Comparte esta noticia

A comisión formada polas dez entidades e particulares que promoven unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para desenvolver un centro comercial e de lecer en Liñeiriños, na parroquia de Cabral, en Vigo,  anunciou este mércores que recolleu xa máis 60.000 firmas para impulsar o maior espazo de ocio de Galicia, Porto Cabral, en Vigo, unha iniciva empresarial que ocuparía 80 hectáres e case 205.000 metros de superficie comercial. Ademais, de realizarse o proxecto, case a metade dos montes de Cabral desaparecerían.

Terreos onde se ubicaría Porto Cabral, en Vigo
Terreos onde se ubicaría Porto Cabral, en Vigo

“Convértese xe na iniciativa popular que máis apoio conseguiu en toda a historia da autonomía galega”, apuntan os promotores desa ILP que din que o seu obxectivo é alcanzar o maior número de firmas posible para demostrar o contundente apoio da cidadanía ao proxecto de Porto Cabral. Un anuncio que chega logo de que os montes do periurbano de Vigo en Valadares, Zamáns, Beade, Candeán e tamén Cabral, onde se pretende facer este macro proxecto, arderan.

Luis Rodríguez Pérez, presidente da Comunidade de Montes de Cabral, e un dos defensores do macroproxecto, destacaba o 16 de outubro nunhas declaracións a V TV que o problema dos lumes é dalgúns “iluminados” e apostaba por “máis prevención” e “menos extinción”.

Búscase a súa aprobación pola vía supramunicipal

Con esta ILP preténdese que os partidos políticos con representación parlamentaria “asuman a iniciativa para que poida debaterse e, se é aprobada, se inste á Xunta a que desenvolva o proxecto de Porto Cabral pola vía supramunicipal” e evitar, así, os actuais problemas administrativos que ten no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.

Imaxe idílica do que sería o proxecto Porto Cabral, de realizarse
Imaxe idílica do que sería o proxecto Porto Cabral, de realizarse

O proxecto Porto Cabral recolle a construción dun macrocentro comercial, que "contará cun investimento de 600 millóns de euros" e "xerará 4.000 empregos directos". A promotora, Intu Eurofund, insiste en que este é un proxecto estratéxico de Vigo para os próximos 30 anos “polo impacto e o retorno socioeconómico que terá na cidade e a súa área”.  “Será un plan estratéxico de Vigo para os próximos 30 anos, unha locomotora”, destacou o conselleiro de Eurofund, Salvador Arenere, e equiparou o impacto de Porto Cabral ao que tivo a implantación en Vigo da fábrica de Citroën.

Rexeitamento

Pero este proxecto ten un forte rexeitamento veciñal e de gran parte dos comuneiros dos montes de Cabral. Denuncian a intención da xunta reitora da comunidade de montes de Cabral de entregar os terreos á empresa Intu Eurofund para a construción do complexo. Os opositores a Porto Cabral alegan que a cesión do terreo obedece ao interese privado da empresa e da propia xunta reitora, en contra da vontade da maioría dos veciños e comuneiros. Tamén sosteñen que o proxecto infrinxe a Lei de Montes e que en absoluto atende aos intereses públicos e comunais. 

No 2013, os veciños e comuneiros votaron en asemblea sobre Porto Cabral e venceron os contrarios ao centro comercial. Na súa opinión, porque se entendeu que era incompatible co aproveitamento económico sustentable do monte e coa continuidade do comercio local de Vigo. Desde entón o conflito está xudicializado. O pasado verán, o Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Vigo ordenou rexistrar a sede dos comuneiros para localizar a documentación que xustifique o gasto de case tres millóns de euros en terreos. 

A directiva da comunidade de montes de Cabral e as entidades que apoian a reactivación do proxecto iniciaron entón unha recollida de sinaturas a favor para levar o asunto ata o Parlamento de Galicia. A Ría non se vende denuncia que os impulsores da construción do macrocentro comercial tratan de utilizar a precariedade económica para a aceptación do proxecto por parte da cidadanía e apela ao aproveitamento do monte de forma sustentable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

1 Vigués

Un pouco de seriedade, nin o proxecto de Porto Cabral reaparece, levan varios meses recollendo sinaturas e presentando o número recollido, nin arderon os montes de Cabral no fatídico fin de semana de outubro. Podese defender estar en contra do proxecto sen buscar enganar aos lectores con falsos titulares, mira que non haberá outros argumentos.