Como ensinar galego desde o multilingüismo e a variedade

As xornadas de lingua e literatura galegas no ensino abordarán os retos que impón o plurilingüismo na aula.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/11/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

As terceiras Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino desenvolveranse os días 17 e 18 de novembro na Facultade de Filoloxía co lema ‘Ensinar galego dende o multilingüismo e a variedade. Enfoques e experiencias’. Están destinadas ao profesorado de ensino secundario da especialidade de Lingua galega e literatura así como a todas aquelas persoas preocupadas polo ensino e aprendizaxe deste idioma. 

Chapas co lema Eu falo galego, unha campaña do CEIP Víctor López Seoane
Chapas co lema Eu falo galego, unha campaña do CEIP Víctor López Seoane | Fonte: bibliomistos

Os dous centros de interese do programa serán as actitudes lingüísticas da mocidade, con especial atención ao tratamento na aula da complexa relación existente entre a variedade estándar e as variedades faladas vernáculas, e os retos que impón o plurilingüismo na aula, con especial atención ao traballo integrado de linguas. 

A finalidade desta acción formativa será ofrecer unha oportunidade para a reflexión sobre algúns aspectos da situación sociolingüística e do marco legal educativo galegos que teñen un impacto directo na docencia desta lingua, ao tempo que se ofrecen como foro de intercambio de ideas, suxestións e experiencias para o profesorado de lingua e literatura galegas, en exercicio ou en formación.

As xornadas están homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de 12 horas de formación permanente do profesorado. A inscrición, gratuíta, formalízase cubrindo o formulario que se encontra na web

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta