G. Caballero: “Se imos a un Estado plurinacional con nacións culturais, Galicia debe estar con Cataluña e País Vasco”

En todo caso insiste en que o debate territorial "non é prioritario en Galicia". Aspira a "reconstruír" o PSdeG, para o que busca unha liña "autónoma" pero "en sintonía" con Ferraz. Avanza un 'think tank' para "conectar" os "sectores máis dinámicos" e que Touriño e Laxe contribuirán na "formulación de ideas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2017 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

"Se o consenso constitucional avanza cara a un modelo de Estado plurinacional no cal existan nacións culturais, Galicia terá que estar no pelotón de saída xunto a Cataluña e País Vasco", defende o novo líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, desde o convencemento de que as actuais nacionalidades históricas deben "manter a súa especificidade" e estar "no mesmo nivel".

O novo líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero
O novo líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Con todo, nunha entrevista concedida a Europa Press, o recentemente proclamado secretario xeral do PSdeG matizou que eses eventuais cambios "terminolóxicos", se serven para "solucionar o problema catalán", non han de reflectir máis nada que "un compoñente cultural", pois a soberanía debe seguir sendo "compartida" para o conxunto de España.

Ademais, restou transcendencia á utilización dese vocábulo, con moitas e "diversas" acepcións, á vista de que Gregorio Peces-Barba, un dos sete pais da Constitución, xa indicou que "o termo de nacionalidade histórica podía asimilarse ao de nación".

Así pois, ante o proceso de revisión da Carta Magna pactado por PP e PSOE para tratar de liquidar as tensións territoriais existentes fundamentalmente en Cataluña, o dirixente socialista asegurou que aceptaría esa denominación tamén para Galicia se houbese un "consenso xeral".

En paralelo, tras deixar claro que calquera cambio no modelo de Estado debe preservar "a solidariedade" e "respectar o equilibrio económico e financeiro" de todas as autonomías, Caballero reivindicou "o compromiso galego e galeguista" do PSdeG e mostrouse partidario de "avanzar" na reforma estatutaria para dotar a Galicia "dun maior autogoberno".

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero | Fonte: galiciaartabriadigital.com

Dito isto, xulgou que o debate territorial "non é prioritario" en Galicia. Si o son, en cambio, os "problemas económicos e sociais" nos que se centrará o PSdeG: "Nas nosas formulacións ideolóxicas está a loita contra a desigualdade e o apoio aos máis débiles".

"A ALTERNATIVA"

Ao fío diso, sinalou que a posición do seu partido neste tipo de cuestións permite ao PSdeG diferenciarse "das posicións nacionalistas ou independentistas" nas que "se move" o resto da oposición en Galicia. "O compromiso de esquerdas máis nítido é internacionalista, e está a favor de avanzar cara a sociedades máis xustas con independencia das fronteiras", esgrimiu, para salientar que os socialistas son "a esquerda" e "a alternativa ao PP".

Por iso, aínda que aposta por manter o "diálogo" con En Marea e BNG, o economista vigués nado en Ponteareas avoga por "explicar aos cidadáns que representa" cada formación. A súa estratexia de oposición, como avanzou, pasará por "recuperar o músculo político perdido nos últimos tempos", nos que o PSdeG, conducido por unha xestora, viu "desdibujarse" a súa posición. "Temos que traballar para recuperar unha maioría social de apoio", incidiu.

Neste sentido, proponse actuar "de forma coordinada" con organizacións e movementos sociais que perseguen "un cambio político" pero que "ven como ningunha outra organización lidera esa posibilidade de confluencia".

"RECONSTRUÍRNOS"

Só desa maneira, a xuízo de Gonzalo Caballero, poderá o PSdeG volver ser "alternativa" ao PP, máxime cando as forzas de esquerda non están a ser "capaces de desgastar ao PP o suficiente" nos debates parlamentarios.

"O noso grupo está a facelo ben", ratificou, até o punto de que xa confirmou a Xoaquín Fernández Leiceaga no seu papel de portavoz, pero interpretou que a maioría absoluta do PP e unha oposición fragmentada impiden "visualizar" a alternativa.

É por iso que concluíu que é ao partido ao que lle corresponde ese labor. "Eu dedicarei o meu esforzo a reconstruírnos no ideolóxico e o programático, e á configuración de novos equipos para abordar os próximos retos con fortaleza", prometeu.

"SEN EGOS NIN PERSONALISMOS"

Neste punto rexeitou Caballero anticipar se concorrerá ás eleccións galegas como cabeza de lista do PSdeG, consciente de que o seu labor agora pasa por "fortalecer" o partido e "traballar para que estea en condicións de liderar o cambio político".

"Sen egos nin cuestións personalistas", proseguiu, antes de apuntar que, unha vez se convoquen os comicios, el estará "dispoñible" para figurar no cartel socialista no caso de que constitúa "a mellor opción posible".

Tamén optou por "ser cauto" ante a pregunta de se podería recalar nunha lista ao Congreso ou o Senado, dados os cambios que está a experimentar o mapa político, pero si selou que "de momento" non asumirá "ningún tipo de responsabilidade institucional".

RELACIÓN CON FERRAZ

Outro dos asuntos que abordou na entrevista é a relación que pretende ter coa dirección federal do PSOE. "En sintonía", pero con "autonomía" para marcar desde Galicia a posición sobre os asuntos que lle afectan, resumiu, e agregou: "Hai unha certa marxe de acción propia para o PSdeG no cal nos imos a mover".

Así mesmo, concretou que a recuperación da estrutura comarcal que se aprobou no congreso, unha demanda que estaba "moi presente" na súa formación, levará a cabo "nos próximos meses".

Tamén nese horizonte temporal prevé a posta en marcha dunha fundación que, a modo de 'think tank', nutra de ideas ao PSdeG e a conecte " cos sectores máis dinámicos" da sociedade a nivel "cultural, económico, social e técnico".

De igual modo, Caballero deu conta de que os expresidentes socialistas da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, contribuirán nesta etapa do partido na "formulación de ideas".

"APRENDER" DE TOURIÑO

A ambos elevounos á categoría de "referentes" e agradeceulles a súa disposición a colaborar, pero centrouse en eloxiar o "papel fundamental" que tivo Touriño.

Tras lembrar a saída "abrupta" e "pouco acertada" que se lle deu en 2009, cando a primeira maioría absoluta de Feijóo impediu reeditar o bipartito, reparou nas analogías que presenta a situación actual coa etapa na que o exmandatario fíxose coas rendas do PSdeG.

"Pola situación política xeral, pola situación interna do partido... Hai elementos en común que nos poden inspirar a marcar unha liña de acción propia pero que aprenda daquela experiencia", reflexionou.

"DIÁLOGO" CON ABEL CABALLERO

Tamén falou o novo líder do PSdeG sobre a relación co alcalde de Vigo, Abel Caballero, o seu tío e ao que estivo enfrontado politicamente durante anos. Despois de incluír á súa man dereita, Carmela Silva, entre os enviados de Galicia ao Comité Federal do PSOE --o máximo órgano do partido--, Gonzalo Caballero explicou que o seu obxectivo é "establecer pontes de diálogo e de comodidade" co rexedor dentro do "compromiso de cambio e renovación" que el preconiza.

"Para que o seu traballo municipal, que é importante e debe mantelo, sexa compatible coa nova fase do PSdeG que marcaron os militantes", recalcou, e minimizou o feito de que Abel Caballero decidise non implicarse nas cuestións do partido. "Ten unha inmensa tarefa na cidade e o seu compromiso é fundamentalmente municipalista", alegou.

Finalmente, a colación da mensaxe de "renovación" do PSdeG do que fixo bandeira, atribuíu ao seu intento de introducir "unha cota" o feito de que non se integrase ao sector que apoiou ao seu opoñente en primarias, Juan Díaz Villoslada. "Reclamaban unha porcentaxe que non se correspondía", resolveu.

Gonzalo Caballero, Touriño y Laxe en el congreso del PSdeG
Gonzalo Caballero, Touriño y Laxe en el congreso del PSdeG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

11 Alberte

A estes lhes pasa como a meirande parte da povoación. Cando hai algo que non encaixe nos seus prexuizos, agochan a cabeza, como as avestruces. A ver si vos enterades: Espanha non vai cara ao reconhocemento dun estado plurinacional pero con centro de dirección en Madrid, os mesmos corruptos de sempre, é dicer, todo igual, pero melhor maquilhado. Non é así: A ver si te enteras: Catalunha vai cara a independencia! Entendes ou hai que cho dicer en inglés?

1 Alberte

e por suposto republicana. QUe ti non sei si és republicano, unionista, dinástico e non sei que máis. Que sodes vós? Pois todo apunta a que sodes os filhos "reveldes" do PP.

10 anonimo

https://www.lavozdegalicia.es/notic... Que decepción Gonzalo... Inda que quizais esteas a tempo de remedialo...

9 anonimo

O peor é que eu coido que non sabe nin os problemas que lle pode provocar algún dos que van na súa lista... xa o saberás e xa te acordarás de que eu te avisei. Tes xente xa cabreada, por que tiñas que empezar así e non buscando persoas cun perfil máis discreto e que non andivesen metidas en problemas por onde foron. Cóidade, porque nesa compaña valo necesitar.

8 anonimo

Eu tiña esperanzas nel, pero visto o equipo... O peor é que penso que é o sentimento de moitos militantes. Non se pode incluír a persoas que só sementan división por onde van e despois fala de pontes... Que lle pregunten a algúns dos afiliados o arrepío astral que os recorreu ao ler o nome dalgún membro da candidatura.

7 Noa

Gonzalo Caballero, Abel Caballero, Gloria, etc,etc,etc. Todo queda en familia en la universidad o en la política. Qué raro