A folga en Bershka mantense a pesar do silencio de grandes medios

A representación do persoal mantivo este martes unha primeira xuntanza coa dirección do grupo Inditex que rematou sen acordo. Tanto a CIG como as propias traballadoras denuncian "silencio informativo".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/11/2017 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A folga convocada en todos os establecementos de Bershka na provincia de Pontevedra chegou xa ao seu séptimo día este mércores cun seguimento total por parte das arredor de 65 traballadoras, que este martes volveron concentrase ás portas das tendas aproveitando que unha xornada máis tampouco abriron as súas portas.  A representación das traballadoras mantivo unha primeira xuntanza en Santiago coa dirección da empresa que rematou sen acordo, polo que o paro indefinido continuará nesta cadea do grupo téxtil Inditex.

Folga das traballadoras de Bershka, do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra
Folga das traballadoras de Bershka, do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra | Fonte: CIG

Os cinco establecementos de Bershka na provincia de Pontevedra (tres en Vigo, un en Pontevedra e outro en Vilagarcía permaneceron este martes sen actividade como consecuencia da folga convocada polo comité de empresa contra a discriminación laboral que padecen as empregadas pontevedresas con respecto ao persoal doutras provincias.

Ao igual que nas xornadas anteriores, as traballadoras concentráronse dende primeira horas ás portas das tendas, onde aproveitaron para repartir folletos informativos e recibiron o apoio da veciñanza, tal e como informa a CIG, sindicato ao que pertencen cinco empregadas da cadea. “O conflito laboral está a espertar unha gran vaga de solidariedade non só no país senón tamén no conxunto do Estado a pesar do silenciamento informativo de boa parte dos medios de comunicación”, engade.

De feito, a redacción de GC chegaron varias peticións para que se informe da situación laboral destas traballadoras, da súa folga e da discriminación que sofren con respecto ás súas compañeiras do resto de Galicia. 

Xuntanza con Inditex

Ademais, a representación do cadro de persoal trasladouse o martes até Santiago para manter unha xuntanza coas responsábeis de recursos humanos da empresa, que accedeu a manter a reunión tras a protesta desenvolvida onte polas traballadoras diante das instalacións de Inditex en Arteixo. Tanto o contido da xuntanza como a continuidade da folga e das mobilizacións foron abordadas na asemblea de traballadoras que se celebrou este mércores no local da CIG.

Entre os apoios chegados dende distintos puntos do Estado salienta o da central sindical vasca LAB, que fixo público un comunicado no que lle traslada o seu apoio e solidariedade ao persoal pontevedrés de Bershka. Lembran que Inditex gañou 3157 millóns de euros en 2016, o que supón un aumento do 10%, e que “aínda que Amancio Ortega intente comprar o silencio das traballadoras con pagas de beneficios de dubidoso obxectivo fiscal, as que traballamos día a día para as marcas do grupo sabemos que para esta multinacional as empregadas/os somos un mero instrumento para aumentar os seus beneficios”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela