Leyma suma no derbi

O Básquet Coruña imponse 84-87 a Rio Ourense Termal no Paco Paz e acada a segunda vitoria na Liga. Os de Aranzana, que anotaron 14 triplas e 17/18 tiros libres, venceron cun parcial de 0-6 nos últimos dous minutos. Este sábado, Leyma-Lleida e COB-Valladolid.

Por gcdeportes | Ourense | 02/11/2017 | Actualizada ás 08:24

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Rio Ourense Termal 84:
Reggie Johnson (14), Roope Ahonen (10), Alberto Maura (0), Héctor Manzano (13), Orlov (2) –cinco inicial- Dan Trist  (21), Verners Kohs (7), Ndoye (6), Víctor Moreno (6) e Martín Rodríguez (5).
Leyma Coruña 87: Jorge Sanz (13), Trevor Cooney (16), Gilling (5), Dmitry Flis (20), Sergio Olmos (9) –cinco inicial- Mike Torres (9), Ángel Hernández (7), Sonseca (7), Jesse Chuku (1), Pablo Ferreiro (0) e Larry Abia (0).
Parciais: 28-23, 22-28 (50-51), 19-15, 15-21 (84-87).
Árbitros: Ángel de Lucas e Daniel Pazos. Eliminaron por cinco faltas a Ndoye.
Incidencias: partido aprazado da 4ª xornada da LEB Ouro disputado no pazo Paco Paz ante preto de 2.500 espectadores.

Héctor Manzano e Roope Ahonen anotaron senllas triplas para poñer por diante 84-81 a COB a falla de 2:15. Pero os ourensáns precipitáronse nos últimos ataques, non volveron anotar, e Leyma, con moito acerto no tiro, levouse un derbi igualado con seis tiros libres finais sen erro: dous de Trevor Cooney (84-83), dous de Dmitry Flis (85-86) e dous máis de Jorge Sanz para o 84-87 final. Básquet Coruña suma a segunda vitoria, COB queda pechacancelas con unha.

Ata o descanso, acerto en ataque e 50-51. COB xogaba mellor, e por momentos semellaba quen de rachar o partido, pero Leyma agarrouse ao partido grazas ao acerto dende 6,75, anotando ata dez triplas nos dous primeiros cuartos. Tralo 7-0 inicial, triplas de Cooney, Gilling e Jorge Sanz (17-13). Ourense tentaba abrir oco, pero Sonseca e Mike Torres anotaron outras dúas triplas e o primeiro cuarto rematou 28-23.

Dan Trist anotou dúas triplas e Aranzana parou o partido con 36-26. Dúas triplas de Flis e outras dúas de Cooney achegaron o Leyma (44-41). E dúas canastras de Mike Torres e a décima tripla visitante, de Jorge Sanz, puxeron por diante a Básquet Coruña ao descanso (50-51).

Cooney reanudou o partido con outra tripla (50-54), pero COB respostou cun parcial de 6-0 para recuperar a iniciativa. O acerto baixou no terceiro acto e foi o COB, con triplas de Víctor Moreno e Kohs quen volveu abrir oco (69-61). O ex-cobista Dmitry Flis achegou a Leyma con outra tripla (69-66) antes do último cuarto.

Tripla de Khos e os puntos de Reggie Johnson e COB volveu tomar vantaxe 76-68. Pero os de Gonzalo García estiveron máis de catro minutos sen anotar, e Leyma aproveitou para darlle a volta ao marcador (76-78) tras un parcial de 0-10. Ourense parou o partido pero Flis anotou a súa cuarta tripla (78-81). Respostaron Manzano e Ahonen (84-81), pero os coruñeses xogaron mellor os últimos dous minutos e anotaron seis tiros libres consecutivos (84-87). Héctor Manzano e Reggie Johnson erraron as triplas finais para empatar o encontro. Este sábado, nova xornada: Leyma Coruña-Lleida e Rio Ourense Termal-Valladolid.

Ahonen e Flis no derbi con bo ambiente no Paco Paz.
Ahonen e Flis no derbi con bo ambiente no Paco Paz. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Sergio Olmos defendido por Volodymyr Orlov no derbi COB-Leyma.
Sergio Olmos defendido por Volodymyr Orlov no derbi COB-Leyma. | Fonte: Carlos Domarco (COB)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta