A Axencia Galega de Emerxencias reduce o orzamento un 11,2% en 2018

O PSdeG denuncia no Parlamento da descoordinación e imprevisión dos medios, con tan só 7 persoas atendendo ao 112 no domingo da vaga de lumes nunhas instalacións que contan con 130 postos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/11/2017 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, alertou na Cámara galega da redución dun 11,2% nos orzamentos destinados á Axencia Galega de Emerxencias (Axega) xusto despois da vaga de lumes na que faleceron catro persoas e calcinou 35.000 hectáreas.  Foi durante a comparecencia do conselleiro de Vicepresidencia, Alfonso Rueda, para dar conta dos orzamentos para 2018, que revelan, dixo, “escasa capacidade de acción política”.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

O responsable socialista reclamou a comparecencia do responsable da Axega “cando máis falta fai dar conta das actuacións e das previsións concretas da Xunta de Galicia nunha materia tan sensible como a política de emerxencias e protección civil”. Máxime, dixo, cando a partida destinada a protección civil e seguridade descende dende os 25,4 millóns de euros a 24,9, unha redución do 11,2%.

Un servizo, dixo, no que só traballaban sete persoas atendendo as chamadas de emerxencia o pasado domingo 15 de outubro, cando se ten multiplicado por máis de 10 a superficie das instalacións do Centro Integrado de Emerxencias da Estrada, e teñen pasado de 34 a 130 os postos dispoñibles no 112. “Foi un desastre no que se teñen denunciado graves fallos e incidencias nos operativos de emerxencias e protección civil e de extinción e defensa contra os incendios forestais”, apuntou.

Preguntoulle ademais polos motivos para o cesamento do anterior xerente da Axega, durante o pasado mes de setembro, do que non se teñen ofrecido explicacións, e reclamou decisións na liña de garantir o mando único da xestión de emerxencias. Propuxo neste sentido “avaliar a adscrición do dispositivo de emerxencias autonómico, para garantir verdadeiramente o principio legal de mando único asignado ao presidente da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta