Temas: SANIDADE

Os profesionais sanitarios rexistraron 174 episodios de agresión en 2017, a maioría de tipo verbal

Galicia conta con interlocutores policiais territoriais para reducir as agresións a profesionais sanitarios

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2017 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

Os profesionais sanitarios de Galicia contarán cun interlocutor policial para reducir as agresións neste ámbito, que no primeiro semestre de 2017 alcanzaron os 174 episodios na Comunidade galega, segundo os datos facilitados a Europa Press pola Consellería de Sanidade, das que o 64,4 por cento foron de carácter verbal.

Persoal sanitario
Persoal sanitario

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reuníronse este martes en Santiago para abordar o protocolo de actuación ante as agresións laborais externas que sofren os profesionais sanitarios. Ao encontro asistiron tamén representantes dos colexios médicos e de enfermaría do catro provincias galegas, xunto a responsables da Garda Civil e Policía Nacional.

A Delegación do Goberno informou nun comunicado de prensa que no encontro, Villanueva anunciou que "Galicia xa conta con dous responsables, un de Guardia Civil e outro de Policía Nacional, que representan a figura do 'Interlocutor Policial Territorial Sanitario' para coordinar a aplicación de medidas para reducir as agresións neste sector". No encontro, celebrado na Consellería de Sanidade, estiveron presentes o xefe superior de Policía Nacional, Manuel Vázquez, e o xeneral xefe da XV zona da Guardia Civil, Ángel Alonso.

"PASO IMPORTANTE"

Durante a reunión Santiago Villanueva transmitiu a preocupación do Goberno central polo incremento de agresións no sector sanitario. Así, asegurou que "este é un paso importante para garantir a seguridade daqueles que velan pola nosa saúde".

Reunión sobre agresións a profesionais sanitarios en Galicia,
Reunión sobre agresións a profesionais sanitarios en Galicia, | Fonte: Europa Press

Ademais, explicou que "se establece un protocolo de actuación ante calquera agresión ou manifestación de violencia e intimidación dirixida ao persoal sanitario". "A instrución 3/2017 dá resposta ás demandas de seguridade por parte do sector e é un mecanismo que lles proporciona maior protección e seguridade xurídica", apostilou. "Todo isto é un paso máis no compromiso do Goberno para dar unha nova resposta policial, integral e transversal cunha actuación coordinada entre todos os responsables da seguridade no ámbito médico", sinalou o delegado do Goberno.

Os 'Interlocutores Policiais Territoriais' sanitarios, son tal e como incidiu Villanueva, "profesionais designados por Guardia Civil e Policía Nacional para lograr un contacto máis fluído e directo cos corpos de seguridade en caso de agresión".

Pola súa banda, nun comunicado de prensa, a Consellería de Sanidade apuntou que este protocolo de actuación "dará resposta ás demandas de seguridade por parte do persoal que traballa nos centros do Sergas". Ademais, engadiu que supón "un mecanismo que lles proporcionará unha maior protección e seguridade xurídica".

O Sergas asegura que "mantén o compromiso firme de loitar contra calquera forma de violencia" e traballa "na prevención permanente para garantir a plena protección e atención dos seus profesionais no exercicio das súas funcións".

Neste sentido, lembrou que en 2016 implantouse o sistema telemático de comunicación interna, investigación e rexistro dos episodios de violencia externa. Estas melloras, engade Sanidade, "foron acompañadas de accións de sensibilización para promover a notificación deste tipo de feitos por parte dos profesionais".

LEI DE SAÚDE

Así mesmo, Sanidade fixo fincapé en que estas medidas se verán reformadas coa reforma da Lei de saúde galega, xa que introducirá unha modificación para "dar unha maior protección aos profesionais do Sergas".

Engade a Consellería que se tipifica "como infracción moi grave a coacción, ameaza, agresión ou calquera forma de violencia exercida sobre o persoal sanitario no exercicio das súas funcións"; con "idéntica protección á que conta a autoridade sanitaria na actualidade", precisa.

MAIOR PREVENCIÓN

A Delegación do Goberno explicou, pola súa banda, que se traballa na elaboración dun catálogo e unha clasificación de centros sanitarios; tanto públicos como privados, en función do seu "risco de acción delituosa" e que quedarán xeorreferenciados.

Ademais, indicou que ao mesmo tempo se desenvolve o establecemento de canles de comunicación permanentes coas autoridades sanitarias, as institucións públicas e as organizacións especializadas. "Isto permitirá que tanto Guardia Civil como Policía Nacional reciban a información de forma coordinada, o que facilitará as investigacións e que tanto a resposta como a investigación sexan máis áxiles", destaca.

A instrución establece tamén "medidas preventivas" que reforzarán os dispositivos de seguridade e vixilancia na contorna dos centros sanitarios, mentres que no interior dos mesmos realizarase unha análise das agresións. Tamén se organizarán actividades formativas e informativas para que os profesionais poidan previr estas situacións e saiban protexerse.

"Todas estas medidas teñen como obxectivo prioritario a redución das agresións aos profesionais médicos", sostén a Delegación do Goberno, que concreta que "nos últimos anos apréciase un incremento no número de actos violentos sobre este colectivo, sucesos que, sobre todo, aconteceron no sector da atención primaria e que consistían nos tipos penais de lesións, ameazas, coaccións ou inxurias".

Durante 2016 rexistráronse en toda España 486 feitos delituosos, e entre 2011 e o ano pasado 2.688 profesionais da saúde foron vítimas dalgún tipo de agresión.

Temas: SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta