 nas Palmas no debut de Cristóbal Parralo en Liga. Remontou o tanto inicial canario con dous goles coa testa de Celso Borges e un penalti de Lucas Pérez. O sábado, o Atleti en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 31/10/2017 | Actualizada ás 00:32

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
As Palmas 1:
Raúl Lizoain; Míchel Macedo, Lemos, Bigas, Dani Castellano; Samper (Aquilani, 74’), Vicente Gómez; Vitolo, Jonathan Viera (Tana, 13’), Rémy e Calleri.
RC Deportivo 3: Pantilimon; Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Celso Borges, Fede Valverde (Pedro Mosquera, 60’); Fede Cartabia (Edu Expósito, 82’), Bakkali (Fernando Navarro, 72’) e Lucas Pérez.
Goles: 1-0: Remy (minuto 6). 1-1: Celso Borges (36’). 1-2: Celso Borges (53’). 1-3: Lucas Pérez, de penalti (68’).
Árbitro: Del Cerro Grande (madrileño). Amarelas a Míchel Macedo (45+) nos canarios e a Juanfran (94’) nos coruñeses.
Incidencias: partido da 10ª xornada de Primeira División diputado no estadio Gran Canaria ante preto de 15.000 espectadores.

Celso Borges celebra un dos seus goles no estadio Gran Canaria.
Celso Borges celebra un dos seus goles no estadio Gran Canaria. | Fonte: lfp.es

Por fin unha alegría en casa Dépor. No segundo asalto contra As Palmas, rival directo na loita pola salvación, reacción e remontada para acadar a primeira vitoria do curso a domicilio no debut en Liga do técnico Cristóbal Parralo. Malia a que se adiantaron os canarios cun tanto tempraneiro de Rémy, o Dépor non se veu abaixo e respondeu con dous goles coa testa de Celso Borges e un terceiro de penalti de Lucas Pérez para sentenciar o choque. Tres puntos imprescindíbeis para afastarse do descenso e mirar con optimismo o futuro inmediato. O sábado, en Riazor, visita do Atleti.

Tres trocos de Cristóbal con respecto ao último once de Pepe Mel: Pantilimon na portaría, Schär recuperou o seu sitio no centro da defensa e Bakkali no canto de Emre Çolak. Principiaron mellor os canarios, que tiveron dúas ocasións liderados por Jonathan Viera: na primeira, Macedo disparou ao lateral da rede, e na segunda, Rémy atopou portaría cun disparo raso que pasou por debaixo das pernas de Pantilimon e foi o 1-0. Pouco despois, Viera saiu mancado e o equipo local perdeu o seu referente en ataque.

Reaccionou axiña o Dépor, cun remate no minuto 16 de Bakkali tras acción individual que rexeitou Raúl Lizoain a córner. Dez máis tarde, pola outra banda, Fede Cartabia executou un tiro coa esquerda que se foi por pouco. As Palmas volveu asustar tras un córner e un despexe sen orientación de Pantilimon, cunha volea de Vicente Gómez que petou no traveseiro. Do posíbel 2-0 pasouse ao empate: apertura de Guilherme para Fede Cartabia, que centra para o remate coa testa de Celso Borges ao fondo da rede. 1-1 ao descanso.

Na segunda parte, o Dépor saiu convencido a polo partido, consciente da fraxilidade do rival tanto en defensa como na moral. Bakkali probou a Raúl Lizoain, que despexou a córner. E no lanzamento executado por Lucas Pérez, de novo Celso Borges superou o seu defensor no salto e marcou coa testa o 1-2. Cristóbal deu entrada a Pedro Mosquera por Fede Valverde, e o Dépor seguiu controlando o partido, ante un rival groggy, ata que pechou o partido cun penalti claro de Lemos sobre Fede Cartabia que converteu Lucas Pérez de tiro pegado ao pau esquerdo.

Bakkali e Celso Borges celebran un gol ante As Palmas.
Bakkali e Celso Borges celebran un gol ante As Palmas. | Fonte: lfp.es

Faltaban aínda 20 minutos. Entraron Navarro e Edu Expósito, pero Calleri puido acurtar distancias tras superar a defensa e Pantilimon, pero o chute final foise ao lateral da rede. Lucas Pérez tentou sen éxito facer o cuarto, pero o Dépor apenas pasou apuros para manter o resultado. Os de Cristóbal Parralo suman agora 11 puntos, os mesmos que o Celta de Juan Carlos Unzué, con cinco de vantaxe sobre os postos de descenso que fixa As Palmas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta