Os alcaldes ante a vaga de lumes: “Non temos medios e non temos persoal”

Sete rexedores do PPdeG, PSdeG e BNG falan dos incendios. Piden máis medios para limpar e concentración parcelaria para evitalos. "Nos incendios non pode haber nin PP, nin Papá", din sen renunciar a facer "autocrítica". Pero piden que a Xunta asuma os seus "erros" para "mellorar entre todos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2017 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

Máis medios --recursos, máquinas ou brigadas de roza durante todo o ano-- para poder cumprir coas obrigacións de limpeza e o impulso da concentración parcelaria son dúas das "solucións" que distintos alcaldes afectados pola vaga de incendios que sufriu Galicia a mediados deste mes de outubro poñen sobre a mesa para camiñar cara ao freo dos lumes. Pero tamén advirten: "Non temos medios, nin persoal" e piden á Xunta que tamén asuma responsabilidades.

Cadea humana para parar o lume na Avenida de Europa de Vigo, , en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Cadea humana para parar o lume na Avenida de Europa de Vigo, , en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

A maior parte dos alcaldes consultados por Europa Press, cuxas localidades padeceron con especial virulencia os lumes, admiten que a situación da fin de semana do 15 foi "excepcional". Aínda que para todos a prioridade agora son "as axudas", tendo en conta que "o clima non se pode controlar" e que, "quen quere queimar, queima", os rexedores ven necesarios "cambios estruturais" no modelo forestal.

Todos coinciden en que manter o monte "limpo" é "clave" e fan "autocrítica", pero tamén se ven "superados". E é que, "aínda que a lei di o que di" --que os propietarios teñen que manter limpas as franxas de seguridade e que, se non, deben asumilo de forma subsidiaria os consistorios--, ven "inasumible" axustarse a este mandato.

"Non temos medios e non temos persoal. Como imos vixiar quilómetros e quilómetros de estradas? E tampouco vas pór á Policía local a dedicarse a andar detrás dos veciños para que cumpran", manifestou, en declaracións a Europa Press, o alcalde de Negreira (A Coruña), Manuel Ángel Leis (PSOE).

O alcalde de Boborás (Ourense), Cipriano Caamaño (PP), subliña outro caso particular: o dunha localidade marcada pola emigración, como é a súa. Neste caso, alerta do problema que pode supor para un rexedor "ordenar rozar unha leira sen permiso do propietario" ou que este sexa descoñecido, e reclama cambios lexislativos.

Lume en Coruxo (Vigo),  en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Coruxo (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Uns cambios nos que, en todo caso, a Xunta xa avanza na lei de acompañamento dos orzamentos de 2018. Nesta norma, a través da que modifica a lei de prevención de incendios, ábrese unha vía legal para que se poida acceder sen autorización a leiras cuxo dono non foi localizado e que poden supor un risco.

"NOS INCENDIOS: NIN PP, NIN PAPÁ"

"Os concellos pequenos temos un problema gravísimo. Non somos capaces de actuar. Non dá o orzamento", recoñeceu, pola súa banda, o alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández (PP); mentres que o rexedor de San Cristovo de Cea, o tamén popular José Luís Valladares, admite, do mesmo xeito, "moitos inconvenientes para as tarefas de limpeza, sobre todo de persoal".

Valladares afirma que "o importante" é "buscar fórmulas entre todos" para que "os montes estean limpos". "Facer unha concentración parcelaria podería ser un paso importante porque así habería máis pistas forestais. Agora aínda que queiras meter unha máquina non podes. Pero non o sei, hai opinións para todos os gustos", sinalou.

De agrupar as leiras para "facilitar" a limpeza tamén partidario o rexedor de Negreira e subliña que é a Xunta a que tería que impulsar a concentración parcelaria e "solucionaríanse moitos problemas". Máis contundente é o rexedor de Salvaterra, en Pontevedra, Arturo Grandal (PP): "isto só ten unha solución, que é a concentración parcelaria, o resto son remendos".

Pero, por que non se dá este paso? O alcalde teno claro e apunta aos partidos no ámbito autonómico sen excluír ao seu: o PP, á fronte da Xunta con Alberto Núñez Feijóo á cabeza. "Nos incendios non pode haber nin PP, nin papá", reflexiona o rexedor, quen pide avanzar nun modelo forestal que faga rendible o monte e di que fai falla "vontade política".

"Eu sempre dixen que antes de facer autovías ou o AVE había que facer a concentración parcelaria. E mentres, hai que tentar que as persoas limpen e retirar a madeira. E dirás ti, como o financiamos? Pois indo España e Portugal a Bruxelas e trasladando que se lles debería caer a cara de vergoña. Estamos no século XXI e Europa non pode permitir que haxa mortos por incendios", esgrimiu Grandal.

OUTRAS MEDIDAS

Para o rexedor de Boborás, en cambio, a concentración parcelaria "non molesta", pero non lle parece "o máis importante". Considera que, á marxe dos cambios lexislativos que permitan rozar leiras de propiedade privada sen exporse a unha denuncia, a prioridade "é máis financiamento ou máquinas para limpar".

Se o popular Cipriano Caamaño considera que "a protección do lume non pode quedar nas mans dun alcalde", o alcalde das Neves (Pontevedra), Xosé Manuel Rodríguez (BNG), ten propostas en varios ámbitos, empezando porque a Xunta dea "unha alerta previa" cando o aconselle a situación, como, ao seu xuízo, ocorreu o domingo 15. Tamén apela a un cambio na xestión do monte privado e garantir as condicións das vías de comunicación.

"O que fai falta é decisión política e que o terreo produza. Non sei se a concentración parcelaria é ou non a mellor fórmula, pero hai que buscar as vías", esgrime o rexedor nacionalista; mentres que o rexedor de Carballeda de Avia, o socialista Luís Milia, avoga tamén por demostrar á xente que "o monte é unha fonte de recursos".

"O BOSQUE ERA DINAMITA E HOUBO DESCOORDINACIÓN"

Os distintos alcaldes consultados por Europa Press percorren os seus municipios para facer a avaliación de danos e, tanto no caso de Carballeda (Ourense) como dos municipios pontevedreses que suman o catro vítimas mortais, subliñan que o máis importante agora é priorizar a atención ás familias.

Todos buscarán as axudas institucionais tamén para a recuperación das casas afectadas e dos espazos públicos. Así mesmo, fan "autocrítica" e apelan a redobrar esforzos para manter o monte limpo, após deixar claro que se atopan con "dificultades" para poder cumprir con esta obrigación.

Rexedores como o de Baiona, Ángel Rodal (PP), subliña que a reflexión debe facerse "entre todos", cada un asumindo o seu parte de responsabilidade: Xunta, concellos e comunidades de montes. E apuntan aos incendiarios. "Teñen que pagar e pagar ben, que non se vaian de 'rositas'", esgrime o rexedor de Paderne de Allariz.

Sobre o que ocorreu o domingo, todos coinciden en que a situación foi "excepcional". Os alcaldes populares consultados aseguran que houbo "respaldo" da Xunta e "medios", pero tamén que, ante a situación que se produciu, con numerosos focos e vento, nada podería frear a situación e que o papel "máis clave" xogárono os veciños.

"Por sorte, era domingo; os veciños estaban en casa e botaron unha man. Só así se evitou unha traxedia moito maior", cre o popular rexedor de Salvaterra. "Que se houbo medios suficientes? Nin con mil brigadas máis. O incendio era Fórmula 1. Había tornados", exemplifica.

Hai rexedores que non comparten a percepción e denuncian "descoordinación" ou "abandono". É o caso do alcalde de Nigrán, Juan Antonio González (PSOE), en cuxo municipio o lume saldouse con dúas vítimas mortais. "Non pode ser que vivísemos unha situación tan extrema sen ningunha axuda externa. Estaban colapsados, pero tivemos cero axuda", esgrime o dirixente socialista, quen coincide con outros rexedores en que a Xunta non asumiu os seus "erros".

"E creo que Feijóo se equivoca; o que hai que facer non é botar a culpa aos concellos. Poñamos todo o necesario para axudar ás persoas e despois planifiquemos para evitar que isto se volva a repetir. Que se quiten da cabeza o da trama incendiaria e que recoñezan que houbo erros. Hai que ver en que fallamos todos, sobre todos os que teñen máis competencias: a Xunta. Que pasou o domingo? Que o bosque era dinamita e que houbo descoordinación", resolveu.

Zona quemada en un incendio en Chandebrito
Zona quemada en un incendio en Chandebrito | Fonte: Europa Press
Tags: LUME INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

O tripartito PP, PSOE e Ciudadanos seguro que o resolve. Keep calm.